A opinión dos docentes...non conta?

1 jun 2022

Tratar de decatarse do que sucede non é perder o tempo

“Ou nos salvamos xuntos ou perecemos” debera ser o mantra a non perder de vista; sen unha cultura educativa equitativa, os conflitos irán a máis.


A aceleración do tempo
, é dicir, a percepción subxectiva que temos estes días do que pasa ao noso ao redor, ou de como nós pasamos por situacións cambiantes, é tan forte que corremos o risco de equivocarnos na apreciación da coxuntura en que andamos. A cantos se atopen en idade adulta ou nesa que, para ocultar a vellez, adoita publicitarse como “terceira idade”, pareceralles que nos atopamos nun remuíño de final impredicible e difícil recondución. En tal consideración entrarán, xunto a decepcións persoais da “experiencia”, asuntos últimos en que falar de “nova normalidade”, durante a pandemia da Covid-19, aliviaba a tensión que parecía traslucía a rúa, ás veces deserta de vida. Incluirase, así mesmo, o crecente peso de canto está traendo consigo a guerra rusa en Ucrania nos case últimos 100 días, con efectos inducidos no noso consumo diario de enerxía, recursos e alimentación, máis as súas derivacións en emprego e alteracións do que entendiamos estándares básicos no “progreso” e “calidade de vida”.


Natureza e Cultura


Os modos de mirar tanta regresión dependen en gran parte de xuízos e recordos previos que levamos encima. Na conxunción actual de ingredientes, moitas persoas só verán que non os controlamos; é posible, ata, que os vexan como algo dado, dependente de forzas que estiveron sempre aí, como os penedos da orografía galega, que entre que nacemos e morremos parecen inalterados e estáticos, sen que se deba á nosa vontade a súa presenza na paisaxe. Con todo, separar, distinguir, comparar, clasificar e considerar que é o imponderable e que depende de accións ou omisións en que estamos dalgún modo involucrados, é o que diferencia a racionalidade da irracionalidade. Lograr facelo con máis acerto ou menos é algo que debemos basicamente ás pautas socioculturais que transpira o pensar, proceder e actuar de cada quen, e en gran medida son responsabilidade propia.

Non debera ser o momento para que cada cal insista en mirar o seu embigo como o centro do mundo e, a continuación, radicalizar o sálvese quen poida. O que mostra a evolución das especies -e a dos humanos desde antes de Lucy, no val do Rift- é que hai momentos cruciais en que salvarse e saír airosos non é competencia dos máis fortes da manada, senón da capacidade de solidariedade e traballo conxunto de todos. Quen teñen na súa man un control grande de poder, de comunicación cos demais ou de monopolio do coñecemento e a súa difusión, tratan de darlle a volta a este principio facendo valer a diferenza que lles dá o ser eles quen se aproveitan das sinerxias dos demais. Pero esa actitude monopolística non significa que teñan “a razón”, senón só capacidade para seguir impoñendo modos de aproveitar ao máximo, en proveito propio, a extracción do valor do traballo da colmea. Anceian  que os recipiendarios dos seus adoutrinas se deiten, namentres, polo puro escepticismo de que o que sucede sucedeu sempre, o homo homini lupus e demais monsergas que nos inclinen a ver “o que hai” como o único horizonte posible. Por ese camiño, o momento actual de “val de bágoas” volverá conducir a donde outras veces, en que o medo á liberdade de pensar e ver foi substituído polo medo ao outro, ao diferente, e a mirar o futuro por un buraco ben coñecido: os fascismos. John Dewey advertía en 1940, en Liberdade e Cultura, que o risco para a democracia non estaba nos totalitarismos doutros, senón na “existencia nas nosas actitudes persoais e nas nosas propias institucións, daqueles mesmos factores que neses países outorgaron a vitoria á autoridade exterior e estructuraron a disciplina, a uniformidade e a confianza no líder”. Non lles estrañe, xa que logo, que, nos anos que nos tocaron dese cariz, entre os expurgos de bibliotecas -e en bibliocaustos como os que se fixeron públicamente en moitas das nosas cidades-, este autor americano fose un dos preferidos para queimar; tamén debera ser máis coñecido o pouco interese demostrado, logo da CE78, por ter unha educación realmente pública, acorde cos intereses de todos.


Volver empezar


En momentos de dúbida e escepticismo como o actual, en que o fácil é renunciar a toda posibilidade de arranxo satisfactorio do que parece un desastre absoluto e sensentido, é moi pertinente volver os ollos a unha educación de calidade, en que sen distincións de clase, priorizar o que afecta aos cidadáns por igual. Para “virar a frecha do tempo”, que di George Latour, hase de partir doutras narrativas capaces de crear pensamento positivo, favorable á vida de todos. Non todo relato vale e menos o que ampara unha anfiboloxía rendible aos dictados do “Deus mercado”. Na educación que temos en España, advírtense hoxe presenzas deste tipo, que distorsionan o desenvolvemento dun sistema escolar xusto. Disfrazar de “interese xeral” o uso de recursos públicos contrarios ao ensino equitativo pretendendo un estatus privilexiado no sistema, alimenta unha bipolaridade anacrónica ante un mundo cada vez máis plural; e situar alegremente o consumo educativo entre as cousas a comprar para distinguirse, non mellora o seu valor democrático, por máis que do conflito de intereses saquen proveito rendible uns poucos.

O relato dominante do que sucede entre Ucrania, Rusia, Europa, EEUU, e por suposto España, é unha ocasión perfecta para ver de que vai, nun asunto de tan graves consecuencias para todos, disfrazar as palabras. Os relatos que oímos non desmerecen dos de calquera outra época en que os prexuizados intereses distorsionaban toda veracidade. Repítense nas narrativas dos hostaleiros, pese a que os ruídos e molestias que xeran as extensións dos seus dominios sobre as beirarrúas das cidades, produzan un manifesto deterioro da convivencia veciñal. E igual sucede co falso debate en torno ao currículo a estudar polos adolescentes actuais cando transitan polo Bacharelato; a moitos dos que falan ou escriben en torno a unha Historia de España de todos, o que menos lles importa é que sexa científicamente veraz e pedagoxicamente útil para que política e educación -a POLITEIA e PAIDEIA aristotélicas- non desentonen.
Todo indica que, no camiño democrático a percorrer para resolver os problemas comúns, falta moito por andar. Para xerar na educación de todos unha cultura de facer ben as cousas, sen desprezar a ninguén, o máis arduo -logo dos 44 anos últimos- é admitir que incesantemente hase de volver empezar, como xa dicía Celso Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra (en 1962)

.
TEMAS: Aceleración do tempo.- Narrativas dominantes.- Cultura democrática.- Cultura escolar.- Deus Mercado.

MMC (Madrid, 01.06.2022)

No hay comentarios:

Publicar un comentario