A opinión dos docentes...non conta?

21 jul 2022

O cabalo de Troia segue vivo

Neste presente, as formas trileiras de distracción seguen sendo múltiples, moi aptas para intereses alleos a unha sa convivencia democrática.

Desde que Homero contou cara ao século VIII a.C. a “oca emboscada” de que se valeu o astuto Odiseo para derrotar aos troianos, serviu de metáfora para contar estrataxemas con que aproveitarse da credulidade. Múltiples foron as versións artísticas e literarias, particularmente as de Eurípides e Virxilio, a esta invención enganosa. Dicir hoxe «cabalo de Troia» segue sendo habitual alegoría do uso da aparencia de verdade para proveito propio a conta do dano alleo. Aí están as advertencias sobre malware que pode danar o software do móbil e do computador, “troianos” que rouban contrasinais, contas bancarias e datos de valor para o descoidado. A técnica de distracción de Ulises é habitual nas estratexias militares, nas transaccións económicas, en xogos tácticos como o xadrez e, por suposto, na publicidade e outros aspectos da vida cotiá.

 Os noticieiros

O “cabalo de Troia” está presente en moitas decisións que outros toman e nnos afectan. Por iso os noticiarios son un magnífico escaparate para observar a viveza que mostra na narrativa de noticias, en que nos coan información interesada e non sempre veraz. Houbo un tempo, nos anos oitenta, en que se puxo énfase en que fose obxectivo relevante do ensino o logro dunha lectura “crítica”. É dicir, que non se dese por bo o que calquera libro, xornal, revista, radio ou televisión puxese en circulación, debía afrontase sempre cunha bagaxe de desconfianza antes de dala por boa. Para non perderse, logralo require tempo e paciencia a quen aspire a ter competencia en “lectura comprensiva”. Corenta anos máis tarde, cando medrou exponencialmente a información e a súa circulación nos dispositivos electrónicos, este obxectivo complícase. Non parece, que se logrou moito neste campo máis aló da lectura “mecánica”, hoxe accesible a todos e moitas persoas de todas as idades teñen dificultades para discriminar autonomamente información fiable que mereza a pena.

Creceu a monotorización estandarizada da manipulación de mensaxes; expertos como Umberto Eco, Chomsky, Lakoff ou Noemí Klein, mantivéronnos advertidos, pero nas respostas que transmiten as culturas urbanas dominantes predomina unha alta dose de semianalfabetismo lector. Tería lóxica se se contemplase unicamente a parte alta da pirámide de idades, cuxo input escolar foi malo, mediocre ou inexistente. Pero cando se constata que esa incapacidade de ler ben alcanza de cheo ás cohortes do alumnado posterior aos Pactos da Moncloa, advírtese o seu nivel antidemocrático; detectáronse en 1977 graves problemas de escolarización e a clara divisoria que se estableceu entre ensino privado e público. O problema é que eses signos continúan visibles nos índices de “fracaso escolar”, e os pasos diferenciais cara a el, nas diversa formas de abandono aínda existentes no actual sistema educativo. Este fracaso do sistema -colateralmente dos cidadáns- é máis grave aínda se se ten en conta que, en cidades como Madrid, a Comunidade teoricamente máis rica, pero con menos investimento en educación pública entre todas as demais, só un 40% asiste xa a centros da rede pública, mentres crecen as axudas á rede privada por distintos medios. Mesmo “os non nados” contan, antes de nacer, a efecto de solicitar bolsas para estes centros aínda que os ingresos familiares superen amplamente os 100.000 euros.

 Igual que en Sanidade, o modelo educativo de Madrid -que se exporta pouco ás outras Comunidades-, defende que todo irá mellor se todos os cidadáns acabamos privatizados nunha entidade aseguradora e nun ideario “privado” de ensino. A “liberdade á madrileña” crece co liderado de A. N. Feijóo: a intención de voto xa o prefire respecto a outras opcións, aínda que os seus seguidores non ven aos pobres do último informe FOESSA: tres millóns de persoas das que millón e medio estarían en situación de exclusión. Crece a fenda social respecto ao 18% dos que teñen as maiores rendas, e o rampante semianalfabetismo, proclive a todo tipo de bulos e supersticións en mensaxes de móbil, é fonte de votos tan aceptable, que o neoliberalismo pastorea nel os seus “cabalos de Troia”. Crecen os indicadores de desigualdade, pero a moita xente élle indiferente o que diga a Constitución sobre os seus dereitos. Se polos feitos nos guiamos, e non polos lemas en que insisten moitos gobernantes –e indirectamente os medios-, o semianalfabetismo é rendible. Empeza a dar igual que nos apartados 1-4 do art. 27CE  se pactase unha escolarización universal digna, apta para “o desenvolvemento da personalidade” se estruturalmente segue sendo desigual. Que máis dá que o cumprimento do art. 43 esixa unha “organización”, “tutela” e “protección” do “dereito á saúde” se medra aceleradamente a tendencia privatizadora.

A mediocridade lectora actual dana a sa convivencia, ao ser incapaz de distinguir que a boa información presta atención a como os indicadores de ambos os dereitos evidencian unha crecente cronificación da desigualdade. A regresión acelerada a onde adoitabamos andar antes de 1975 está a xerar bos lectores que, para entendelo, confesan ver na historia da torre de Babel e o seu “vurullo da linguaxe” (Xénese, 11, 9), non un acontecemento do pasado, senón unha  premonición dun presente en que os mandamentos contra a mentira, o roubo, o falso testemuño e a cobiza (Éxodo, 20, 12-17) nutren as políticas actuais en canto ao uso de recursos públicos en proveito de intereses dos ricos. Viron, ademais, que naquela atmosfera do xudaísmo bíblico, en que esta palabra non tiña boa prensa, xa existía “a chusma de malvados, turba dos axentes do mal, os de palabra envelenada contra os íntegros sen temer nada” (Salmos. 64, 3-6). E que, nos Evanxeos cristiáns, os fariseos, sepulcros branqueados (Mt. 23, 13-32) e timadores da credulidade, teñen tanto protagonismo como Herodes, Poncio Pilato e os mercadores que fan do templo “unha cova de bandidos” (Mt. 21,13).

 Este verán

Xullo e agosto adoitaban ser, non fai moito, o tempo en que os xornais inventaban máis noticias; as que tiveron a man os nados despois da Guerra, por como mudaban o sentido de acontecementos, non foron menos míticas que a do monstro do Lago Ness; a intensa manipulación da Historia de España, o currículo escolar e a censura, impedían coñecer os que afectaban de cheo ás súas vidas. Na democracia actual, a liberdade informativa acumula tantas modalidades de ficción mentireira que, ás veces, coa saturación de indiferenciada información, semella unha nova reprobación inquisitorial. A súa relación co cabalo de Troia é moi rechamante este verán; tan premonitorio é do intolerables que poden ser os que veñan na década seguinte, que é asombroso o sesgo das noticias sobre incendios, climatoloxía, turismo, a guerra en Ucraína e os seus efectos inflacionarios. O escenario de futuro é inquedante, pero case todo este material, de aparencia moi testemuñal ás veces, procura infantilizar a lectores e oíntes para que non miren máis aló deste fugaz presente. Con todo, deséxolles un feliz verán, sorte e… deica setembro.

TEMAS: Manipulación informativa.- Memoria histórica e democrática.- Semianalfabetismo.- Educación e Sanidade públicas.- Cambio climático.

 MMC (20.07.2022)

No hay comentarios:

Publicar un comentario