A opinión dos docentes...non conta?

14 sept 2022

Rituais actuais da realeza

A acaparación do espazo mediático por parte da monarquía inglesa realza a imaxe desta forma de goberno.

Os rituais funerarios destes días provocan moi distintas reaccións, todas de gran interese sociocultural. O mundo das monarquías é pródigo estes días en emitir mensaxes, non todas desinteresadas nin coherentes. Na sutilidade da información mediática xóganse acertos e desacertos que poden dar ao traste con esta institución ou, ao contrario, darlle maior consistencia e relevancia.

Isabel II (de Inglaterra)

O falecemento de Isabel II de Inglaterra sacou á luz, con gran abundancia de medios que a BBC alimentou en primeira liña, unha vida aparentemente transparente de servizo cabal ao seu país. Vista desde a súa lonxevidade no trono desde os anos cincuenta, o acontecemento e o ríxido protocolo con que está a ser acompañada a despedida, están a centrarse no lado amable da presenza da monarquía inglesa representando ao país en todos os feitos relevantes, e á beira de todas as personalidades que tiveron algo que dicir, no transcurso de todos estes anos. Entreverar dossieres de fotografías da vida familiar –tamén a máis cordial- da raíña foi parte principal deste relato, que se esmerou en mostrar unha personaxe sólida, responsable e coherente, sempre fiel ao seu papel institucional dentro da tradición inglesa de monarquía constitucional. A mensaxe para transmitir foi clara: Isabel Windsor cumpriu amplamente co papel sutil de estar sen interferir, aconsellar sen impoñer, acompañar e non abafar as institucións democráticas desde o cumio unitario do Reino Unido e Irlanda do Norte. O boato e a riqueza de recursos postos a disposición, como despedida, non fai senón corroborar a mensaxe que aínda estes días que faltan ata a súa despedida final nos funerais de Westminster o próximo día dezanove, reiterarase.

Parece ser que o bo recordo é sólido para un 80% dos ingleses, pero non pode dicirse que sexa igual en territorios como Escocia, onde estes días puideron verse xestos non precisamente devocionais. Tras ese aparato espléndido, combínanse tradicións do pasado e urxencias do momento nun momento tan crítico como o que se viven os votantes do Brexit; esta última contribución da raíña ao interese xeral do seu país transpira agradecemento. Á parte de que calquera poida resucitar imaxes de historias menos encantadoras, que propicien relatos menos compracentes, o seu fillo Carlos III non o terá fácil: empezar a exercer o papel da súa nai aos 73 anos, despois de asuntos antipáticos nosque a prensa  tanto o mesturou, non é un bo currículo para moitos ingleses que, no tempo que vaia a desempeñar o papel monárquico, veranno de modo máis crítico e esixente; da análise que fixeron dos seus xestos destes días, non se deduce que vaian ser condescendentes.

O loito madrileño

A outra cara deste acontecemento -mediático e histórico-, foi a vivencia do mesmo en España. As principais reaccións que suscitou poden sintetizarse ao redor de tres asuntos complementarios que documentan unha imaxe da monarquía non necesariamente igual. En plan de previr comparacións, ou simplemente por gesticular de modo independente ao establecido para a alta relación diplomática entre Gobernos, na Comunidad de Madrid .-e na de Andalucía en menor grao- tiveron a ben declarar tres días de loito acompañados doutros aparatos en que deixar claro o duelo especial que a morte de Isabel II -de Inglaterra- esperta nestas partes de España. Este xesto suscitou reaccións de todas as cores, con primacía de cantos o cualificaron como disparate solemne. No espectro de comunicación desta institución do Estado español -con alto nivel de renda-, dá a impresión de tratarse dese tipo de modais propios de novos ricos, alleos á existencia doutras persoas no mundo. No seu afán demostrativo non lles importan as meteduras de pata aínda que demostres gran ignorancia e insolidariedade. As súas estratexias de propaganda van por libre e non se cortan ante nada aínda que non concorde coa imprescindible unidade básica de todo Estado moderno.

 E a Zarzuela

Nos mesmos días, a plataforma HBO difundiu unha pequena serie de gran interese documental: Salvar o rei. Destaca nela a conxura de moitos medios, institucións e persoas, por preservar ao actual rei emérito de que a súa imaxe constitucional se deteriorase en exceso dada a propensión temperá que mostrou a desvariar respecto ao papel que se lle asignou na cúspide da Xefatura do Estado Español. Nos capítulos vanse sucedendo en orde cronolóxica, desde antes da morte de Franco, os momentos principais de desaxustes da persoa co personaxe que debía ser. A abundante documentación gráfica e escrita, coas voces e comentarios dun amplo espectro de xornalistas e persoas que foron testemuñas máis ou menos directas do que se relata, dá gran fiabilidade ao conxunto e, en particular, a dous momentos principais en 1981 e 2012. O seu papel na primeira desas dúas datas con motivorenxeu moito cando o 13 de abril da segunda datación, os españois coñeceron que Juan Carlos I –nunha etapa de gran recesión económica- voaba de emerxencia desdeBotswana. Aquela cacería extemporánea, xunto á súa amiga íntima Corinna Larsen, foi o momento en que a acumulación informativa dos medios desbordou o complot de silencio protector e, á beira de grandes incoherencias co cargo que detentaba, empezaron a aparecer outros xestos últimos, dos que sópretextos interpretativos de “inmunidade”ou sobresementos por prescrición salváronlle de que explicarse #ante un Tribunal xudicial.

O remate destoutra secuencia está a poñelo outro protocolo, o da asistencia da Casa Real española ao funeral londinense da raíña inglesa. Comunicouse que, á parte da representación do Goberno, por parte da Zarzuela asistirán Felipe VI e a súa esposa, pero que tamén irá –por ter sido Xefe de Estado-, acompañado da súa aínda esposa oficial- o rei emérito, desvinculado formalmente da imaxe que deba proxectar o seu fillo. Será complicado lograr que non a contamine e non sobreveña entre os españois máis detrimento da figura monárquica, especialmente entre cuantos nos oitenta esqueceron a fórmula de goberno republicano. Non vivimos no Antigo Réxime, anterior a 1789, pero por encima do que debe ser unha imaxe monárquica imparcial, atenta ao interese xeral, pode estarse sobrepoñendo xa no imaxinario colectivo a dunha vontade impredicible e adolescente, que non deixa de emitir rancias mensaxes de desigualdade, tamén perante a lei.

TEMAS: Monarquía democrática.- Antigo Réxime monárquico.- Igualdade ante a lei.- Salvar o rei.

MMC (Madrid, 13.09.2022)

No hay comentarios:

Publicar un comentario