A opinión dos docentes...non conta?

18 nov 2024

Cara a unha escalada inacabable

 O número de asuntos que se ven afectados polo resultado electoral de EEUU non fixo senón empezar a advertirse.

Ao revés do acontecido coa pandemia da COVID-19, en que houbo unha sensación de abatemento xeral antes de que chegasen as boas noticias da desaparición do seu perigo, no momento actual a depresión empeza a render na  poboación atenta á evolución da sensibilidade colectiva. Ata onde vaia alcanzar, está por ver, pero non son de bo agoiro as noticias que están a ver a luz antes de que o 20 de xaneiro cambie a presidencia de EEUU.



Efecto certo son as escaladas bélicas nos dous focos principais de conflito armado, a terra de Palestina e as chairas de Ucraína, ambos os dependentes en boa medida dos intereses americanos. Na “Terra prometida” do Antigo Testamento, aproveitan para completar o dominio dun territorio único baixo control de Israel. A conxuntura élles propicia para dar marcha atrás á Historia e, coma se non pasase nada desde Moisés, reconstruír o tempo anterior á guerra perdida contra o imperio romano no ano 70 d.C., cando Xerusalén caeu en mans de Tito. O número de mortos e desaparecidos medra día a día, as escolas e hospitais son reducidos á inexistencia, e os espazos de seguridade para os palestinos son cada vez máis estreitos. A destrución alcanza a territorios contiguos de Líbano e Siria, non se exclúe que as represalias poidan alcanzar mesmo a Irán e, como inicio de final dunha guerra en que o pretexto de Hamás xa non vale de escusa, actores principais no conflito xa proclaman a necesidade de anexionarse todo o territorio aínda palestino. Os mapas volven quedar vellos en poucos días e o que permanece é o clamor do poeta Mahmud Darwix, exiliado desde 1947 da terra onde naceu, se a Terra “é a terra de todos os homes”  (En presenza da ausencia, 2011).

Na área ucraína moitos poden cantar o mesmo. Pasaron case mil días desde que estalou o último conflito con Rusia, froito de enfrontamentos fronteirizos desde antes de que deixase de existir en 1991 a antiga URSS, e da persistencia de intereses  atopados pola posición estratéxica dese territorio entre Rusia, Europa e o Mediterráneo. A inestabilidade da zona sempre estivo latente e, despois da anexión de Crimea en 2014, o último enfrontamento leva xa case 1.000 días sen atopar vías de arranxo e producindo crecente destrución. Os intereses dos aliados de Ucraína en vésperas do cambio de goberno en Washington instan a renovar o compromiso armamentístico do seu protexido, temen que Trump abandone a axuda que Biden lle prestou e, xusto neste momento, autorizaron que empregue mísiles balísticos de máis longo alcance, sen empacho a suscitar unha escalada bélica significativa ás portas de Europa.

Doutra banda, o Cumio Global do Clima (COP29) que acaba de ter lugar en Bakú, Acerbaixán, mostra as graves contradicións que subxacen desde que en febreiro de 1979 tivese lugar a primeira reunión científica internacional para discutir a relevancia das actividades humanas  no cambio climático. En todos estes anos, os humanos non fomos quen de poñernos de acordo en cuestión tan primordial; os principais produtores de gases nocivos para a atmosfera non están nesta reunión –co que se senten liberados dos criterios de acción que segundo a Ciencia se deberían implementar con urxencia- e, aínda por riba, os que se responsabilizarán deste tipo de decisións económicas e estratéxicas no próximo goberno americano son negacionistas. Pasan do que digan os científicos e acóllense a unha traxectoria establecida desde que apareceu na Terra o Homo faber: todo está ben se satisfai a inmediatez de necesidades en que transcorre a existencia dos máis fortes. Tamén pasan olimpicamente do que o papa Francisco dixese na súa carta-encíclica Laudato si en 2015 sobre o desenvolvismo e as súas repercusións no “clamor da Terra e o clamor dos pobres”; non se senten concernidos por un  “uso responsable de recursos dos que non somos propietarios e dominadores”, porque “o desenvolvemento humano integral e a inclusión social” non están garantidos polo mercado”. Ao revés do que expuña esta carta do Papa actual, non lles importa que todo estea relacionado e que "calquera menoscabo da solidariedade e do civismo produce danos ambientais".

En setembro de 2023, Antonio Guterres, sintetizando o problema ambiental na ONU insistiu: “a humanidade abriu as portas do inferno”. Algo máis dun ano despois, a recente DANA sobre Utiel e a Horta Sur valenciana mostrou a proximidade catastrófica da caducidade da Terra, unha imaxe de realismo tráxico que debería guiar a cantos entendan que vivimos un tempo provisional, en que se precisa desaprender o interiorizado sobre o crecemento infinito, conxuntar vontades e concretar que é educar hoxe a todos e como facelo de modo xusto. O que non ten interese –nin aproveita a ninguén- é a escalada de acusacións, reproches e escusas que de modo tan ruidoso como ineficiente aumentan a discordia entre responsables da xestión dos efectos prolongados que carrexa esta catástrofe. O estrago causado ben merecería dos dirixentes políticos outra exemplaridade colaboradora ante os cidadáns que os votaron, e non que, tras o terrible acontecemento, repitan o “eu sobrevivo” con que Defoe conclúe o seu Diario do ano da peste (1722).

TEMAS: Negacionismo climático.- Cambio gobernamental USA.- Estratexias globais.- Intereses privados e intereses públicos.- Xustiza social/xustiza ambiental.

 MMC (18.11.2024)

No hay comentarios:

Publicar un comentario