A Educación e a Sanidade mostran estes días gran tensión; a resistencia dos materiais reséntese.
Co tempo, os materiais evidencian se a súa capacidade para
resistir esforzos, faios inservibles e inútiles. En cuestións de socialización, corresponde á
Historia principalmente, e dalgún modo ao Xornalismo serio, prestar atención
aos factores que interveñan nesta evolución, un traballo no que a Socioloxía, a
Estatística e outras áreas das Humanidades prestan valiosa axuda para entender qué pasa e qué conviría facer.
Quen desde a representación política deba decidir como máis útil e seguro para
o colectivo cidadán viven noutra fase, non necesariamente coherente e, a cotío,
contraria ás investigacións realizadas.
Na realidade social, cantos participan neste proceso analítico, e no decisorio, non son seres celestiais. Por iso mesmo, as súas formas de mirar unha realidade sempre complexa son dispares e, en moitos casos, opostas, o que determina que o que vén ou non vén pode ser invención cando non trola e sofisma para distraer a atención dos demais. En todo caso, este presente leva un mes moi acelerado -adxectivo evidentemente subxectivo-, porque a cronoloxía é a que é. Non cabe dúbida de que a chegada de Mr. Trump&Asociados ao trono de Washington está a xerar unha desazón grande en cantos non perden ollo dos telexornais, as accións de Bolsa e as dos xefes de Estado europeos. É apocalíptica para moitos, esperanzada para outros, e equívoca para cantos queren ter idea de cara a onde cae o Norte ou o Sur da dirección do vento que sopra.
A mediados dos anos corenta, Borges xa deixou medio resolta
a cuestión medio bizantina de se o tempo é circular ou lineal nun relato curto
en que “dous teólogos” entreteñen toda a súa vida na defensa dunha ou outra
posición, mentres melloran as súas competencias en lanzarse improperios, condenas
e meigallos. Coma se o
tempo se detese, volven aqueles “monótonos” do Aleph disputando se
“nada é o que non fora e que non será” ou se o tempo non é circular, cando este
momento ofrece moitos indicadores para
que vexamos se avanzamos, retrocedemos ou estamos onde sempre. No anverso e reverso dunha mesma realidade,
poden os de Elon Musk e a CEPAC divulgar nas redes a epifanía dunha nova
humanidade da que son avanzados misioneiros, pero ninguén debería esquecer que
os motivos de desgrazas non son de onte
ou antonte. Moitas veñen de moi lonxe e algunhas estiveron aí sempre, sen ninguén
que se ocupase de poñerlles remedio. Hai persoas ás que o presente de
indicativo dalgúns verbos sempre se lles resistiu e nin sequera poden conxugar o pretérito imperfecto. Educarse e
curarse, por exemplo, son verbos reflexivos cuxa acción depende dun sistema de
educación e outro de sanidade, dous piares que estes días chaman a atención sobre a súa
real situación. A súa distancia de a
retórica con que os encobren as políticas de benestar reside en que Educarse e curarse implican accións que
executan outros, non o suxeito, e a cuestión é se son de todos e para
todos.
A
conxugación do presente educativo e sanitario
Onte, día 23, unha gran manifestación en Madrid veu lembrar que a única educación ao alcance da maioría cidadá, a da rede pública de centros, ten carencias graves en todos os seus niveis, ben sexa a Educación Infantil, as etapas intermedias do Bacharelato e a FP, antes da Universidade e, tamén, os graos superiores desta. Os datos de cocientes de alumnado por docente, gasto medio por alumno e distribución selectiva de cantos queiran estudar, contradín o suposto dereito a unha educación digna para todos, e difiren do xusto equilibrio que ten que haber para que a “liberdade” e “universalidade” de que fala o artg. 27 da CE78 sexan verdade. Segue sendo moi aleatoria, con todo, a igualdade de todos en canto a dignidade do trato, mentres o investimento de diñeiro público –o das Comunidades éo- en negocios privados crece e, ademais, hai centros en que o confesionalismo xustifica unha rede educativa que beneficia a uns poucos segregándolos da convivencia coa xente corrente. A prevalencia dos “fracasos escolares” neste outro colectivo fala de desinterese e falta de coidado; e conta así mesmo que este “ascensor social” está gripado, sen ninguén que o repare.
Avecíñase,
en marzo, unha folga de tres días de similares razóns no concernente a outro ben
fundamental: a Sanidade. Os profesionais dos seus distintos niveis,
especialidades e competencias para atender a saúde dos cidadáns, están fartos
de incumprimentos, promesas erradas e malos modos de xestionar un ben público
detraendo recursos para o crecemento exponencial de beneficios privados. A privatización neste terreo, que tamén
vén de lonxe, segue crecendo e os/as cidadáns/as con problemas atópanse con
muros de espera e derivacións a lugares insospeitados. Non se senten da mesma
tribo que quen, ante situacións parecidas, achandan coa súa renda diferencial os
máis diversos problemas. Quen teña biografía relativamente longa pode testificar que na súa infancia xa se falaba
de discriminacións deste tipo; non lle estrañaría moito o acontecido a
outras 7291 biografías en residencias
madrileñas. Os seus desvíos de atención -significados como “esas merdas”
polo centrimadrileñismo hai pouco-, fixeron que a última conxugación do
presente que lles era debido se pareza ao do Inferno de Dante.
Carandell escribía en 1976, despois de estudar en colexio privado, que aquel fora “un tempo perdido”. E xa Unamuno botara de menos en 1903, que o verdadeiro espírito democrático do ensino non estivese en que “todos os nenos dun pobo, desde o fillo do máis rico ao máis pobre” non consistise en que todos compartisen os pupitres da mesma escola. Case en marzo de 2025, ninguén debería espantarse de que o neoconservadurismo recobrar posicións no panorama sociopolítico aquí, en Alemaña, en EEUU e en media Europa. Ser partidario da circularidade do tempo ou da súa continuidade debera aclarar as supostas “melloras” non habidas en todos estes anos. A documentación existente non é optimista. Aristóteles xa reclamaba –catro séculos antes da era cristiá- a necesidade de “unha mesma educación de todos, e que o coidado ha de ser común e non privado”, se se busca coherencia co que necesita a POLIS. E Karl Polanyi (A gran transformación) argumentaba en 1944 fronte ao liberalismo colonizador das vidas alleas, que, ao naturalizar a competitividade social e as paixóns humanas -boas ou malas-, estas tomaban a educación e a sanidade como escaparate de “ostentación cerimonial”, para “estimular ao máximo a emulación”, non para crear comunidade democrática. Moita sorte no camiño!
TEMAS: Tempo e cronoloxía.- SANIDADE/EDUCACIÓN- Estado de Benestar.- Dereitos sociais.- Cidadanía e clases sociais.
MMC (24.02.2025)