A opinión dos docentes...non conta?

5 feb 2025

A cuestión é saber qué vemos no que parece acontecer

 A que pretende chamarse “Era Trump” conta para instalarse como tal coa tendencia á desmemoria.

 

Nin sequera a xente maior escapa a esa inclinación. Non fixo falta que a cultura consumista dese preeminencia social a “os mozos” e ao seu potencial para cambiar modas, gustos e sensacións de vivir, todas cuantificables estatisticamente como rendibles. Desde as táboas cuneiformes de Sumeria, xa se rexistraban as queixas dos maiores con improperios a outras maneiras de ver e de facer. As xerontocracias foron desaparecendo da escena pública cara a residencias illadas e de dubidosa calidade, os senados manteñen un nome decorativo e, a medida que as familias se reduciron en tamaño e sociabilidade, unha maioría de maiores lamenta que todo vaia por vereas distintas das que viviron ou trazaron. A cuestión xa non é a queixa, constante desde os albores da historia escrita, senón se o modo de mirar, ver e tratar de explicar -e explicarse- é a xusto, axeitado ao que  sucede, ser moza, adulto ou da terceira idade.

Tamén foi sempre nova, actual e de cada presente, a facilidade con que as xeracións novas estiveron dispostas a admitir cambios, evolución e ata revolución respecto aos seus proxenitores. No momento actual, a esa tendencia ancestral únese a facilidade con que se pode machucar todo recordo do pasado e facer que prevaleza a idea de que o vello debe desaparecer, hai que “limpalo” e instaurar unha era de prosperidade distinta, nunca vista e luminosa. As facilidades para xerar esa sensación son múltiples e, ao ritmo que vai a comunicación e os seus medios, tan acompañantes de todos e todas. En apenas trinta anos colonizaron os petos de case todo ser bípedo coma se fosen imprescindibles. Eles cargan con case toda a información útil e inútil, a dos desexos e a necesidade, a do que hai e o que espera. Esta dúctil tecnoloxía xa sabe máis de cada portador, do que el sabe de si mesmo; mesmo ten capacidade para inducir a facer e dicir o que, sen pensar, cre que debe dicir ou facer, deixando todo o demais fóra de xogo, sobre todo a reflexión pausada e dubitativa.

As primeiras pezas que procuran que sintamos que estamos nunha nova “era” xa están dispostas nos escaques do taboleiro de xadrez e, ao que se ve, son movidas de modo equívoco aínda que procurando que deduzamos que o que está a pasar instaura os primeiros momentos dun tempo providencial, semellante ao que na liturxia cristiá, chámase “Advento”.  En plan máis temporal, estes mensaxeiros lanzan a boa nova do que vén, e o propio Trump –aínda que sexa vello-, investido das galas que lle proporciona o aínda poderoso imperio militar e publicitario americano, trata de aparentar en xestos e movidas que é nova e resolutivo.  Orquestrado pola trompetería dos seus anxos da verdade única de negocios case billonarios, emite decretos e mensaxes salutíferos. Nos seus poucos días no “despacho oval”, o seu modo simplista de mover as pezas do xadrez xeoestratégico está obsesionado por que se crea que as súas profecías -incumpridas cando perdeu as anteriores eleccións-, atoparon ao fin o tempo para autocumprirse. Quere dar a impresión de que vai en serio e que, máis pronto que tarde, dará a volta a cuanto se lle antolle.

Quen é o amo?

Esta é unha das cuestións que ten claras e que, ao mesmo tempo, os seus anxos custodios contribuirán a que queden escuras, polo que, como dicía Humpty-Dumpty, en Alicia  -a do país das marabillas-, a cuestión está en saber quen ha de ser o amo. Nesta parte do mundo -e en parte do resto-, Trump e os seus arcanxos son quen parece que mandan. Os seus súbditos directos e indirectos aínda poden  advertir –mentres non avance máis a comedura de coco- que ten múltiples emisarios, portadores de noticias e comentarios, analistas de todo xénero e mesmo pedagogos, sociólogos, sicólogos, lingüistas e demais axentes da comunicación social e mensaxería salvífica, dispostos  ao labor misional de anunciar e xustificar os principios fundantes da nova era, cuxo patrocinador central é Don Donald. O medo, a incerteza e a levitación na dúbida son os seus fieis aliados. Non pasará día sen que oian falar de “limpeza”, nova orde, “restaurar” a democracia, liberdade de acción, resorts inéditos en lugares ata o de agora ocupados por “ insurxentes”, “terroristas” e zombis do fentanilo, negocios exóticos e huríes encantadas de si mesmas nesta publicidade. Non pasa día en que non se mostre que el é superior e que amigos poderosos axúdanlle a ditar burlas aos máis débiles e, tamén, a institucións moi loadas en eras anteriores: a Xustiza, os Parlamentos, e canto poida estorbar a tanto “patriota” disposto a salvar ao mundo do mal.

 

Laxeiro (José Otero Abeledo). Trasmundo, 1946

O diaño non ten escapatoria con esta xente; sobre todo, entre quen a vida, as circunstancias particulares e o que Virxilio chamaba “o destino” -é dicir, o conxunto de eleccións diarias que determinan qué vén a continuación- márcao a cada un. Ser home ou muller non é o mesmo segundo estes profetas; non sentirse nin o un nin o outro, insoportable; ser do Norte ou do Sur case é determinante, e máis o é ter pigmentación branca, negra ou algunha outra. Nacer nun barrio ou outro, poder ir a un colexio ou a unha escola, ou a ningún de ambos os espazos -tan diversos dentro da mesma palabra-, pode ser un pecado orixinal inamovible. Non o van a redimir del, nin de ser palestino ou israelí, ruso ou ucraniano, turco ou grego, catalán ou madrileño, canadense ou panameño, español ou portugués. Estes matices –e uns cuantos máis- volven imprimir carácter -exactamente igual que antes de dúas guerras mundiais- a un descarado presentismo desmemoriado de quen motiva aos beneficiarios destas mensaxes. Esta “nova onda” de plutócratas non entende as regras de DEREITOS HUMANOS que, desde 1945, trataron de estruturar a convivencia da pluralidade humana. Parécelles ben o desmantelamento da ONU e as súas institucións, e hai escasas horas EEUU acábase de retirar da UNRWA e suspende os fondos para refuxiados e refuxiadas palestinos. Unha forma de limpeza étnica, sen que se note a premeditación e aleivosía.

E aquí estamos, esperando ao novo Godot, sen saber ben quen somos, nin que será do mundo se avanza a nova “era”. Namentres, talvez poderiamos reler Liberdade e Cultura de John Dewey –un dos máis prohibidos nas depuracións de libros despois de “a Vitoria” franquista- que advertía en 1940 de como o totalitarismo crecía onde as actitudes dos cidadáns se estruturaban ao redor da disciplina, a uniformidade e a confianza no líder. 

TEMAS: “Era Trump”.- Desmemoria histórica.- Dereitos Humanos.- Pluralidade e convivencia.- Xeoestrategia mundial.

 

MMC (05.02.2025)

No hay comentarios:

Publicar un comentario