A opinión dos docentes...non conta?

17 feb 2025

Máis que repetir circularidade, a Historia europea ten continuidades.


Non é retórica o que falta, senón esperanza obxectiva para mellorar o rumbo do benestar das persoas.

 Bastou que o Tío Sam esbirrase, para que en Europa cundise a febre e os síntomas de graves doenzas. Os medios, secundados pola multiplicidade de opinións dos vinte e sete, deron en elucubrar no destino que espera a Europa. Coma se de súpeto se rompese unha burbulla de vida supostamente distinta á do resto dos mortais, con principios e organización sen parangón, comezaron os queixumes; descuberta a súa fraxilidade, as elucubracións sobre o futuro de 347 millóns de europeos non cesan.

Como sempre, a poliédrica realidade do que acontece ofrece moitos lados. Para contala, tan equívoco é partir da liñalidade do tempo, en que o que vén é mellor que o que hai, como imaxinar que o que acontece non é senón repetición de si mesmo, algo eterno e inmutable. A vella alternativa entre Heráclito e Parménides na que se moveron as narrativas de Historia, ensináronnolo moito. Nos 40 anos de posguerra española, os libros de texto repetían incesantes que viviamos un momento providencial de exaltación do ben fronte ao mal e os seus propagadores, para engadir que había que sostelo sempre. Só cara a mediados dos anos setenta, Heráclito volveu ter algunha cancha para observar se cambiaramos algo; dicían que iamos cara a un horizonte moito máis dinámico, no que agora cabía Europa e, mesmo, o resto do mundo: esa era a gran variación que contaban os libros de texto aos infantes e adolescentes e ninguén podía contravir. Por decreto de 1939, o Instituto de España encargárase de contar, en formato supostamente escolar, o modelo de Historia que había que aprender. Os que sabían que estaba a pasar non tiñan voz para contalo e, cando nos anos sesenta e setenta migraron por media Europa, traballando onde podían, advertiron que había outra Historia, moi distinta da que aquí viviran. Vén a conto para non caer no falso punto de vista de que todo ten que suceder como o teñan na cabeza os sagaces os outeadores do inminente futuro deste presente, cual arúspices de Delfos.

O destino?

Por se axuda a clarificar a situación, convén lembrar que o tempo histórico non é senón unha serie de continuidades que se encadean entre si, e que o que máis cambia, mesmo nos tempos curtos ou evenemenciais –que dicían os franceses- é a nosa maneira de mirar. Virgilio, a quen a Historia se lle entrecruzaba con prefixos culturais para contar o que pasara en Roma, utilizou moito o termo fatum, que cabe traducir como “o destino”. No seu Eneida, lida amodo, non é tanto algo obxetual e determinista, capaz de superar o que na súa cosmogonía era o poder maior dos deuses, senón o resultado dun conxunto de decisións que, entrelazadas con outras, fixaban a secuencia dos procesos que viñan despois. É fatídico o que sucede con Trump e as políticas rápidas e intrépidas que poñen en marcha os seus decretos cesáreos? É continuismo do que non se fixo, cuxas fendas encadean decisións sobre o que vén?

Baldomero Moreiras. Entroido, 1980

O núcleo do que sucede neste instante vira ao redor de Ucraína e as súas implicacións con Rusia, Europa e, en definitiva, o papel de EEUU nun mundo cambiante; testemúñao ben a reunión urxente “de crise” en París de sete dos vinte e sete. Con todo, os movementos de peóns, torres, cabalos e alfís nese taboleiro foron determinando un xaque mate en que se adiviña quen perde, quen gana e quen quedan coa sensación de burlados xusto neste momento. É unha historia que vén desde que os países europeos perdemos dúas guerras mundiais -a segunda despois dun ensaio moi eficiente de tres anos en España-, sobrepasamos en conxunto preto de 70 millóns de mortos e demos espectáculos infames, como os dos campos de concentración, asolamento total de cidades, migracións e exilios sen conto, e quedamos en disposición de asumir a colonización americana en plena Guerra Fría. O Plan Marshall axudou o seu, e a presenza constante da OTAN, a CIA e a súa axenda naqueles Cadernos do Congreso pola Liberdade e a Cultura que, entre 1953 e 1965, puxéronnos aos europeos ao lado bo da historia, fronte aos malos, que pugnaban o seu por levarnos ao seu camiño. Cando aquela filmografía de Far  West alcanzou 1986, España decidiu, tras o “de entrada non” de 1982, aliarse tamén con este conglomerado no que, desde 1953, coa “Paz de Madrid”, estaba xa metida. Ou máis atrás talvez. Se facemos caso ao que hoxe se sabe da espionaxe inglesa e americana, desde 1947 estaba decidido manter ao Caudillo baixo palio e, captados cantos podían contribuír na súa contorna a que alí seguise, a suposta soberanía española estivo intervida e ata subornada. En 1991, Bailando con lobos, descubriría algo aquel Cabalo de Troia colonizador, pero estabamos demasiado distraídos coa recente adhesión ao “mercado único” en 1986 e a expectativa do Euro desde que se empezou a falar intensamente del en 1995.

No longo prazo, por tanto, ben merece a pena non estrañarse moito de que os amos do taboleiro de xadrez decidisen recolocar as pezas do xogo en nova posición. Que caiba facer a estas, especialmente ás que só contasen como comparsas na sorte de Ucraína , non é insignificante. Nin neste territorio nin no de Palestina deu Europa sinais de suficiente autonomía desde 2008, 2014 e 2022, para mover posicións nos escaques. Ao seu retórico discurso do ben e do mal, por máis ditirambos que lle sigan dedicando os vates da Unión Europea, non lle faltan os disidentes da harmonía do coro. Entre o que debe ser e non é, a corte de Trump  -como sucedía nos barrios de moitas infancias que hoxe peitean canas- tenlle interposta nestes 27 países non demasiado unidos unha clá de partidarios que acirran os seus negacionismos, a súa brutalidade e histrionismo provocador. Faránnolo ver ben en Alemaña -o que era motor do conxunto- as eleccións do día 23 de febreiro; máis preto, ocupando as beirarrúas españolas, os remedan cantos se entusiasman coa  liberdade de beber cañas.

Na Historia, nada é cuestión de sorte. Desde 1953, fomos colonia americana de bebedores de Coca-Cola; en diante , serémoslles máis útiles se a chispa da vida non alcanza ás neuronas. Con menos credulidade no aprendido, talvez poidamos revisar qué fixemos coa docilidade e o acomodo ás estratexias dos amos e os seus colaboracionistas. Deberá ser rápido. O novo Tío Sam ten présa por seguir xogando ao seu aire: as posicións que tiñan as súas pezas ata o de agora resúltanlle aburridas.

TEMAS: Unión Europea.- EEUU- Neocolonialismo.- Ucraína.- Xeopolítica mundial.

MMC (17.02.2025)

No hay comentarios:

Publicar un comentario