A opinión dos docentes...non conta?

22 jul 2025

A galiña, o galiñeiro, o raposo e demais animais

 

Volven as vellas fábulas, en versións nada exemplares, sen que aprendésemos as súas leccións.

Antes de que Gerald Durrell publicase en 1956 as súas experiencias case infantís coa variada fauna da illa de Corfú en A miña familia e outros animais, este amplo segmento da Biosfera xa tiña unha longa presenza literaria, mitolóxica, artística e didáctica. As fábulas, por si mesmas –desde a Grecia antiga- sintetizaban gran cantidade de símbolos exemplarizantes. O ingrediente campesiño das parábolas dos Evanxeos xa demostrara, mesmo, gran capacidade catequética para os catecúmenos cristiáns. A pomba (Mat. 10.16-42), os cordeiros (Luc. 10,3), os camelos difíciles de pasar polo ollo dunha agulla (Mat. 19, 24), e os paxaros do ceo que ”nin sementan, nin segan, nin almacenan” (Mt. 6, 26), pretendían achegar a posibles crentes a unha doutrina á que aínda non se dotou da abstracción do Concilio de Nicea, no ano 325.

 Agora que o verán xa non é o verán, e ata os pardaos non son o que eran, é discutible que as fábulas, contos e parábolas servisen para algo. Os máis “espabilados”, ou non llas leron ou o subconsciente levounos a entendelas do revés. Un alumnado de gran ambición elitista acaparou os supostos mellores colexios, posición en que, ao parecer , serviu aos máis “selectos” para rubir aos máis encopetados postos do Estado e “emprender”, desde esa altura da exclusividade, enxeñerías apropiadas para comerse ao parrulo feo, carapuchiña, os tres porquiños e, mesmo, os paxaros do campo que non sementan nin se preocupan. Pronto advertiron que, canto máis adormecidos estean, mellor para atender o diñeiro e aproveitar o do erario público para proveito doutros “selectos” que lles pagaron os seus servizos. Fenomenal! Desenvolveron a especie dos  Amigos de Cánovas estudada por José Varela Ortega, e levaron ao top a súa selección. Este gran avance en desigualdade premiarao algunha Fundación do seu mesmo circuíto; a Trump propóñeno para o Nobel da Paz, por iniciativas  que a inmensa maioría da humanidade entende como bombardeos de xente inocente.

O resto da humanidade non entende nada; non está ao corrente do altísimo nivel de inspiración que proporciona estar nas alturas. Sucede tamén en España, onde os demais cidadáns non son tan “selectos” como os que estes días saen nas noticias e nos faladoiros. Entre outras razóns, porque non hai postos de tan alto nivel para todos, nin tantos colexios onde coidar as boas compañías. Pode que por iso, desde a infancia á universidade, non soubesen ler aqueles contos, nin visionarlos debidamente, pois o que entenderon é que lles axudaban a aclararse coa fauna salvaxe e os lobos –tan maltratados nestes relatos-, ou que o máis conveniente para todos era cumprir unhas regras básicas de respecto e convivencia. Ata admitiron que todo fóra, máis ou menos, como sempre fora: un punto do dereito e un punto do revés; como dicía Manuel Vicent o pasado día vinte, soñaron coa convivencia dunha “esquerda propietaria da fraternidade universal, e unha dereita culta, moderada e europeísta”. Nin este soño nin aquelas alegorías de animais non serviron para que as noticias cesen de mostrar unha gran desfeita, que se pode estragar máis a pouco que a UCO teña a capacidade analítica necesaria sobre os millóns de bytes que flotan na nube e nos papeis.

As altas institucións de que nos dotaramos renquean, e os elevados principios de Dereitos Universais, iguais para todos, seguen sendo utopía. Co que dá de si o panorama internacional, Sudán, Palestina ou Ucraína lévanse a palma no  desconcerto entre humanos. E o que acontece ou está a piques de acontecer nos tribunais españois respecto a corrupción e malversación do orzamento público pode ter un alcance inusitado. A impresión que xa deixa é que os grandes problemas seguen intocados e que a desconfianza medra exponencialmente. Está a dirimirse se a Transición foi un éxito ou se se haberán de revisar  xuízos apresurados que non visen ben o que había que mirar. Reiteradas pautas que agora emerxen falan dunha “cultura” persistente, en que as maneiras de xestionar o público non concordan cunha “democracia plena”. Antes de que as enquisas de opinión mostren o grao de satisfacción da cidadanía respecto ao sistema democrático, e que unha maioría suficiente lle dea un envorco total á idea de “liberdade” e participación –non digamos á relevancia das de “igualdade” e “fraternidade”-, a xestualidad política sen dubitaciones, medias tintas e equidistancias interesadísima ten moito baleiros, non ben cubertos, respecto ao papel do público na vida de todos.

      Esmolantes á porta do restaurante Larry, Madrid, 1940

Entre outras cousas, deberíase revisar a fondo o papel dos lobbys –non só os gasísticos e enerxéticos- no papel que deba ter o privado respecto ao ben xeral. Ao ritmo que vai a información que flúe dos tribunais, non parece que o artigo 128 da CE78 estea a impedir que o antigo feudalismo do Anciene Régime siga vivo, con privilexios como nunca e sen custos para os privilexiados. Nalgúns casos, o poder extractivo real que teñen algúns grupos respecto ao público –e por tanto, sobre a cidadanía en xeral - sobrepasa o de cando a pax romana e o seu colonialismo nutríase de man de obra escrava. E, como o cultural non é independente e estraño ás “cousas que pasan”, non debese quedar fóra dunha profunda e coherente revisión o que acontece cun sistema educativo que, en Madrid, por exemplo –sobre todo na área municipal da cidade- leva décadas fraguando o modelo de sociedade menos igualitaria de España. Cando a solidariedade xeracional créase nos pupitres das aulas, aléntase o crecemento do alumnado de centros privados e concertados, mentres se fai o posible para que os públicos –os únicos aos que  ten acceso a gran maioría- diminúan en número, prestacións e atención. É que se aspira a que un asunto tan crucial como a Educación de todos sexa en diante un obxecto de consumo máis? Vai encomendar ao libre mercado a convivencia colectiva? Quen gana máis coa desigualdade?

Os humanos teñen tendencia a tropezar sempre nos mesmos cachotes, pero a fauna que vemos, non se comporta exactamente igual que antes, e o verán tampouco é o que era. Para o que reste merece a pena repensar as leccións e aquelas fábulas; non sexa que por abandono, ignorancia ou o que sexa, non caésemos na conta de que os males que trataban de previr  seguen vivos e coleando. BO VERÁN!

 

TEMAS: Igualdade democrática.- Privilexiados sociais.- Riscos da democracia.- Público e privado.- Dereitos Universais.

MMC (22.07.2025)

15 jul 2025

Abraham e Isaac volven ser noticia en Galicia

 A volta destas dúas esculturas románicas ao lugar de onde nunca deberon ser arrincadas é unha advertencia sobre moitos outros desmáns.

 

Este xornal titulou o pasado 27 de xuño que estas estatuas “regresaban a casa”. O raro periplo destas dúas obras do Mestre Mateo desde o século XII ata o Pazo de Meirás , a súa prolongada estancia neste peculiar espazo desde 1948 e o pousado traballo do Concello de Santiago desde 2017 para que puidesen regresar a esta cidade, serviu a Xosé A. Perozo para certificar “a impunidade en que se moven os agraciados do franquismo”. En cuestión de apropiacións indebidas -e son moitos os campos e maneiras en que se produciron-, é “un pequeno elo”.

 

Na longa cadea de desmáns, vinganzas e imposicións que trouxo consigo aquel xullo de 1936, que haxa mortos non recoñecidos segue sendo pouco exemplar despois dos 47 anos da restauración democrática, e éo máis cando tanto negacionista predica desmemoria fronte a un tempo de miserias, en que a solución de conflitos pasou pola lei do máis forte, que, mesmo fachendeaba de ter a Deus da súa parte. Á súa maneira de ter sempre razón e impoñela chamábana “cruzada”, coma se seguise nunha Idade Media en que se debía salvar “a cristiandade”, sen máis. Parece que isto segue e hai xente interesada en que siga. Os acontecementos destes últimos días en Torre Pacheco (Murcia), non deixan moita físgoa a dubidalo cando falan de “cacería” dos inmigrantes nas redes sociais explotando os sentimentos de bastante xente para acabar co suposto conflito de persoas doutras culturas que levan xa moito anos facendo traballos que os españois xa non queren facer . Un sector político amplo alenta por diversos procedementos e abandonos este regreso ao Pleistoceno alentando a persoas ás que inducen desde as súas programáticas palabras a odiar o distinto.  Tamén isto forma parte da cadea non rota co pasado. Quen mellor a percibe é o docente que, na escola pública, advirte como, desde que pisan a escola, os nenos e nenas son segregados en redes educativas que, por si mesmas, continúan unha segregación alentada desde aquel infausto 18 de xullo.

 

Por desgraza, en Historia, as repeticións son unha constante, moito máis do que os libros de texto se empeñaban en contar: todo ía a mellor, e o desenvolvemento era mellor que a autarquía, un mero paso na vocación de imperio que, ao parecer, tiña España. Na Transición, aínda Arias Navarro estrañaba a mesma luz que, desde os anos corenta dicía o Libro de España, unha guía de conduta que, lida no alto, lembraba a quen  iluminaba as decisións que se tomaban. Aquela claridade orientativa non parece que tivese que ver co Mestre Mateo e as súas esculturas. No que incumbe a cuestións artísticas e patrimoniais, aquel tempo de tanta aparencia explícita, ademais de reflectir a escuridade en que se movían moitos outros asuntos, non corrixía os atropelos doutras épocas. O que conta Perozo acerca do coleccionismo de personaxes como Carmen Polo, poderían certificalo moitas outras persoas, ademais dos anticuarios galegos. É verdade que contaban que ese era un dos motivos polos que pechaban as súas tendas nas datas dos veraneos en Meirás , un espazo en que, como noutros, aniñaban outros antollos, ademais do que provocaba o románico compostelán.  Habería que lembrar, de paso, que non todo o que almacenaban algúns anticuarios para outros afeccionados de menor nivel -e para exportar ao estranxeiro-, non lle gañaba a Carmen Polo en moralidade: a esta señora, a súa proximidade ao autoritarismo gobernante facilitáballe ocasións á súa paixón artística, e a “liberdade de mercado” –acompañada de desprotección ao patrimonio- alentaba aos especialistas da almoneda nas súas concienzudas manipulacións a xente, ás veces inocentemente ignorante, e urxida outras por situacións inconfesables. As artes que empregaban para “convencer” a vendedores e compradores eran de moi diversa factura. Un dos seus nichos privilexiados para proverse foron persoas á fronte de lugares supostamente sacros: capelas, igrexas e mosteiros, dos que saíron imaxes, pinturas, retablos, custodias, incensarios, petos de ánimas, teas e outros utensilios de diverso valor. O magnífico botín para entendidos intercambiábase, ás veces , por imaxes de escaiola e reformas que se xustificaban coas normas litúrxicas que introduciu o Concilio Vaticano II en outubro  de 1962.

 

Santo Estevo de Ribas de Sil. Órgano baleirado

Algúns destes episodios escuros -frecuentes nos anos sesenta-, foron moi soados, pola cantidade de obxectos roubados e polas modalidades empregadas. “Erick o Belga”, por exemplo, pasou de restaurador e anticuario directamente a ladrón,  especializado en igrexas, non só en España. Aquí practicou a súa mestría en espazos como a catedral de Roda de Isábena (Huesca), a colexiata de Toro, a catedral de Calahorra, o santuario de San Miguel de Aralar , a igrexa de Santa Eulalia de Paredes de Nava (Palencia), a de Baltanás (tamén Palencia), e nas doutros pobos da Rioxa, Aragón e Castela León, como Fromista, Tordesillas, Medina del Campo e Santa María de Huerta. Probablemente máis de 500 casos das súas andanzas de ladrón en espazos eclesiásticos, tan espabilado que, nas súas memorias, falou (Por amor á arte. Planeta: 2012) do trato que, por 82 millóns de pesetas fixera co bispo de Calahorra (parece que Don Abilio del Campo):  tallas policromadas, retablos a medio desmontar, pilas bautismais de pedra, altares completos, artesonados, roupa de cerimonias». Entre abundantes obras do XVII e XVIII, había tamén “pezas únicas; cálices, custodias, incensarios, candelabros... algúns góticos». Segundo conta, varios camións estiveron a cargar durante dous días e, no traballo do carrexo, axudáronlle varias monxas: “as santas mulleres estaban dispostas mesmo a cargar mobles”, traballo que acabaron facendo uns homes, mentres elas “embalaban con papel todas as obras pequenas”.

 

Quen prefira ir máis atrás atopará historias similares e peores. A invasión napoleónica, Fernando VII e a súa familia, e a desamortización, deron pé a moito desmáns deste tipo: a propia Real Academia de Historia posúe material oriúndo daquel momento, como o Códice das Glosas de San Millán da Cogolla (Aemilianensis 60). E igual sucede con miles de obras dos museos, empezando polo do Prado, destino de non poucos cadros recolleitos no anterior Museo da Trindade. Quen visite museos estranxeiros, por exemplo en París, Londres, Nova York ou Anveres verá que a nómina de obras españolas que exhiben dá unha perspectiva peor sobre asuntos que concirnen a todos. As cartas de Próspero Merimée en 1853 á nai de Eugenia de Montijo dan conta diso e Juan Antonio Gaya Nuño, que coñecía ben esta desidia, deixou unha boa aproximación en : A pintura española fóra de España (1958). Oxalá que o Abraham e o Isaac do Mestre Mateo reparasen co seu regreso regreso o abandono e desdén tradicional que houbo na traxectoria do Patrimonio histórico-artístico español!

 

TEMAS: Patrimonio histórico-artístico.- Identidade democrática.- Cruzada/Cacería.- O Mestre Mateo e os anticuarios.- Educación social.

 

MMC (15.07.2025).

8 jul 2025

A aburrida cotiandade non deixa de ser educadora


Como educandos adultos, debésemos tratar de aprender: as leccións destes días non tardarán en entrar no exame (das eleccións).

 

Durante moitos anos, a educación habitual nas aulas escolares fixo rutineiro o que había que saber. As Antoloxías do disparate, de Luís Díez Jiménez, mostraban xa nos anos setenta as imaxinativas respostas de moitos estudantes nos exames da LXE. Seguía latente, namentres o “clima tan aborrecible”, de que falaba Javier Marías referíndose ás imposicións do medo que non só o seu pai sufrira; os protocolos de moitos ambientes educativos lograran –como noutros campos das relacións- que unha atmosfera de sospeita prendese entre os decimados polas depuracións. Ninguén daba importancia a que educar era mostrarse en público para comunicar e que as alerxias á falsidade e ao autoritarismo, se se reprimen, inducen ao conformismo, actitude que levou a que en universidades, institutos, colexios e escolas tivesen certa hexemonía as maneiras de non sobrepasar as rutinas marcadas no que e como ensinar. Iso explicaría o escaso entusiasmo polo alumnado pouco selecto, que non o apreciasen como propio e, sobre todo, esas pedagoxías de sabichón, atentas a corrixir con bolígrafo vermello os “deberes” de quen non soubese repetir o que se transmitía desde unha mesa burocrática.

Na vida política actual, despois das experiencias habidas no tránsito político desde os tempos escolares, onde canto dicían que era moi repetitivo -e a miúdo, imposible de entender-, volvemos atoparnos nunha situación de pedagoxía política en que a repetición sobrepasa as expectativas de cambio real no tratamento democrático dos asuntos que incumben a todos. A sensación destes últimos días, e máis despois de que o PP e o PSOE pasasen unha fin de semana inmersos en catárticas terapias de suposta posta a punto de cara aos días e meses próximos, é que o debate político prosegue polos leitos de apertar filas para combater ao outro, as súas opcións e opinións, máis que para atender mellor os problemas obxectivos, con amplitude de miras e dispoñibilidade para a necesaria transacción de pareceres e ver como resolvelos. Para os cidadáns, en xeral, nin a escenificación dos conservadores foi un exemplo de apertura cara ao suposto centro que queren conseguir –a fin de alcanzar, ao fin, o mando na Moncloa, nin a condución dos socialistas dun barco con mala mar ten asegurada a resistencia imprescindible para que a nave do Goberno siga nas súas mans.

De deixarse levar pola masiva dispoñibilidade de medios dos primeiros –e da forza que trataron de imprimir á súa mensaxería mediática-, a impresión producida nos menos convencidos de que seguir votando ao PSOE é probable que os convencese da conveniencia dunha alternancia, máis pronto que tarde. Seguramente é máis medo que seguridade o que producen, pero mentres non se produza o feito decisorio dunha posible convocatoria de novas eleccións, cabe imaxinar que prosegue un empate técnico como o que, vimos vivindo desde que o PP deu en dicir que España se racha e lindezas similares. A súa melancolía por perder o poder nunha moción de censura non cesou de gritar que España rompe  e este recurso retórico proseguirá entre disputas e hipérboles máis subidas de ton. Para elas acaban de dispoñer uns mandos máis destros na brocha gorda, que no manexo dos fíos finos do tecido democrático, necesariamente plural e como leit-motiv viñeron a repetir que ou eles ou o caos, perspectiva que lembra moito os tempos duros do absolutismo e, máis preto, os do autoritarismo de distintas especies, tan pouco democráticas que ningunha era antifascista. Esa apertura quedou recoñecida no novo xefe de fila, Miguel Tellado e a súa cohorte de campechanía faladeira, mentres a centralidade de Feijóo camiñará, no que quede de lexislatura, por onde adoitaba desde aquelas eleccións de 2009, en que desbancou da Xunta ao bipartito galego de Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño. A porta cara a VOX mantense aberta polo si ou polo non, e salvo JUNTS, que seguramente non poñerá moitos inconvenientes a un cambio de cromos, seguirán manexando os moitos arietes que teñen por ver se aburren a todo o mundo. Aínda non logran que ceda o variado grupo dos demais partidos que sosteñen ao PSOE, pero ao lado desta formación, os axustes do afecto dos seus votantes moi probablemente están á baixa.

 

Juan de Juni. Museo Nacional de Escultura Religiosa de Valladolid

O reiterado desatino na elección dun Secretario de Organización digno de confianza, e de honradez comprobada en xestos e formas, non provoca sintonías cívicas, nin sequera en cantos cren cos ollos pechados as narrativas dunha historia de rectitude, probidade e demais virtudes morais acordes co leal sentido da participación democrática. Isto é o que está en cuestión detrás dunha actitude de resistencia que, por moi honorable que sexa, cabe dubidar que sexa acertada. Para un xogo democrático honesto, serio e capaz de perdurar en firme, non vale moito soster longo tempo un Goberno que está baixo sospeita. Probablemente sexa verdade que canto rolda outros litixios xudiciais da contorna gobernamental neste momento teña moito máis de estratexia ultra que de consistencia xurídica. Con todo, neste contexto, contribúe a multiplicar sospeitas canda esta cuestión de “as mordidas”. Nun circuíto tan sensible como o da organización interna do Partido, expanden máis o eco da degradación política. Por máis que o partido de Fraga e de Aznar, de Rajoy e varias decenas de personalidades incursas en cuestións similares teñan categoría suficiente para non estar en disposición de esixir exemplaridade, o prexuízo aos votantes de boa fe está servido. Sexan do signo que sexan, non están para ver a lea de insultos e barbaridades que xa oen de linguas nada afeitas á moderación e ao respecto, e asesoradas por expertos en meter o dedo no ollo alleo. Ningún cidadán está para soportar que se repita o vello refrán da “reunión de pastores, ovella morta”.

Os pagáns desta arte de ter sempre razón a que nos afacer, esperan que os seus impostos se empreguen en actuacións parlamentarias coherentes. Para empezar, no canto dun teatriñño esperpéntico, sería indispensable, a día de hoxe, unha “Moción de confianza”. Refuxiarse na indefinición a conta do temor ao que poida pasar se non  se aguanta este transo non descarta naufraxios imposibles de aguantar. Se o vindeiro mércores a marusía cedeu e está máis clarificada a agulla de marear, o gran risco desaparecería, aínda que non do todo. Neste momento de desámimo de moita xente, cando tan exaltada anda outra,  ler a Kavafis sosega un pouco; sobre todo , canto dicía dos “Idus de Marzo”,”A deslealdade”, “Ítaca”, “Esperando os Bárbaros” ou, talvez, “Monotonía”:

                                               A un mes segue outro igual,

                                               o que virá fácilmente se adiviña;

                                                serán as mesmas cousas de onte.

                                                E o mañá nunca parece ese mañá.

TEMAS: Xogo parlamentario.- Democracia e Convivencia.- Moción de confianza.- Propaganda e Política.- Ética e Política.

MMC (07.07.2025)

1 jul 2025

É Sirat, o transo no deserto da Historia actual?


 O camiño de ida e volta, interior e exterior, que propón Oliver Laxe, é un bo símbolo do que acontece neste tempo convulso.

 

Cabe celebrar a lucidez do xurado de Cannes ao darlle o primeiro premio ao cineasta galego. Ofrece gran cantidade de elementos, moi aptos para a reflexión de todo camiñante agora mesmo na Historia. Da comparación que cada cal faga, deducirá –sen entrar en detalles privados- a grandeza ou torpeza do andar colectivo e as verbalizaciones con que o contamos.

 

Da multilateralidade

 

Non é este termo, propiamente, un neoloxismo. En verdade, este lema da Conferencia que reúne en Sevilla a case todos os socios da ONU, por ver se concertan medios e recursos para soster esta institución multinacional durante os próximos dez anos, quixo ser condición do seu nacemento, terminada a IIªGM e sobre os restos do que quixera ser a Sociedade de Nacións despois da Primeira. Chama a atención que o talón de Aquiles siga sendo o mesmo: unha desigualdade orixinaria que, en todos os debates do Consello de Seguridade, concedeu poder de veto aos socios máis poderosos, líderes en 1945 de dous bloques políticos enfrontados desde antes de terminar aquela Guerra. Na súa orixe , moitos historiadores sitúan a Guerra incivil española de 1936 a 1939, e as demandas da República española na sede da SDN en Xenebra poden servir de paradigma a ineficientes aparencias de multiculturalidade moitas outras veces. As últimas, con motivo das guerras de agora mesmo en Ucraína e en territorio palestino, en que o desprezo á ONU e as súas axencias, e en particular ao Tribunal da Haia, son tan recentes que calquera pode repasalas.

 


Esta oportunidade de “corrixir o rumbo” –que reitera a Conferencia de Sevilla -, enfróntase a tres obxectivos cruciais: corrixir a pobreza, facer un mundo máis xusto e igualitario e enfrontar a crise climática. E nos tres é moi visible a cantidade de rotos que ten a ONU, a pesar dos cales se salva porque a humanidade non foi capaz de facer nada mellor, nin en recoñecemento dos Dereitos de todos, nin en canto a posibles remedios para conxurar vontades nun proxecto común de seres humanos en convivencia. Dados os seus déficits orixinais, e a súa decadencia a mans dos máis poderosos, o camiño para percorrer está infestado de minas. Como en Sirat , as mellores intencións poden acabar mal e, como moito, nunha vulgaridade anodina que non arranxa nada e non se sabe onde vai. Proba evidente diso é a ausencia  -chamar como se queira- da Administración USA, onde interpretan, neste momento, que a ONU só consome recursos e non lles produce beneficios palpables a tanto negacionista votante de Trump . Este capitalismo dixital ten recursos sobrados para facer predominar o seu punto de vista, ocultar a realidade do que acontece e facer que non decaian os crentes no  “crecemento infinito”, intento moi posible quitando do medio aos contrarios. Convertidos os problemas reais en cuestión de opinión gratuíta e graciosos puntos de vista, todo é da cor que queira o que controla os medios, as súas redes e as súas réplicas, aínda que nada sexa verdade nin se lle aproxime.

 

Outro exemplo didáctico para cantos vexan e escoiten ofréceo o Goberno sionista de Israel, onde os sucesivos choques bélicos -especialmente desde a “Guerra dos seis días”, do 5 ao 11 de xuño de 1967 - foron aproveitados polas faccións máis ultras do sionismo para darlle a volta ás tendencias democráticas de convivencia e liberdade en igualdade. Un 10% da poboación, de tendencia ultra, basicamente integrada por colonos outrora ilegais en Gaza e Cisxordania, está a ver cumprida estes días a súa aspiración colonizadora racista, de paso, que trata de construír o “Gran Israel” a conta, non só de Palestina, senón de Xordania, Siria e, mesmo, Arabia. Como noutras épocas históricas, os soños dos máis aloucados soñan cos encomios que moito libros de Historia repiten acríticamente en honra de cantos en cada presente aspiran a deixar constancia dun egolatrismo que, neste caso, din que lles anuncia a Biblia desde Adán e Eva.

 

Ao “chove sobre mollado

 

Neste anaco da Hispania romana, o rexeitamento á multilateralidade doméstica é coñecido desde aquel Viriato que fixo o que puido e que puido pouco cos traidores e encanallados co colonizador. Algo máis sutil, o ínclito aspirante a vivir na Moncloa, Alberto Feijóo, acompañado dos seus lexionarios máis fieis, deixou plasmada o martes pasado, a continuidade desta corrente operativa. Probada a súa competencia práctica en diversas traizóns á tribo galaica en diversos asuntos, foi elixido para substituír ao seu antecesor na trirreme de Xénova. Como Roma non paga traidores, non importa que se traizoe a si mesmo un pouco máis nas pelexas parlamentarias e mediáticas. Ha de demostrar ante os seus adversarios de esquerda –e ante os do seu propio partido- que calquera suceso válelle, para non arrimar o ombreiro ao arranxo das mil tropelías que a diario inventan todo tipo de humanos e humanoides para “aproveitarse” do que sexa. A competencia sistémica de Feijóo , é botar balóns fóra para, desde un suposto desdobramento de si mesmo, e implicarse en pór encarnado, por activa e por pasiva a un longo listado de opoñentes causantes de que, en tempo de expectativa electoral, non alcanzar o triunfo. O seu recurso narrativo de hai seis días, sobre unha hipotética acusación do Supremo ao ministro Bolaños, a pedimento dun prospectivo Peinado, aparentou prudencia no uso dos superlativos e hipérboles doutras insinuacións. Demostrou, unha vez máis, a súa nula dispoñibilidade de lealdade democrática para vir dicir dicir: sen facer nada por ninguén, isto cae en por si, chóvenme do ceo catro votos que non teño e durmo ao fin na Moncloa.

 

Quen pretende manexar á súa bóla o mundo actual -porque poden-,  propician o escepticismo do auditorio, non o seu estoicismo. Unha  multilateralidade democrática ansia a felicidade que, como lembrou o pasado día 25 Rafael Fraguas nunha homenaxe póstuma ao gran Ignasi Rise, quería Hegel cando dicía que “a felicidade era saír ao mundo e deixar que o mundo penetre en nós”. Proposta que aborrece do que propugnan Trump&Achegados.

 

TEMAS: Sirat.- Dereitos Humanos.- Negacionismos.- Convivencia.- ONU.

MMC (30.06.2025).