Como
educandos adultos, debésemos tratar de aprender: as leccións destes días non
tardarán en entrar no exame (das eleccións).
Durante moitos anos, a educación habitual nas aulas escolares fixo
rutineiro o que había que saber. As Antoloxías
do disparate, de Luís Díez Jiménez, mostraban xa nos anos setenta as
imaxinativas respostas de moitos estudantes nos exames da LXE. Seguía
latente, namentres o “clima tan aborrecible”, de que falaba Javier Marías
referíndose ás imposicións do medo
que non só o seu pai sufrira; os protocolos de moitos ambientes educativos
lograran –como noutros campos das relacións- que unha atmosfera de sospeita prendese
entre os decimados polas depuracións. Ninguén daba importancia a que educar era
mostrarse en público para comunicar e que as alerxias á falsidade e ao autoritarismo, se se reprimen, inducen ao
conformismo, actitude que levou a que en universidades, institutos, colexios e
escolas tivesen certa hexemonía as maneiras de non sobrepasar as rutinas
marcadas no que e como ensinar. Iso explicaría o escaso entusiasmo polo
alumnado pouco selecto, que non o apreciasen como propio e, sobre todo, esas
pedagoxías de sabichón, atentas a corrixir con bolígrafo vermello os “deberes”
de quen non soubese repetir o que se transmitía desde unha mesa burocrática.
Na vida política actual, despois das experiencias habidas no tránsito político desde os tempos escolares, onde canto dicían que era moi repetitivo -e a miúdo, imposible de entender-, volvemos atoparnos nunha situación de pedagoxía política en que a repetición sobrepasa as expectativas de cambio real no tratamento democrático dos asuntos que incumben a todos. A sensación destes últimos días, e máis despois de que o PP e o PSOE pasasen unha fin de semana inmersos en catárticas terapias de suposta posta a punto de cara aos días e meses próximos, é que o debate político prosegue polos leitos de apertar filas para combater ao outro, as súas opcións e opinións, máis que para atender mellor os problemas obxectivos, con amplitude de miras e dispoñibilidade para a necesaria transacción de pareceres e ver como resolvelos. Para os cidadáns, en xeral, nin a escenificación dos conservadores foi un exemplo de apertura cara ao suposto centro que queren conseguir –a fin de alcanzar, ao fin, o mando na Moncloa, nin a condución dos socialistas dun barco con mala mar ten asegurada a resistencia imprescindible para que a nave do Goberno siga nas súas mans.
De deixarse levar pola masiva dispoñibilidade de medios dos primeiros –e da forza que trataron de imprimir á súa mensaxería mediática-, a impresión producida nos menos convencidos de que seguir votando ao PSOE é probable que os convencese da conveniencia dunha alternancia, máis pronto que tarde. Seguramente é máis medo que seguridade o que producen, pero mentres non se produza o feito decisorio dunha posible convocatoria de novas eleccións, cabe imaxinar que prosegue un empate técnico como o que, vimos vivindo desde que o PP deu en dicir que España se racha e lindezas similares. A súa melancolía por perder o poder nunha moción de censura non cesou de gritar que España rompe e este recurso retórico proseguirá entre disputas e hipérboles máis subidas de ton. Para elas acaban de dispoñer uns mandos máis destros na brocha gorda, que no manexo dos fíos finos do tecido democrático, necesariamente plural e como leit-motiv viñeron a repetir que ou eles ou o caos, perspectiva que lembra moito os tempos duros do absolutismo e, máis preto, os do autoritarismo de distintas especies, tan pouco democráticas que ningunha era antifascista. Esa apertura quedou recoñecida no novo xefe de fila, Miguel Tellado e a súa cohorte de campechanía faladeira, mentres a centralidade de Feijóo camiñará, no que quede de lexislatura, por onde adoitaba desde aquelas eleccións de 2009, en que desbancou da Xunta ao bipartito galego de Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño. A porta cara a VOX mantense aberta polo si ou polo non, e salvo JUNTS, que seguramente non poñerá moitos inconvenientes a un cambio de cromos, seguirán manexando os moitos arietes que teñen por ver se aburren a todo o mundo. Aínda non logran que ceda o variado grupo dos demais partidos que sosteñen ao PSOE, pero ao lado desta formación, os axustes do afecto dos seus votantes moi probablemente están á baixa.
O
reiterado desatino
na elección dun Secretario de Organización digno de confianza, e de honradez
comprobada en xestos e formas, non provoca sintonías cívicas, nin sequera en cantos
cren cos ollos pechados as narrativas dunha historia de rectitude, probidade e
demais virtudes morais acordes co leal sentido da participación democrática.
Isto é o que está en cuestión detrás dunha actitude de resistencia que, por moi
honorable que sexa, cabe dubidar que sexa acertada. Para un xogo democrático
honesto, serio e capaz de perdurar en firme, non vale moito soster longo tempo
un Goberno que está baixo sospeita. Probablemente sexa verdade que canto rolda
outros litixios xudiciais da contorna gobernamental neste momento teña moito
máis de estratexia ultra que de consistencia xurídica. Con todo, neste contexto,
contribúe a multiplicar sospeitas canda
esta cuestión de “as mordidas”. Nun circuíto tan sensible como o da
organización interna do Partido, expanden máis o eco da degradación política.
Por máis que o partido de Fraga e de Aznar, de Rajoy e varias decenas de
personalidades incursas en cuestións similares teñan categoría suficiente para
non estar en disposición de esixir exemplaridade, o prexuízo aos votantes de
boa fe está servido. Sexan do signo que sexan, non están para ver a lea de
insultos e barbaridades que xa oen de linguas nada afeitas á moderación e ao
respecto, e asesoradas por expertos en meter o dedo no ollo alleo. Ningún
cidadán está para soportar que se repita o
vello refrán da “reunión de pastores, ovella morta”.
Os pagáns desta arte de ter sempre razón a que nos afacer, esperan que os seus impostos se empreguen en actuacións parlamentarias coherentes. Para empezar, no canto dun teatriñño esperpéntico, sería indispensable, a día de hoxe, unha “Moción de confianza”. Refuxiarse na indefinición a conta do temor ao que poida pasar se non se aguanta este transo non descarta naufraxios imposibles de aguantar. Se o vindeiro mércores a marusía cedeu e está máis clarificada a agulla de marear, o gran risco desaparecería, aínda que non do todo. Neste momento de desámimo de moita xente, cando tan exaltada anda outra, ler a Kavafis sosega un pouco; sobre todo , canto dicía dos “Idus de Marzo”,”A deslealdade”, “Ítaca”, “Esperando os Bárbaros” ou, talvez, “Monotonía”:
…A un mes segue outro igual,
o
que virá fácilmente se adiviña;
serán as mesmas cousas de onte.
E
o mañá nunca parece ese mañá.
TEMAS: Xogo parlamentario.- Democracia e Convivencia.- Moción de confianza.- Propaganda e Política.- Ética e Política.
MMC (07.07.2025)
No hay comentarios:
Publicar un comentario