Parece propiciar que o optimismo milite no bando menos favorable ao benestar común.
A atención a canto se
move entre EEUU, Palestina, Ucraína, Bruxelas, Londres ou Madrid, ou o que de
modo máis ou menos mimético traducen as pequenas liortas de parlamentos
españois, nalgunhas autonomías ou sobre todo no Congreso e Senado, non deixa
dúbidas ao redor do que cada cal entenda como posición “correcta” ante canto
ocorre aos humanos sobre o planeta Terra. Hai quen di que estamos ante un gran
cambio xeracional -coma se fose algo superficial- e hai quen, centrando a
atención nos cambios económicos, observan que as vellas maneiras dos máis
fortes procuran aproveitar as debilidades dos fráxiles para aumentar a
rendibilidade das súas innovacións tecnolóxicas. Despois de “a globalización”
dos anos noventa, xa é posible reimplantar as formas decimonónicas do dominio
capitalista sen que as interferencias das leis e institucións de benestar social se
crean necesarias. Xa hai nativos dixitais suficientes para que, de modo
divertido, mentres aceptan que a IA lles arranxen a vida, non sintan necesaria
unha educación digna, unha sanidade adecuada ou unha vivenda que mereza a pena.
O ben común, din, encerra gastos inútiles, cando o benestar é competencia
estritamente individual, que non ten arranxo sen o “esforzo” de cada un.
Namentres, a política e o político, o comunitario e esixido de corresponsabilidade perden terreo. A esquerda fala con medo diso e, na dereita, personaxes conservadores, encerrados en círculos de poder moi limitados, non teñen empacho en revitalizar maneiras e estilos que nada teñen que ver co respecto ao diálogo e a pluralidade. O seu autoritarismo é cada vez máis provocador e a linguaxe de que botan man deixa pálidos os manuais de insultos de que, desde os sofistas gregos ata A arte de ter razón (1864) de Arthur Shopenhauer, hai documentación. Nos clubs de adestramento das últimas remesas deste segmento parlamentario trabállanse , máis que os principios de Maquiavelo , as técnicas propagandísticas de Goebbels e, a cantos perdesen a vergoña faladeira, adéstranos en que saquen proveito ás análises de Lakoff, Non penses que foi un elefante (2004), para controlar as estrataxemas da linguaxe con que dominar a opinión pública. Con ese material, enfróntannos logo a desenmascarar as denuncias que no seu día fixeron Susan George no Informe Lugano (2001) ou Naomí Klein na Doutrina do schock (2007), ou calquera outro informe serio máis recente. O presentismo dominante esixe ser hábiles con canta intriga consiga interpoñer obstáculos ao ascenso mediático do adversario, ao que se deshumaniza sen piedade.
De Utah á Volta
O tráxico final dun
activista provocador, Charlie Kirk, na Universidade de Utah, deu pé a Trump e os
seus a culpar a “a esquerda” e pregoar que estaban no ”lado correcto” de onde
había que estar neste momento. É dicir, que a morte deste correlixionario era
instrumentada para demonizar aos discrepantes do conservadurismo xenófobo,
armamentista e neocolonial do republicanismo triunfante. Un ensaio publicado no
Editorial Século XXI nos anos noventa mostraba como os insultos, falsidades e
sambenitos que se colgaban aos cristiáns antes do Edicto de Constantino, no ano
313 d. C., foron os que estes empregaron despois, por exemplo, contra os xudeus;
tan reavivados foron que alimentaron os fornos crematorios do Xenocidio nazi. E
en España, aínda que os sobrevivintes do estilo educador da posguerra son cada
vez menos, aínda son moitos os que, lembrando a escolaridade dos anos cincuenta
ou sesenta, saben cal era o “lado correcto” da historia que lles tocara; cada
vez que oían falar de “a Cruzada” e de como Don Pelaio iniciara en Covadonga o
predominio ideolóxico dos que mandaban, impoñíaselles unha “memoria obrigada”. Isto
mesmo zumega, na coxuntura actual, canto toca de modo directo ou indirecto ao
que acontece entre Israel e Palestina desde hai máis de dous anos. Os moitos
miles de mortos, famentos e desprazados -nenos incluídos- non importan. Desde
EEUU e Xerusalén, e desde instancias mediocres próximas, non interesa a versión
real do que vemos día a día os telexornais: bombardeos sen conta nin razón,
absolutamente fóra de toda “guerra xusta”, masacres obsesionados por unha
suposta tradición da máis ortodoxa dogmática sionista. Nunha España colonizada e dependente, algúns
responsables de asuntos comúns preferiron coller con papel de fumar a palabra
“XENOCIDIO” e soster que non valía para protestar contra a propaganda israelí.
Máis lamentable é aínda que dixesen que non era asunto dos españois, coma se
defender os Dereitos Humanos e, en concreto, o dereito á vida, non lles afectase.
Como aprendices de bruxo,
ata os malabaristas teñen máis respecto aos xogos cos bastóns de lume . O uso urbano
de Madrid é cada vez máis hostil á maioría dos seus cidadáns: recobra vixencia
o MADRID ME MATA da revista homónima en
1984 . A protesta rueira que a tarde do domingo reproduciron as cámaras a modo
de final abrupto da VOLTA, só é un anticipo da fartura que xera a demasiada
xente cando os predispostos pola propaganda da liberdade de tomar cañas esgrimen
maneiras contraditorias coa convivencia democrática. O risco dos esvaramentos
semánticos -como o que din tivo Tellado con “cavar fosas” -vai máis aló da
deslexitimación da linguaxe que Feijóo acentuou desde a súa chegada á rúa
Xénova. Cantando que tamén “lle gusta a froita”, parece dirixir a charanga
diaria de quen inventa e conspiran co rancio método de insultos e provocacións.
Para un futuro máis imperfecto, fáltalle citar a Biblia, que, a recado,
leu no colexio marista de León; a Netanyahu válelle para xustificar os desmáns
que provoca en Palestina invocando o Libro dos Xuíces. O problema é que
hai outros 35 libros do Antigo Testamento e que, por exemplo , di “…A túa vida
estará pendente dun fío, terás medo de noite e de día” (Deuteronomio 28,
16-68). E cando chama “comunistas” a quen reclama xustiza social, non esqueza que
o Novo Testamento anuncia: “A vosa riqueza está podrida, os vosos vestidos
están apolillados, o voso ouro e a vosa prata están tomados de ferruxe, que
será testemuño contra vós e devorará as vosas carnes como lume…” (Epístola
de Santiago, 5, 2-3).
TEMAS: Abusos da
linguaxe.- Lealdade democrática.- Educación e urbanidade.- Ben común.- Dereitos
Humanos.
MMC (14.09.25).
No hay comentarios:
Publicar un comentario