A opinión dos docentes...non conta?

22 sept 2025

Mala educación -e mala conciencia- desprezan a agonía de Gaza

Unha hipertrofiada manipulación das palabras pretende que todos esquezan unha terra sementada de entullos e miseria.

Algúns opinantes, responsables outrora de acontecementos parecidos aos que durante estes dous anos últimos asolagan os noticiarios, non cesan de dicir parvadas por ver se conseguen moitos likes (“gústame”) nas súas contas de redes insociais. Cantos máis polgares cara arriba ou máis corazonciños acumulan, máis satisfán a súa melancolía e, coa retroalimentación que xeran a unha IA determinada, máis se concilia o nseu infantilismo coa vellez irreparable e máis fan crecer a hipertrofiada circulación de lixo mediático.

Outros que, fóra ou dentro dos nosos lares, exercen como representantes de quen os vote nunhas eleccións, utilizan o paroleo nas mesmas canles engadindo decisións de idéntica coherencia sintáctica. Desde EEUU, con Trump á cabeza desta pedagoxía, a demostración de matonismo imperialista en canto aconsella, suxire e executa, sitúa aos gazatíes e palestinos ao nivel da sola das súas botas, posición en que trata de colocar tamén a cantos digan algo que contradiga ou minusvalore as súas outras políticas. Os Dereitos Humanos -en particular o da liberdade de expresión-, tanto dentro como fóra do seu país, tráenlle á expectativa e canto poidan pensar os demais élle indiferente, como acaba de demostrar co fiscal xeral do seu país e, no diálogo sobre asuntos conflitivos, nunha recente votación na sede da ONU, en Nova York, respecto á representatividade do Estado Palestino. Antes do debate que terá lugar estes días, o seu apoio incondicional á política de exterminio de Netanyahu só espera á repartición de dividendos que se xere tras o desentullo de Gaza. A fase reconstructora desta franxa -Terra prometida para novos colonizadores- levarán a cabo os prometedores de novas experiencias turísticas, publicistas de paz, irmandadora entre os pobos.


Parecido paradigma de Far-West orienta, en terras españolas, aos afoutos defensores de supostos valores patrios. A compaixón, a humanidade e os dereitos básicos, iguais para todo ser humano polo feito de existir, non existen; nin parece que ninguén lles falase deles nin, sequera, de que teñan constancia de que están recoñecidos na CE78 como base xurídica do ordenamento democrático. Non recoñecen que estean en risco en canto acontece nun asunto decisivo na convivencia global, multilateral. Prefiren revitalizar o odio, a forza e o medo ao outro. A Guerra contra Palestina é un xenocidio que xa leva no seu haber máis de 65.000 mortos -entre eles máis de 22.000 nenos,  e que algúns observadores multiplican por dez-, máis os centos de miles de refuxiados, unicamente sérvelles para poñer de volta e media a un Goberno con cuxa sensibilidade humanizadora coinciden cada vez máis países -incluído agora o reino Unido e moi pronto Francia, que tantas responsabilidades tiveron nesa zona ata moi entrados os anos corenta. Foi lento, pero a empatía de moitos opositores españois, en particular a de voceiras hiperventiladas en xestos e palabras de suposta indignación, xa deixa exemplos contrarios á convivencia democrática dos seus votantes co resto da cidadanía.

Rendibilidades do nominalismo

Todo lles vale para dicir que son audaces e que xa está ben de que non lles deixen gobernar a eles. Desde o principio, botaron man do emprego máis ou menos axustado do termo “XENOCIDIO”, coma se con disputar se son galgos ou podencos non viñese o lobo, en principio contra os gazatíes e, colateralmente, contra quen ouse contradicir canto queren que digan os demais. É mellor “masacre”, “exterminio”, “etnocidio”, “matanza”, “progromo” e “holocausto”? Nese falso debate, ao que faltaron as súas psicanalistas, acompañáronos miles de opinadores pendentes da man que lles dá para comer máis que da realidade que deberían explicar a lectores e oíntes. Desde hai unhas horas, con todo, desde que viron que España non está soa nesta pelexa fronte ao expansionismo israelí, frearon un pouco, pero atrás deixaron grandes oportunidades de practicar a decencia. Non lle deron ao Goberno a baza da concordancia en “política exterior”, tan publicitada outrora e, ao mando de Tellado e Ayuso, non pararon de regodearse na patalexo enrabuxado. Á madrileña, o papel permanente de Mademoiselle  Rottenmeier, que liamos en Heidi,  non lle pega, e máis se lle rolda a idea de que vale máis. En canto ao ferrolán, móstrase como O Guerreiro do anteface ou, talvez, O Capitán Trono, a súa ansiedade por disimular a incompetencia cazurra do seu xefe coincide con que ambos lle marcan o paso. Seguirano facendo ata os “idus de marzo”, de que tanto sabe Casado, o defenestrado.

Ela, por agora , coas mañas que foi aprendendo das notas que lle transmite o equipo de MAR, o seu escudeiro, decidiu sacarlle partido ao inconcluso final da Volta a España cun evento en que se vexa ben que está aí. O de Gaza e os gazatíes tráea  sen coidado, como tamén que contradiga canto fixo ou dixo de Ucraína. Élle máis rendible ser fiel a FAES e os seus mentores e, como está entre “os que poden facer” que dicía Aznar, preocupado por Occidente, brindoulle a súa decisión de coartar aos profesores e mestres, para que non falen destas cousas nas aulas. Este peculiar referendo á “liberdade de ensino” reitera que os obxectivos dos centros educativos han de avirse co que pense o gobernante de quenda. Por nulos que sexan en distinguir a Viriato de Witiza, o que menos lles importa é que os ensinantes de Historia o saiban facer. Onda os de Filosofía téñeno mal sempre para ensinar, e non é o momento para que lembrar que dicía o Prólogo da Lei de Ensino Medio de 1938. Poida que a norma madrileña última sexa esa, pero se van máis atrás, atoparán nos Feitos e ditos memorables, do historiador romano Valerio Máximo (da época do fillo de Nerón, Tiberio), que a moito gobernantes só lles gusta que conten historietas, das que as criaturas deduzan a “boa conduta” que deban seguir. Temen que a Historia -e o bo xornalismo- descubran a verdade do Rey espido. Non lles é rendible que, nun mundo moi incerto, o alumnado se decate de que as súas vidas poden estar en mans de políticos/as desmemoriados/as.

TEMAS: Dereitos Humanos.- Estado palestino.- Gaza.- Redes sociais e política.- Historia e convivencia social.

MMC (22.09.2025)

No hay comentarios:

Publicar un comentario