Sucédense os acontecementos en que as argucias do nominalismo pretenden despistar e cansar ao persoal votante
As ciencias, como dicía La
Verbena de la Paloma, avanzan unha
barbaridade, e talvez non sexa o último acontecemento nos noticiarios pero, sen
dúbida, é significativo que o xerente do
Hospital Universitario de Torrexón de Ardoz
explicase estes días que non é el quen fai os diagnósticos nin as listas
de atención aos pacientes. Malinterpretarase ou non “fóra de contexto”, non
pode dicir que o que dixera non tivese como
“pretexto”, razón ou motivo neurálxico a predilección neoliberal que quen
revise “hipertextos” da rede, ou vídeos e apuntamentos de canto se ensina nas escolas
de negocios, pode ver que anima a quen anceia ser emprendedor. Aínda que ese “texto”
se dixese no “contexto” interno da xestión do negocio ao que serve, non hai
modo de eliminar dúas premisas evidentes. Unha: que para mellorar, eficientar, rendibilizar, optimizar e maximizar a
oportunidade de xestionar recursos detraídos dos orzamentos públicos, a
concesión administrativa do servizo sanitario debía xestionarse dentro dos
canons do máis puro capitalismo. E
dous: que non se había de facer en plan ONG, sen ánimo de lucro, nin como
expresión de xustiza social distributiva. O deber de gañar máis con menos é aspiración
da libre concorrencia da Economía
política clásica, en que a rendibilidade dun monopolio, sen competencia, detráese
da atención ao número de pacientes asignados. Cantos menos servizos se lles presenten,
ou canto máis se demoren as listas de casos complicados, os beneficios por
unidade de tempo empregada son signo de boa administración, e dunha
racionalidade en que os valores morais han de ser contables e o que lles pase
aos demais non conta.
O “texto” en cuestión
serviu, neste “contexto” específico, de “pretexto” para que a presidenta da
Comunidad de Madrid saíse ao paso de “ataques infundados por motivos políticos” que, segundo o CEO de Ribera
Saúde –empresa que controla outros hospitais- puxeron en circulación
“malintencionadas interpretacións”. Na súa opinión, non habería
“irregularidades” e “calquera persoa que use a Sanidade de Madrid para facer
negocio e que faga prevalecer unha vida sobre outra terá unha resposta contundente
e sen paliativos”. Por tanto, no citado
Hospital todo é correcto: non sucedeu o que din que dixo este xestor; “outra
cousa é que el propuxese unha idea que é inasumible”. Pois ben, aínda
supoñendo que se trate de algo filtrado ao medios –xesto a que xa están afeitos
os cidadáns en moitos outros asuntos-, e que fose descontextualizado das
circunstancias en que se pronunciou, suscita escándalo ao facer intelixibles decisións
que, por moito que se queiran descafeinar, correspóndense co que moitos
cidadáns viven. Vén ser o libreto dunha
partitura repetitiva que os usuarios de servizos públicos sofren de contino,
non só en asuntos de Saúde. En Educación, non outra cousa viron na xestión dos
recursos públicos que as Comunidades lles proporcionan. Con haber diferenzas
nalgúns sitios, e nuns ou outros momentos do pasado, pode asegurarse que, no
que ao dereito de Educación se refire, o desenvolvemento
do artigo 27 da CE78 nos últimos 47 anos non foi moi distinto do remarcado no texto
do xerente do Hospital de Torrexón. Sen referencias ao contexto vital dalgunhas
políticos ou políticos implicados, tamén en Madrid –espazo pioneiro para outras
Comunidades-, talvez o ano 2003 sexa co
“Tamayazo” sexa o gran referente de canto -sen moita memoria do acontecido
desde 1938- serve de pauta política central. O seu ritmo de predictibilidade, óptimo para intereses privados, fortalécese
a conta de erosionar a rede educativa pública-pública. Co favor da
Administración e axentes sociais moi activos, a cadea de valor que se xerou garantiu
un retorno, sostible no tempo de varias lexislaturas, de capital económico e
social.
O adxectivo “publico-público” sinala o nó de acción socioeconómica, cultural e política que opera no
sistema universitario, sobre todo, desde
o Decreto 557/ 1991, do 12 de abril –sobre creación e recoñecemento de
universidades privadas- o mesmo que, o ano anterior, empezara a consolidarse no
sistema escolar coa LODE. As subvencións, concesións e concertos para atender
servizos correspondentes a un dereito social, préstanse a confusión ao chamar “público” a un negocio privado,
ben teña rendibilidade económica ou ideolóxica. A confusión, tanto se trate de
colexios como de hospitais, é unha trampa visual, que fai máis verdade o
escándalo do cuestionado texto sanitario. En Educación, é repetitivo e, en
moito casos, máis preciso que en Sanidade; este modo metódico de proceder é o
dun MODELO experimentado no ámbito educativo desde o século XIX, que se
estendeu ao hospitalario desde 1999, en
Alzira.
Aos poucos , vai calando
cal pinga malaia na xestión do público a medida que o conservadurismo gana
adeptos. A idea é atender diferencialmente a “os selectos”. Non maximiza cidadáns, pero fai medrar os clientes e votantes. En
educación, hai mozos e mozas que, por razóns socioeconómicas e similares, son candidatos
ao “fracaso escolar” desde antes de ir á escola. Atendelos a todos
equitativamente, de modo que as prestacións escolares se adapten ás necesidades
de cada un, é máis caro. Desde o punto
de vista económico, é máis barato, en
cambio, dar a entender que se atende ben aos que, pase o que pase, sempre
saen ben parados; o resultado da
escolarización dos demais é aleatorio e –como os pobres do Evanxeo- sempre
hai un tanto por cento, bastante alto en España; se miramos rendementos en
lectura –como fan os informes PISA, ou indicadores de “abandono temperán” e
“repeticións de curso”-, son un
“fracaso”. O sistema escolar
desenténdese deles con diversos “pretextos”
con políticas educativas que fan de filtro ao sistema produtivo dominante.
Nunca ten orzamento suficiente para atender o problema e o seu “contexto” máis
expresivo proporciónao unha formación do profesorado que, raras veces, é a
apropiada ás urxentes necesidades dun alumnado crecentemente plural e diversas
necesidades de atención. Por isto crece
o número de profesoras e profesores desmotivados e, tamén, decisións
tendentes, por exemplo, a favorecer que algunhas materias sexan impartidas por
docentes sen os requisitos establecidos desde 2009. O “hipertexto” educativo reinante –acorde con “textos” paralelos como
este da Sanidade madrileña-, dá pé para preguntar se lle interesa a alguén
unha cidadanía consciente e de verdade autónoma.
TEMAS: Política económica e Economía política.- Dereitos sociais e
servizos.- Xustiza social.- Capitalismo extractivo.- Trampas visuais
informativas.
MMC (08-12-2025).

No hay comentarios:
Publicar un comentario