A opinión dos docentes...non conta?

6 oct 2011

Canta máis folga, mellor

Inma López Silva

Data de publicación:
Mércores 05 de outubro de 2011. La Voz de Galicia.
No fondo da  súa alma os Consellería de Educación están encantados coa folga. Teñen que dicir que non porque é unha moda informativa, algo que se espera deles igual que se espera de Manolo Escobar que cante  Mi carro nos concertos. Pero en realidade saben que é moito mellor que haxa moitos docentes en folga, como din os sindicatos.
Ata agora, estaban convencidos de que os mestres poden facer folga polo que lles pete: pagan por ela, así que, segundo o libre comercio, hai que apandar coa protesta. Consecuentemente, os mestres terían que pagar un extra por que a Consellería mudase de opinión nas súas decisións, pero iso sae carísimo, e bate de fronte coas hipotecas da maioría. Mais en realidade, cobrar pola expresión pública da dignidade é unha fonte de ingresos marabillosa para as arcas públicas. Así que a folga, daquela, é rendible, e por iso dedícanse a provocar.
En Galicia hai uns trinta mil docentes non universitarios. Segundo din os sindicatos, irían á folga uns 15.000; e segundo a consellería, uns 4.800. Máis ou menos, a ollo. Se a cada docente lle descontan aproximadamente un 5 % do seu soldo, a diferenza é terrible: 1.350.000 euros de rendibilidade segundo vos sindicatos, ou a morriñada de 432.000 euros segundo a Xunta. Daquela ir á folga é apoiar as políticas de aforro de Feijoo. É a versión administrativa da sarna con gusto.
Xa que tan preocupado anda ou conselleiro Vázquez polo déficit, pode facer virtude da indignación dos mestres. Só é unha idea, porque igual non sabe que facer con tantos cartos sobrantes e llos dá a calquera outro conselleiro para pagar a gasolina do crecente número de coches oficiais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario