A opinión dos docentes...non conta?

10 jun 2012

Menores de idade




Manuel Menor Currás

O primeiro que nos ensinaron desde pequenos é a ser menores de idade. Tamén é o primeiro que somos socialmente: menores e, xa que logo, diminuídos. A subseguinte responsabilidade que, segundo avanzamos na idade cronolóxica, se nos asigna, dá por suposta unha inocente irracionalidade para eses anos primeiros, previos á irrupción do “uso de razón”. Cara aos sete anos, os hábitos culturais introducen un ritual de paso de relativa solemnidade, que trata de marcar a diferenza, pero aínda que no ámbito xurídico nos consideren dende entón maiores e, polo tanto, con racionalidade suficiente para facernos cargo do que facemos e ser quen de responder adecuadamente ao que se nos propón, teño para min que para moitos efectos do que nos incumbe está mal visto ser e sentirse maiores. É máis, hai moitas instancias aínda no noso derredor empeñadas en considerarnos e tratarnos permanentemente como menores. Desexan – se coñece- que morramos como nacemos e sen que muden os hábitos da nosa crianza: inocentes e dando por boas as decisións e criterios dos nosos paternalistas líderes políticos, económicos ou relixiosos.

Esta pauta de conduta non enlaza mal coa nosa historia: somos o froito dun pasado pedagóxico moi persistente neste afán. No chamado “Antigo Réxime” en España, practicamente ata 1812-, a graza de Deus inspirou demasiado aos nosos reis e fíxolles absolutamente distantes e distintos dos seus súbditos. De máis atrás aínda arrastramos os privilexios de berce e as súas barreiras infranqueables: como un reducido grupo de privilexiados -nobres e eclesiásticos- mantívose distinto da inmensa maioría de xentes do Terceiro Estado, mandando e mangoneando en case todo ás súas anchas. Non se estrañe ninguén, pois, de que aínda haxa hoxe falan de “envexa igualitaria”para deostar aos quen ousan simplemente esixir que se cumpran os mínimos dunha Constitución que, ao parecer, interpretan como algo “outorgado”. É coma se se sentísen herdeiros de cantos nos últimos douscentos anos foron pondo sucesivas trabas para que as cousas de todos fosen asunto de todos e non dunha minoría máis interesada en manter a súa diferenza que en potenciar canto puidese contribuír a unha maior corresponsabilidade e entendemento mutuo. Canto tempo tivo que pasar na nosa historia para que o simple voto masculino fóra de acceso “universal”e con que limitacións e prevencións? E respecto das mulleres, canto máis tempo tiveron que esperar? Quen e en nome de qué establecían que se considerasen diferentes neste e en tantos outros supostos dereitos e lbertades?

Sen derivar cara ao vivido en España con liberdades conexas, como a de expresión tan abalada e contraída-, este asunto do voto é moi significativo. Tróuxoo a Constitución de Cádiz cuxo bicentenario se conmemora, o que non quere dicir que se puidese exercer desde entón: o percorrido desta primeira Carta magna foi aos tombos; case foi excepcional que se puidese votar desde entón e, antes de 1890, só foi factible en versión “censitaria”, restrinxida a un reducido grupo social que tamén era o que gobernaba, lexislaba e decidía qué era bo ou malo respecto do seu propio código lexislativo; igual que establecía qué era o correctamente admisible nos máis diversos planos da vida social. Non é aventurado dicir que, na nosa historia patria, os tempos democráticos, abertos ás posibilidades de exercicio libre da liberdade cidadá de todos, foron máis ben escasos. Se exceptuamos o transcorrido desde a última restauración democrática, cantas veces puideron votar os españois ?cantas excepcións se estableceron-, libres e sen coacción?

Non é que crea que a historia sexa unha magistra vitae, como sesgadamente propuña Cicerón, pero pensar as cousas historicamente axuda a entender este presente cos seus comportamentos non necesariamente cambiantes en demasiadas cuestións importantes. En asuntos como o da minoración a que as nosas elites seguen sometendo ao resto da cidadanía -como estratexia para soster a súa diferenza-, son perceptibles, desde logo, non poucas continuidades respecto ao pasado. As ineludibles marcas do cambio non logran ocultar demasiadas rémoras de “tempo longo”, ata en asuntos de aparente importancia menor pero de gran valor significativo. Os que incumben á memoria, á historia e aos modos de tratalas sono porque redundan na consideración das maiorías sociais como menores de idade e cooperan activamente a iso. Se realmente se ensinase como disciplina científica -se a que se propón nas escolas e institutos fose algo máis que un conciso catecismo de tópicos ou un diluído puzzle de convencionalismos pseudosociais faltos de rigor-, a historia podería contribuír a remover algunhas pedras que obstaculizan os proxectos de vida compartidos ou, polo menos, non contribuiría a ser un privilexiado ámbito tertuliano para diletantes empeñados en que volvamos aos tempos de Atapuerca. En cambio, polo camiño que van as cousas, non sería raro que triunfasen as voces de quen xa ven nesta área de coñecemento un tempo inútil ou, mellor, de próspero adoutrinamento potencial. Non estamos en fase de que se anhele que estas aprendizaxes contribúan a unha mellor calidade da vida social. Parece -segundo din- que iso é perigoso. Como debe selo tamén o que os estudantes se preparen dende o suposto de que esta convivencia na pluralidade sexa algo en construción e non un rudo prontuario de dogmas establecidos. Confírmao o que que propón o Sr. Wert como reformulación da anterior Educación para a Cidadanía -non tanto polo irrelevante tempo asignado, canto pola súa nova estrutura. Ese é o paradigma conceptual que imos ver estenderse, anhelante de que os discentes prolonguen indefinidamente a súa minoría de idade pensante e de que os docentes se empeñen en potenciala do modo máis eficiente.

Se á situación de ignorancia programada se engade que as coxunturas de crises adoitan ser propicias ao esquecemento, propagarase pronto a idea de que todo no noso pasado foi mellor. Unha cohorte de antropólogos de garda aprestárase pronto a confirmalo e a sinalar as presuntas desviacións pedagóxico-morais-doutrinarias a erradicar. Mentres, un adestrado elenco de expertos, armados co inestimable apoio do Dicionario Biográfico da Real Academia da Historia, aproveitarán para depurar tanto desamaño e reiterar as querenzas ancestrais nun novo deseño curricular que poña as cousas no seu sitio, onde deben estar. O toque de modernidade surrealista proporcionarano unhas pingas de bilingüismo mal dixerido, que serán de irrenunciable esixencia para que os máis excelentes poidan contar as novas humanidades, por fin ben situadas de cara a un futuro prometedor. O resultado final é xa vaticinable: garantida unha amplísima xeralización do alzheimer en historia e na multidimensionalidade dos coñecementos afíns que lle son conexos -de xeografía, economía, política, socioloxía, arte, urbanismo,, literatura e filosofía-, o amplo baleiro neuronal das novas cohortes de españois quedará dispoñible para unha ampliación da minoría de idade, polo menos ata a terceira.

Nada sucede no baleiro: o contexto contribúe a potenciar a aceleración desta perspectiva. Tomar á xente como refén das máis nefastas decisións das elites,; atribuír ao diñeiro do orzamento funcións imprevistas que favorecen a uns poucos,; socializar perdas mentres esas egrexias minorías poñen as súas ganancias a recado,; recortar prestacións públicas mentres se privilexia a institucións e centros privados,; lograr que os impostos repercutan sobre todo nos que máis traballan,; que acepten pagar taxas os que xa tributaron,; que se xeralice a doutrina de que pague quen usa un servizo..., Se só van ter acceso ao coñecemento e á cultura uns pouquiños de sempre e se, en definitiva, logramos que sexa un principio sacro -e como tal inamovible- o vello principio de que ao que ten daráselle e ao que non ten quitaráselle o pouco de que dispón, todo está rodando polo bo camiño de favorecer que o medo paralice un pouco máis ao persoal e nos deixemos manipular coma se fósemos nenos. Todo moi acorde con que nos sintamos minorizados. Por se tales actitudes e decisións quedasen curtas no empeño, as nosas selectas minorías saben moi ben como seguir facendo que non logremos a maioría de idade que nos é debida. Aí está a nova coordinación da xestión de TVE: non se podía escapar tan libre e alegremente. Debía seguir o exemplo de tantas televisións rexionais, aptas para glosar o que queren e como queren; non sexa que alguén se decida a pensar en por si. E en canto á prensa, pouco máis lles queda xa por facer. Teñen case todas as cabeceiras no bote -especialmente en autonomías e provincias-, abeberando das súas mans o que haxa de dicirse do que estea pasando. Custoulles pero o están logrando: convencernos de que vivimos en democracia sen que nos decatemos de que nos teñen por menores de idade, e de que -polo noso ben- os únicos que saben que pasa e toman as mellores decisións respecto diso son eles, os de sempre.

Madrid, 09/ 06/ 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario