A opinión dos docentes...non conta?

12 ago 2012

Sucesos desinformativos




Manuel Menor Currás

Volvemos claramente onde adoitabamos. En información, hai tempo que nos vimos achegando ao pasado. Entre outros moitos, dous xornais para min significativos, como Xornal de Galicia ou Público, pecharon hai meses a súa edición en papel, e o primeiro deles tamén a electrónica. Outros, como El País, son agora unha sombra do que foron e é presumible que estean nos prolegómenos da irrelevancia. Tres ou catro grandes grupos -con abundante capital estranxeiro- controlan o que queda da prensa nacional, mentres nas autonomías sobreviven os que saben render pleitesía á voz do poder. Respecto de TV, desde a desaparición da cadea 24 hs. de Canal Plus -cuxo sinal viría ocupar “O gran Irmán”-, tamén se precipitaron os acontecementos. Ás múltiples televisións autonómicas, con pretensión de protexer peculiaridades culturais, case só lles é asignable como achega cultural servir de escaparate -obsceno, con frecuencia- ao doctrinarismo desinhibido dalgúns dirixentes políticos.



Nesta resignación estabamos cando, “polo ben da televisión pública”, nos cambiaron o organigrama de TVE e, a continuación, o que desta acadara prestixio e recoñecemento. Impera agora a sensación de que nada se move na órbita da información independente e que todo está xa ao servizo do que lles manden. É coma se sobrase o xornalismo de investigación e os enviados especiais: que fose suficiente co que transmitan as axencias -coma se estas non tivesen dono. Que non fosen rendibles os entrevistadores/as que poñen nerviosos aos entrevistados por saber que perseguen coas súas preguntas: que é mellor aterse ao que conten os voceiros oficiais e reducirse a exercer de amplificadores seus. Nada inesperado, pois, se a propia secuencia dos noticiarios se está convertendo nunha reprodución adaptada do antigo El Caso: pronto non serán outra cousa que un selecto encadenamiento de “sucesos” desxerarquizados e descontextualizados. Recordan o NO-DO? Deste xeito, vemos que, en moitos medios, xa case non quedan xornalistas como non sexan de floreiro. Noutros, nin iso: substituíronnolos a fume de carozo por axentes distractores que nos entreteñan e emboben mentres pasan cousas que, ata fai moi pouco, nin nos atreviamos a soñar. Coñecen en que consiste o xogo dos trileiros? Cara aí imos cos medios.



Só o lector avezado nos tamén vellos costumes da lectura oblicua que impuña a Lei Fraga, era capaz de ver algo de luz entre tanta trampa. Era indispensable saber ler entre liñas para chegar a descubrir algunha información relevante entre a follaxe que había que saltarse e a serie de inconvenientes que a censura dispuña como obstáculos. Poucos tiñan esta capacidade desenvolvida e a inmensa maioría dos mortais só podía facer caso -se quería aclararse un pouco-, a “radio macuto” ou á súa propia avidez de captación de mensaxes que -se tivera que emigrar ou debía viaxar moito laboralmente- tallle proporcionasen as propias cousas ou os distantes contrastes que adoitan mediar entre ditos e feitos. Tal é o motivo polo que, como entón, pronto nos vaian a dicir que viaxemos menos e vexamos máis a prensa ou a tele, non sexa que saibamos de que vai o que nos pasa.



O que acontece aos medios ilumina o que sucede en Educación. É coherente que o ministro actualmente menos valorado polos cidadáns (segundo o último barómetro CIS, do seis de agosto, ningún supera o catro: a súa cualificación queda en 2,5) trate de aumentar -co incondicional apoio de recoñecidos/as conselleiros/as autonómicas- o “fracaso escolar”: se tanto nos costara que acadase tan só a un 32% -ou que se reducise cinco puntos nestes últimos anos tan fatídica estatística-, as medidas que nestes meses últimos se están tomando incrementarana sustantivamente. É seguro que, con menos medios e máis problemas indebidamente atendidos, a eficiencia do sistema -mírese como se mire- se resinta máis. Os levan moitos anos no ensino constatárono. Os institutos públicos dos anos oitenta, comparativamente con outros colexios privados da súa área de influencia, superábanos a miúdo en resultados académicos. Abondou, desde finais dos noventa, con aumentar os problemas que debían atender e diminuír os seus recursos, para que en moitos casos se invertesee a tendencia. Xa sei que esta aseveración encerra moitas outras consideracións, algunhas ata propicias ao debate desconforme, pero o único que quero subliñar é que xa temos unha desgraciada experiencia sobre moito do que vai suceder. Por máis que as nosas desaprensivas autoridades insistan en que non pasará nada especial, o xa certo é que están desvirtuando de tal modo o aprecio e o valor do que implican os procesos de ensino-aprendizaxe que, de modo consciente -o que sería grave- ou de modo inconsciente -o que sería gravísimo- están contribuíndo a aumentar o número de analfabetos. A conta dos recortes educativos e dos que máis os están sufrindo -os máis necesitados de medios para entender a realidade: ler e escribir é iso en definitiva-, están logrando de xeito autoritariamente activo -por decreto, orde e circular executiva, e sen rozar o parlamento como non sexa para darlle ao automático muíño absolutista- exercitar as súas obsesións sobre a igualdade-desigualdade. Se se ocupasen de que desaparecese ou se reducise a desigualdade -tamén no terreo do coñecemento-, actuarían de modo moi distinto, coherente cun concepto de calidade democrática en que escola e medios informativos compartisen garantías de accesibilidade e liberdade interna valiosas para todos. Se reducen tales condicións -esenciais en ambos os mundos-, o concepto de sociedade que lles serve de referencia é o duns poucos rexendo e determinando a vida da maioría. Coma se ansiasen que non se decatasen de nada e que así fosen máis dóciles: canto máis ignorantes sexan -con menos escola e menos información de calidade-, mellores consumidores serán.



Dinnos que todo se está facendo en nome da “liberdade de mercado”, coma se este fose un ser abstracto e aquela, un ben de fácil acceso a todos. Nada nos impide personalizar o mercado como os intereses dos máis ricos se queremos entender mellor o xogo do intervencionismo a que un conxunto de persoas locais, obedientes ao mando deses poderes coaligados, limitan aos cidadáns españois os medios indispensables para exercer a súa liberdade. Entendémolo mellor se o referimos a canto está sucedendo cos nosos aforros, os bancos, a débeda e a prima de risco..., pero, en realidade, están atrapando polo medio a liberdade de coñecemento, liberdade de información, liberdade de educación, de crenza, de expresión, de elección.... Esas cousas, as máis belas da última Constitución, son as que están en xogo cando, na nosa televisión -as televisións públicas- e nas nosas escolas -as públicas nos seus distintos niveis- se coartan caprichosamente os medios indispensables para que cumpran con dignidade a súa función democratizadora. Non nos digan -como pretendeu o noso actual presidente respecto de graves problemas económicos- que somos “soberanos” nin, menos, que máis adiante imos selo máis coa serie de medidas que non cesan. Dígannos -en coherencia co que están facendo- que están sendo o voluntarioso brazo executor de quen queren que esteamos “intervidos” ou mutilados nas nosas liberdades democráticas básicas. Joan Garcés hai tempo que estudou baixo esta perspectiva da vixilancia exterior como algo estrutural, o desenvolvemento dos nosos asuntos político-económicos: o seu libro, Soberanos e intervidos (Século XXI), vai camiño da cuarta edición. No que incumbe á información -a primordial do sistema educativo e a conxuntural dos medios-, tampouco estamos ante un mero “suceso” transicional.

Ourense /08/08/2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario