no xornal La Región o 28.03. 2013

A unha minoría, certamente. Interesa ademais que sexa así, porque convivir no debate perpetuo fatiga e produce fisuras no entramado do sistema. Daquela, o estimulante, a día de hoxe, é o consumo de pracer. Cadaquén busque entón o seu e aquí paz e despois gloria. Para que darlle voltas ó que parece -fixénse ben, 'parece'-, no ter solución? Que hai desafiuzamentos e suicidios? Experimentemos mágoa e punto redondo. Ou filipino, xa saben.
A estupidez de ter pretendido vivir 'por riba das nosas posibilidades' é o que ten. A responsabilidade recae, xa que logo, nun pobo imbécil? E a clase política? Podemos sentirnos orgullosas e convencidos do seu labor? Mellor non pensar, deixar a cousa como está e, moi importante, que aquelas, e aqueloutros, que veñen detrás sexán indiferentes a calquera drama social. Total, para o que lles serviría saber que viven na caverna de Platón? Historia da Filosofía deixa de ser materia troncal e obrigatoria en segundo de bacharelato para se converter nunha optativa. Isto, como pouco, é sintomático dunha sociedade que renega dos espazos de reflexión mental, porque o que menos desexa é fomentar a curiosidade intelectual da cidadanía que, pensando pensando, deixaría a un lado a devandita indiferenza para virar incómoda, pola intrepidez e afouteza que acadaría ó se emancipar. No ensino, no canto de inculcar un saber enciclopédico e obediencia, conviría moito máis fornecer o amor polo coñecemento e a consciencia de que este constitúe o cerne da liberdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario