A opinión dos docentes...non conta?

13 ene 2014

Óscar Sánchez Vidal, un home bo.

Recordatorio da Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos
29.12.2013.
Con fonda dor comunicamos o pasamento do noso socio, compañeiro e amigo Óscar Sánchez Vidal o pasado día 26. Onte foi incinerado na intimidade na súa Ourense natal.
Óscar licenciouse en Clásicas pola Universidade de Compostela no ano 1988 e exerceu o seu labor profesional fundamentalmente nos IES Portovello e As Lagoas de Ourense, centro este último onde o seu pai, Julio Sánchez, fora un aprezado e querido profesor de Latín.
Óscar era un gran profesional, abnegado e devoto do seu traballo, dentro e fora do instituto.  A súa presenza sempre estaba garantida nas citas do Festival de Teatro Grecolatino de Lugo e dos diversos cursos de actualización pedagóxica. Nos últimos anos fixera, como moitos de nós, un enorme esforzo por achegarse ás novas tecnoloxías e cambiar radicalmente os seu modo de ensinar. Home humilde, xamais se gababa dos dous premios de innovación pedagóxica que recibira e que podedes ver en In proverbiis, veritas.
Con todo, o máis salientable de Óscar era a súa calidade humana. Ninguén dos que tivemos a fortuna e a honra de coñecelo negaría que era un home bo. Así de simple e así de complicado. Sempre estaba disposto a axudar sen agardar nada por elo, optimista a pesares das adversidades, buscaba sempre a xustiza e non o beneficio. Loitador nato conseguiu que se volvera a cubrir a praza de Grego que se perdera no seu instituto, unha heroicidade nestes tristes tempos que vivimos.
Será por esta personalidade tan especial que os deuses nolo levaron tan novo como era. Xa decía Menandro ὃν οἱ θεοὶ φιλοῦσιν ἀποθνήσκει νέος (aquel a quen os deuses aman, morre novo). Mais nunca poderán privar os deuses aos seus alumnos, aos seus compañeiros, aos seus amigos do seu recordo, que sempre nos iluminará e vivira entre todos.

Sit Tibi Terra Levis, amice! ¡Descansa en paz, amigo!

No hay comentarios:

Publicar un comentario