A opinión dos docentes...non conta?

1 ene 2014

DESPOIS DA IMPOSICIÓN DA LOMCE, WERT QUERE COAR DE XEITO SIMILAR O ESTATUTO DA FUNCIÓN PÚBLICA DOCENTE


Un proxecto non de lei sobre formación inicial do profesorado -anticipo da que sería a súa lei de Estatuto Docente- abriría a vía para impoñer, sen diálogo social, unha “reforma laboral” do profesorado.

O pasado día 10 de decembro, Wert non presentou no Congreso o seu modelo de formación inicial do profesorado. quedou para mellor ocasión o que Europa Press anunciara para ese día, confundíndose ao ler a axenda do Congreso. Non era a proposta 162/000613 a que se presentaría ás catro da tarde, senón a que levaba o nº 162/000614, relacionada coa especialización produtiva das rexións -coa súa correspondente repercusión en I D I e outras derivacións empresariais e laborais máis eficientes- titulada “de especialización intelixente” (como consta na Orde do día da Sesión nº 154 do Congreso de Deputados).

Dous asuntos chaman a atención, pese a todo. O primeiro concirne á confusión desta axencia de prensa ao distribuír a noticia dous días antes, co conseguinte fallo dalgunhas organizacións e comentaristas, que a aceptamos como boa en comunicados ou columnas de opinión. En boa medida a equivocación é explicable -creo- pola obsesión que creou todo o relacionado co triángulo PISA-LOMCE-Wert. De aí a rápida asociación errónea. O segundo consiste en que, pese a todo, non deixa de ser noticia destacable que xa o 26 de abril -como pode lerse no Boletín Oficial das Cortes Xerais do Congreso dos Deputados correspondente- rexistrouse a devandita proposta non de lei, á espera do seu tratamento en plenario (Cfr.: BOCG, 10-D-262, páxs. 7-8). É dicir, que moito antes de que fose aprobada e publicada a LOMCE, xa se planificou a correspondente formación dos profesores que haberían de levala á práctica. Optábase, deste xeito, por unha vía máis expeditiva que a seguida con ocasión doutras leis orgánicas, en que tiña preferencia o desenvolvemento normativo de decretos e reais ordes que desmiuzaran o que ensinar. Neste programa lexislativo, o primordial viraría en torno ao profesorado idóneo para a continuidade da LOMCE, unha vez que esta xa predeterminara as súas características esenciais. A iso viría -como adiantaba previsoramente a proposta abrileña do PP no BOCG-, un novo modelo de selección e formación de carácter nacional para o acceso á profesión docente?.

Un proxecto previo, pautado para seguir minuciosamente, é o que suxire directamente esta présa. A alteración de tempos non quere dicir confusión neste caso, senón conxuntada planificación e cálculo estratéxico dunha secuencia en tres partes, cada unha no seu momento máis adecuado e conformando as tres un único propósito operativo do que debería resultar un novo sistema educativo, ben diferenciado do construído nos anos oitenta e moi trufado de ambicións neoliberais e neoconservadoras. Primeiro, a LOMCE; logo, a adecuación do seu profesorado máis pertinente e, despois, completando o equilibrio deste “trespés” leguleio preferente, o perfil da Universidade desexada. O pronto rexistro no BOCG desta proposta non de lei sobre a formación do profesorado fai saber que tan harmonioso conxunto foi deseñado con tempo, moi probablemente ata antes de que Wert aceptase o cargo, tal como presaxiaban nos Cadernos de FAES desde o ano 2000 ou algúns dos seus autores máis dilectos desde anos antes. A tarefa deste ministro de palla no goberno tan só consistiría en ir situando na orde do día -mediático e lexislativo- o máis acorde co cronograma prefixado. A condición esixible ao encargado de completar este puzzle é que sexa perseverante cos tempos establecidos e que non cexe no plan, por máis presións que poida recibir dos principais afectados, sobre todo desde a visibilidade da rúa: non sexa que se vaia a vir abaixo todo o tinglado, como xa sucedeu coa LOCE de Pilar del Castillo.

A metodoloxía que está seguindo Wert é similar á daquela expeditiva ministra -tamén ligada ao ámbito da demoscopia- e as súas tres grandes leis contrarreformistas entre o 2000 e o 2004. O non menos rápido tránsito lexislador do actual ministro de Educación é parte estratéxica central da mensaxe que deixou tras si a LOMCE e que reitera de novo respecto de este segundo gran reto do Estatuto da Función Pública Docente: un previo “diálogo” que adoita ser xordeira, seguido rapidamente dun “trágaa” lexislativo ao que non se admite emenda ningunha de relevo. Sorprendente é, de todos os xeitos, neste afán de dosificar “a mellor educación” aos felices cidadáns, a perseverante continuidade deste equipo ministerial na crenza de que gobernar é cuestión estritamente lexislativa. Nunha conxuntura tan rudimentaria da división de poderes como a do PP actual, é grande a tentación de que todo pareza ben trabado e obediente ao principio escolástico de que unum, verum et bonum convertuntur. Tanto, que parece sobrarlles o exercicio do tacto e o oído, a comprensión e afán de consenso mínimos cara ao que outros cidadáns -parlamentarios ou non-, pero tan interesados ou máis que eles nestes asuntos poidan libre e razoadamente opinar. Do seu contacto directo co que a enorme diversidade de alumnos que convive nos centros educativos -e os seus indispensables profesores e mestres- necesiten perentoriamente, para que falar: élles suficiente con lexislar pro domo sua.

No entanto, outro fiasco máis que probable é o que, de proseguir con este sistema dirixista sen concesións, virá ser esta proxectada lei de Estatuto da Función Pública Docente. Valla como proba inicial o resultado da convocatoria do pasado día 26 de novembro na sé do ministerio máis para -ditar que para dialogar sobre este asunto cos sindicatos-, da que o máis suave que dixeron os representantes dos profesores que asistiron foi: “decepcionante” e “penoso”. Haberá que recordar enseguida que, dous días despois -cando a LOMCE foi aprobada no Congreso pola solitaria maioría do PP-, todos a un tempo, sindicatos e oposición parlamentaria, dixeron que nacía “morta”, comprometéndose por escrito estes últimos a que a derrogarían as primeiras de cambio. En fin, premonitorio é así mesmo que, no comunicado emitidos CCOO con motivo da comentada equivocación de Europa Press, insistiuse en que este proxecto de Estatuto, tal como está sendo xestionado, “é unha burla aos docentes, ao defender cambios” á marxe do estipulado ata agora legalmente, pois “están reservados á negociación cos seus representantes legais”. Todo colabora, pois, a concluír que este segundo grande obxectivo do plan ministerial de Wert -relativo á regulación de moitas das condicións laborais dos docentes, recortadas agora mesmo ata a extenuación-, tampouco pasaría de ser outro ordenancismo máis, condenado de partida á máis estrita provisionalidade: como a propia LOMCE que intenta fortalecer.

O gran problema do proxecto do ministerio Wert residiría, deste xeito, no seu máis que probable descontinuidade e conseguinte atraso para un sistema educativo urxido polas necesidades de profundar a democratización cualitativa do seu servizo aos cidadáns. De continuar coa ríxida estrutura de piloto automático a que se fiou actualmente o seu designio, nin sequera é seguro que alcance ata 2015. En nome dunha unidireccional “calidade educativa” -en cuxa propaganda non escatiman medios-, optou sen reparos por unha política de deseño elitista para uns poucos, sempre en litixio coa veracidade dos diagnósticos previos e aristocraticamente despreocupada da desesperanza que xera na maioría coa súa prezada retórica do ben. O dunha escola pública de calidade, de todos para todos -que reclaman tantas organizacións sociais e os expertos en educación máis concienzudos-, non conta entre as súas “melloras”. Tampouco toca que no novo ano, 2014, o ministro máis duramente valorado nas consultas demoscópicas vaia a cambiar a onda semántica das súas decisións. Pero por pedirllo aos Reis Magos -se lles prace- que non quede.

Madrid 28/12/2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario