A opinión dos docentes...non conta?

30 dic 2013

Con 2014 a "recuperación" e as "melloras" achéganse ás nosas vidas: E se non houbese "recuperación"?

Manuel Menor Currás

Termina 2013 e empeza a LOMCE con agoiros de “recuperación” e “mellora” para 2014 por parte de Rajoy e Wert. Será ese novo paradigma capaz de desmemorizarnos e armar o noso ánimo para o que ha vir?
 
O gran mantra que vén usando o PP nas súas calculadas comunicacións cos cidadáns e xornalistas, para contentar a descontentos e animar a desconfiados, é que xa estamos na senda da “recuperación”: un deses tópicos ideais para seguir nos biosbardos. Dicir as cousas a medias ou agarrándoas por onde menos doan é habilidade vella de malos tendeiros, sempre moi socorrida por políticos máis ocupados en manterse no “candelabro” que pola calidade do que fan. Atrincheirados en que os males viñeron doutra galaxia na que este Goberno non tiña arte nin parte, parece que sexa agora o artífice desta anhelada “recuperación”. Menciónana e invocan con tal unción, coma se fose froito dos seus desvelos, fuxindo de canta información poida expresar algo moi distinto. Sucede, con todo, que non hai ningún dato estable -nin sequera macroeconómico- digno de ser ter en conta para pregoar tan boa nova. Os indicios que puidesen alegarse non teñen, ademais, nada que ver coa xestión expresa do Goberno de Rajoy, senón cun panorama europeo levemente propicio. Nada da economía activa, as exportacións, o nivel do paro ou o número de afiliados á Seguridade Social indica, por desgraza, que se cambiou claramente a tendencia ao deterioro. Por iso é improbable que, agás algún amiguete banqueiro, directivo dalgunha corporación subvencionada ou neoprivatizada, se crea a brincadiera reiterada da recuperación, por máis que os medios adictos tendan a facerse eco animador da mesma. 
 
Os incrédulos son moitos máis, aínda que aparenten ser crentes. É demasiada xente a que inicia 2014 sen liberdade para crelo. Os persistentes seis millóns contabilizados de parados. Os menores de 35 anos que, aínda que cursaran estudos de excelencia non atopan traballo ou intentan telo fóra. Os desafiuzados de demasiadas fontes de calor e benestar, a vivenda, a educación, a sanidade, a pensión, a asistencia social, a alimentación ou o vestido. E moita outra xente, apenada e afeada pola lentitude en recuperar a preocupación porque todas esas vidas poidan ter sentido, mentres -en paralelo- observan con dor como rapidamente son recuperados para unha gratuíta codificación penal trasnoitada os prezados espazos da seguridade cidadá ou dos dereitos básicos das mulleres para dispoñer das súas vidas. E todo iso sen amentar aos desconcertados pola exemplaridade que nos están demostrando no fraudulento manexo de infinidade de gastos chapuceiros en aprendizaxes máxicas de finanzas a conta do orzamento público.
 
A cuestión principal que suscita, xa que logo, esta ideoloxía optimista da recuperación como lavado de cara -con que implicitamente nos están pedindo comprensión, perdón polas molestias, estafas ou o que sexa-, é saber que pasa se non hai recuperación neste 2014 que entra. Deberiamos saber xa algo do plan B de Rajoy para convencernos de que non só é un santo varón senón que é capaz de ser moi proactivo en sacar á cidadanía da lameira en que está atorada. Se non vén “a recuperación”, debemos saber que fará, máis aló de seguir calado e non responder ao que a gran maioría da xente lle importa. Habemos de seguir esperando a Godot, como Beckett presaxiaba nos anos 40? 
 
No plano correspondente de Educación, a onde se agarrará Wert se resulta que, en paralelo ao seu xefe de filas, a súa LOMCE, presuntamente recuperadora da “mellor” educación, non lle sae exactamente como soña? E se vén a esborrallar o conseguido ata agora e aumentan os males que aqueixan ao sistema educativo, como lle previñeron infinidade de expertos ben acreditados aos que non quixo oír? É posible que non lle importe moito. Pero, posto que estamos no centro da lexislatura e hoxe mesmo, día 30 de decembro, entra en vigor a LOMCE que el se empeñou en sacar adiante practicamente en solitario, pregoando, entre outras moitas cousas, que os alumnos e alumnas son “o centro e a razón de ser da educación” e que o seu paso pola escola debe ir dirixido a formar “persoas autónomas, críticas e con pensamento propio”, talvez poida aclararnos -pois non o fixo- en que medida a presenza da Relixión dentro dos horarios escolares -como “asignatura fundamental”- contribúe a iso. Talvez debese explicar, igualmente, como é posible que queira “recuperar” para a escola unha mellor calidade educativa se minusvalora á escola pública e aos seus profesores: É que para a súa particular “mellora” lle sobra cuns poucos alumnos selectos mentres os demais se adoutrinen na ignorancia? Como mellorará as prezadas estatísticas da OCDE ou da UE, sen un mínimo de dignidade para a enorme diversidade de alumnos existente en España? Como é posible que en Finlandia, moi amentada pola súa posición no famoso ranking de PISA, o consigan cun 96% de centros públicos? E, por outra banda, dentro de España, que capacidade de mellora lles pode ofrecer a LOMCE ás Comunidades en que -coa lexislación que denosta Wert- superaron moitísimo o promedio dos países avaliados por PISA? Pode dicir e reiterar sen rubor que a educación española empeorou nos últimos anos?

Non hai moitos anos -cando Pilar del Castillo rexentaba Educación na VIIª Legislatura e defendía a súa LOCE- alegaban que “o nivel” baixara: outro mantra para impulsar unha lei que acabou no inmenso museo arqueolóxico de leis para a historia. Por esta senda do descenso da calidade que sempre ten candidatos vocacionados para “recuperala” porque si, pronto nos atoparemos “recuperando” as esencias dos anos en que o analfabetismo era normativo para a inmensa maioría de españois. Cre o Sr. Wert e os seus asesores que vai camiño doutra cousa unha simple lei que non ten fondos suficientes -como é pauta nas leis educativas españolas mellor intencionadas- e que, sobre todo, tomou como modelo de posta en escena os modais da súa antecesora, a amentada Pilar del Castillo, sen consenso con ningún dos afectados? E se resultase que as apostas que Wert empeñou nesta lei que mañá entra en vigor -a contrafío de cantos non pertencen á súa solitaria maioría parlamentaria- van a empeorar a desigualdade educativa entre uns e outros españois, para que serviría unha fórmula de “mellora” do ensino, que só vaia a beneficiar aos que non o necesitan? Para que lles serviría aos demais esa escola “mellorada”?

As presuntas “recuperacións” dunha educación de calidade, para que non se nos quedasen en mera dialéctica de salón deberían empezar por diagnosticar con certa claridade e sen trampas, que debemos “recuperar” do que talvez non perderamos. A continuación, só “melloraremos” algo se temos a humildade de recoñecer que outros poden saber máis e mellor que nós que e como facer. Non todo o mundo sabe e non todo vale. Se esta aposta de Wert e os seus amigos sae mal -o que oxalá non suceda-, a quen llo reprocharemos? A que escusa se agarrará este recoñecible experto en demoscopia para xustificar o desatino e a perda de tempo? ¡Estean atentos a as melloras de 2014 e á recuperación! ¡A ver se só é o que anunciaba Godot: “Aparentemente, non virá hoxe, pero virá mañá pola tarde"!

Madrid 30/12/2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario