A opinión dos docentes...non conta?

2 jul 2015

Ourense en común presentará mañá unha moción sobre a supresión de estudos no CIFP Portovello

Ás nove da mañá do día 3 de xullo de 2015, comezará o primeiro pleno no que os grupos municipais poden presentar as súas mocións. Ourense en común, sensibilizado coa problemática que se está a dar no CIFP Portovello e en defensa do ensino público de calidade presentará unha moción contra esta supresión.

O exconselleiro, e, hoxe, alcalde de Ourense, que caracterizou a súa xestión precisamente por estes recortes e por un ataque ao proceso de normalización lingüística que nunca se dera na historia recente de Galicia, terá que pronunciarse sobre o asunto. Na reunión mantida cos representantes do alumnado, comprometeuse a trasladar a consellería as demandas dos afectados. É esta una estratexia que vén exercitando últimamente o partido popular. Cando hai unha protesta ou mobilización, parecen poñerse do lado dos reclamantes e, a modo de caciques, comprométense a facer xestións diante dos seus para resolver o problema. Se a cousa sae ben, póñense as medallas da súa xestión. Se sae mal, "non se puido facer máis -que lle imos facer- pero nós estamos sempre do voso lado". Un exercicio de hipocrisía que veñen practicando nos últimos anos e no que son auténticos mestres. Eles non son responsables de nada...non teñen nada que ver coas decisións que se toman en Santiago e moito menos en Madrid, a LOMCE non ten nada que ver con eles, e o exconselleiro non a defendeu nin aquí nin en Madrid...Manda truco, na Habana. En todo caso, se a cousa se puxese moi mal, sempre se pode culpar a oposición ou os sindicatos, que son uns radicais, e teñen a culpa de todo, e así estamos como estamos, que nos imos parecer a Grecia, e bla, bla, bla...E se aínda así, a xente non traga, pois poñémoslles unha mordaza para que non falen... isto é unha democracia...moi, moi orgánica.

Estaremos atentos ao desenvolvemento do pleno...será unha representación na que cada quen quedara ben retratado. O texto da moción de Ourense en común é o seguinte:

Moción do Grupo Municipal Ourense en Común a presentar no pleno ordinario do mes de xullo (03/07/2015)
 

bannermocion 01 Portovello
Moción presentada ao amparo do previsto no artigo 91.4 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais para instar a organismos supramunicipais para desbloquear a situación de supresión de módulos no CIFP Portovello. (descárgaa en PDF)
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Estase a dar unha situación de terrible desamparo para un grupo de alumnas e alumnos do CIFP Portovello, así como un ataque ao ensino público e de calidade no noso concello. Pretende suprimirse neste centro os estudos dos Ciclos Superior de Educación Infantil (CSEI) e Medio de Atención a persoas en situación de Dependencia (CAPSD) na oferta presencial de persoas adultas, quedando como única alternativa para o alumnado interesado nestes estudos a modalidade a distancia, debido á imposibilidade de matricularse na oferta ordinaria.
Temos, por unha banda, unha situación de discriminación en canto ao dereito á formación permanente. Especialmente protexido segundo a Lei Orgánica 5/2002 de 19 de xuño das cualificacións e da formación profesional (art 1.2), a oferta de formación sostida con fondos públicos promoverá a formación ao longo de toda a vida, acomodándose ás distintas expectativas e situacións persoais e profesionais. É unha realidade que, a oferta de persoas adultas é especialmente axeitada para dar resposta á situación de persoas que por motivos laborais ou de conciliación familiar non están en disposición de adaptarse aos
estudos da oferta ordinaria. A alternativa colectiva que se presentada son os estudos a distancia. Estes esixen competencias e recursos informáticos e realízanse con un limitado acompañamento directo do equipo docente. Esta situación é especialmente preocupante para o alumnado do CAPSD, procedente na súa maioría do mundo laboral, que non ten adquiridas competencias dixitais básicas para desenvolverse na plataforma de teleformación, que no momento de iniciar os seus estudos non lles eran necesarios. De consumarse esta situación, estaríase novamente atentando contra os principios da non discriminación.
Por outra banda, estase a dar, unha situación de desequilibro territorial xa que Ourense se converterá na única provincia que non contará cunha oferta completa nas tres modalidades. É especialmente rechamante esta realidade, cando ao longo dos últimos anos, esta formación viña tratando de dar reposta ás necesidades socioeconómica dunha provincia, con altos índices de dispersión, envellecemento e dependencia da súa poboación, na que moitas persoas están atopando unha oportunidade laboral.
Ademais disto, todos o movemento dos últimos tempos fan pensar nunha estratexia privatizadora desta formación, xa que logo, sI haberá prazas no ensino privado. Un centro ourensán ofertará estes estudos de xeito concertado no réxime ordinario e sen concerto, polo momento, no réxime presencial de persoas adultas. Cando menos chama a atención o desmantelamento duns estudos do público no momento en que comezan a ofertarse dende o sector privado na nosa cidade e provincia.
Sorprende a utilización do argumento de baixa matrícula nalgúns módulos dos ciclos afectados. Cos datos na man, unha análise da evolución da matrícula do ciclo de APSD ao longo dos tres últimos cursos, desde a implantación dos mesmos no réxime das persoas adultas, amosan un progresivo asentamento dos estudos, sen observarse unha perda de matrícula e conseguindo aumentar notabelmente o número de alumnado que accede á FCT e ao título. Ademais desde hai algún tempo, vense constatando no departamento do Ciclo, un maior índice de colocación por parte do alumnado deste réxime, con respecto ao do ordinario.
Este ataque ao ensino público no Centro Integrado de FP Portovello, non se limita só á oferta formativa da Familia Profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade. No que se refire á oferta de Administración, hai que manisfestar que o cambio da oferta modular do CS ADFI por ciclo completo á oferta parcial de dito ciclo supón a extinción a curto prazo do réxime modular (no curso 2016/2017).
Por iso, o grupo municipal de Ourense en Común solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS:
  1. Instar á Xunta de Galicia e a Consellería de Educación a reconsiderar a súa decisión de suprimir o réxime presencial para persoas adultas dos Ciclos Superior de Educación Infantil (CSEI) e Medio de Atención a persoas en situación de Dependencia (CAPSD)
  2. Instar á Xunta de Galicia e a Consellería de Educación á non extinción da modalidade parcial da oferta modular do CS ADFI.
  3. Demandar á Xunta de Galicia e a Consellería de Educación solucións colectivas para o alumnado cos estudos iniciados, protexendo o dereito a un ensino público e de calidade, así como os dereitos de non discriminación e de educación permanente

No hay comentarios:

Publicar un comentario