A opinión dos docentes...non conta?

7 sept 2015

Miradas sentimentais e oportunismo: contexto dos LIBROS DE TEXTO



As praias turcas, os refuxiados, o guiño social de Rajoy, os libros de texto? Bo comezo de curso para todas as dualizacións que aceptamos para vivir.



Tiña que morrer Aylan Kurdi, o pícaro sirio varado nas praias turcas, para que os cidadáns europeos nos conmovésemos. Durante un tempo fugaz, o lado sentimental da miseria faranos esquecer a chea de mortos diarios por fame, guerra e atropelo dos seus dereitos fundamentais para vivir. Só en Siria, morreron xa máis de 120.000 persoas e 14.000 nenos. E faranos sentir máis a gusto connosco mesmos, porque nos vemos mellor có noso desgraciado próximo. As nosas conciencias terán, ademais, un motivo extra para a compaixón solidaria e sentirse en paz consigo mesmas.


Contextos de comezo de curso

Aquí, tan roñicas como case sempre, apiadáronse un pouco e van buscar acomodo a algúns refuxiados máis. Non moitos, non sexa que se espante o patriotismo austero. Pero tiñan que estar próximas as eleccións xerais para que Rajoy saíse do seu plasma, afrouxase un pouco e se puxese caritativo: el e o seu Goberno dan ou retiran migallas do orzamento coma se fosen recursos seus, propios para a esmola. O labor de convencemento sentimental ao persoal empezou no medio deste transo sentimental e, desde  magreo no peto de funcionarios, pensionistas e demais dependentes dos gobernantes, irase creando unha plataforma de convencidos do bo corazón -e cabeza, claro-, dos xestores políticos actuais. A ver se, como é obrigación en toda relación asimétrica, somos agradecidos. Peto e corazón -a gran dualización das nosas vidas aburguesadas desta esquina do mundo- bailarán a miúdo ata decembro connosco.


A conmoción tamén prepara -e distrae- os inicios do curso académico dos nosos escolares. Os libros de texto foron noticia especial este ano desde antes do fin de curso pasado, por mor das consabidas razóns denunciadas por algunhas Asociacións de Pais e por algúns colectivos de profesores cando a implantación da LOMCE empezou a parecer máis provisional ca  nunca e xa Wert andaba por París. No verán, algunha que outra noticia houbo dos escarceos do lobby de editores de libros de texto fronte aos denostadores de prácticas que consideraban abusivas. A LOMCE segue aí, pero nestes días previos ao comezo de curso, algunhas comunidades autónomas, de perfil máis sensible neste momento, xa se adiantaron a dar unha solución ao outro, polo menos por este curso. Poñerán unha axuda básica para a compra, condicionada nalgúns casos a que os alumnos devolvan os libros en bo estado a fin de curso.


Ás voltas cos libros de texto


Dubidoso é, de todos os xeitos, que este asunto en que o peto e o sentimento se reparten a conversación dunhas clases sociais espremidas de continuo en tempo de crecemento crítico do emprego, non siga coleando máis tempo. Aínda que é razoable que os editores queiran facer negocio e que medre seguido, non o é tanto que non vexan que o están facendo a conta dunha concorrencia de empresas cada vez menor e contando cunha cadea de silentes contempladores dun público cativo desde fai moitos anos. Os arquivos do Instituto Nacional do Libro (INLE), creado por Orde do Ministerio de Gobernación o 23 de maio de 1939, saben moi ben como se ha ir cambiando este negocio e as condicións do mesmo. A censura e o control das “boas condutas” e información adecuada que chegaba á xente estiveron na súa orixe, e pouco cambiou a súa función orixinaria se se  estuda desde 1951, cando pasou a depender de Información e Turismo. A vixencia para vixiar e autorizar os que ían ser libros de texto principalmente en escolas e institutos, foi constante ata moi pasada a Transición: non fose que se contaminasen os seus lectores co estudo do que dicían.

Foi neste estreito espazo expresivo onde os privilexios aleatorios de xentes próximas a sectores eclesiásticos e ao poder político -non era pequeno o dos que deseñaron currículos ou programas cambiantes das asignaturas- orixinaron as principais editoriais actuais. Cóntao un pouco Antonio Viñao nun estudo colectivo, publicado fai seis meses por Marcial Pons, sobre a edición en España entre 1939 e 1975. A partir da LXE de 1970, varias delas, coa pluralidade de asignaturas, convertéronse en grandes empresas; algunhas, para abarcar moito máis que libros de texto. Todo sucedeu mentres nos faciamos moi devotos de reformas conducentes a seguir falando eternamente de “calidade”, sen a lealdade imprescindible para acordar que debemos facer para lograla.

Con este panorama, unha nova lei educativa como a que está dubidosamente en marcha é unha clarísima oportunidade de negocio a non descoidar. En términos de rendibilidade, é unha gran oportunidade para que a crise non afecte ao sector. Entre este ano e os inmediatos, de seguir adiante esta tan discutida lei renovarase boa parte da biblioteca das familias. Haberá novos clientes, obrigados polo colexio e os seus profesores correspondentes a comprar determinados libros e non outros, por máis que a regra fundamental, a da liberdade de mercado, quede tan mediatizada. E aínda que a outra liberdade de que tanto se fala cando de educación igualitaria vén ao caso -a liberdade de educación-, non só se someta ao que diga cada escola ou colexio -con ou sen “ideario” como quixo a LOECE desde 1980-, senón que faga ver unha vez máis que non é liberdade para todos. Os recortes destes anos pasados en bolsas para menesteres como os libros escolares deixaron a moitas familias cun bo buraco na liberdade que o art. 27 da Constitución di que teñen. Sen que conste que o Tribunal Constitucional -que agora terá crecidas competencias- se interesase polo desaguisado.

Desde o sentimento solidariamente comprensivo dos novos xestores das Comunidades con esta discriminación, poida que se fortaleza a simpatía dos seus votantes. Pero independentemente de que o seu xesto suxira algo máis de xustiza distributiva, non deixará de ser aleatoriamente caritativo, e máis ben cara ás empresas. Se os responsables de educación non entran no meollo do asunto, todos os anos volverá a mesma lea ao final do verán. Ben merece, pois, que sexa tratado desde as necesidades reais da escola e coa consistencia que deba ter a profesionalidade docente. Mírese como se mire, e coas posibilidades actuais de almacenamiento, xestión e transmisión de información, é unha gran anomalía que, prácticamente ata os 18 anos, todos os nosos rapaces teñan cada curso un determinado canon específico e sacral para marcar a verdade cognitiva por igual. Cando non estamos falando da Biblia nin do que se quería que fose a Enciclopedia de 2º grado..., o que se debera vigorizar é a dotación das bibliotecasescolares e o seu bo uso, con materiais diversos e non só soporte en papel, por suposto. Non implicaría tantas vendas nas estatísticas de ANELE, pero sería máis racional. Nese espazo -que debería ser o principal de todo centro educativo- é onde debe haber abundancia de libros e, claro que si, plurais libros de texto, incluídos cantos en cada centro sexan obrigatorios, desde 1970 cando menos. Canto máis antigos, mellor ilustran e documentan á perfección a pasiva bobería deste dogma da obrigatoriedade dun texto determinado.

E coa Escolástica?

O que estamos facendo en pleno século XXI é coma se quixésemos que os nosos escolares seguisen funcionando -pese aos moi ben editados libros de texto-, como na Idade Media. A Escolástica era rigorosamente fiel á reprodución anquilosada do que había que saber, ou polo menos recitar, que iso e non outra cousa era o que estaba ben saber facer: repetir, mentres o dómine seguía co dedo na liña que dicía o alumno. Unha metodoloxía utilitaria que, ademais, favorecía a disciplina, o silencio e a estabilidade: non cabían moitas discusións máis aló do nominalismo. O labor inquisitorial sobre a información e o coñecemento tiveron deste xeito moito camiño andado cos nihil obstat, prolongado con intermitentes regresos ao pasado. Non foi a isto ao que principalmente serviron as nosas escolas desde que en 1825 Calomarde impuxo un Plan y Reglamento de Primeiras Letras del Reino para toda España? Non é esta mesma a función que desempeñou o ensino primario de todos -non a outra, a dos que irían a colexios de pago- antes de 1970? En que consistiu aquela EXB maioritaria en que non chegaba a titular o 31,99% do alumnado? Non segue tendo moito do mesmo a ESO actual -polo menos para un de cada cinco adolescentes-, aínda que impoña obrigatoriedade ata os 16 anos?

E doutra banda, está o que debe saber e saber facer un profesor ou mestre hoxe na aula: en que consista a súa competencia, cal deba ser a súa capacidade de control epistemolóxico do coñecemento e as súas canles de acceso, que debe comunicar con autoridade e consistencia -auctoritas e non imperium- aos seus alumnos para que poidan seguir aprendendo. Esa é a gran cuestión da educación española neste momento: como o foi sempre. Non é serio nin razoable que un profesor ou mestre de agora mesmo deba depender dun determinado texto para o seu traballo cotián de mediación na transmisión do saber. Nin a súa autonomía como profesor, nin a súa competencia como educador, poden ter como misión imprescindible que os seus alumnos sexan especialistas en reproducir as boas contestaciones que prescribe unha partitura previa e regulada nun libro, acompañado separadamente -aínda por riba- dun solucionario de cuestións “para o profesor” polo si ou polo non. Cúmprese algunha utopía educativa con iso?


Que textos?


Cabe aventurar, por demais, que, con esta formulación pautada desde fóra da aula e as súas necesidades, pronto nin o profesor nin o libro farán falta. É máis, non tardarán en desaparecer uns e outros se se  impón definitivamente o tipo de avaliacións estandarizadas que a LOMCE puxo en marcha, especialmente para o logro dos títulos académicos básicos que faculten para continuar estudando. Os que elaboran o Informe PISA e similares non tardarán en vender as contestacións aos seus cuestionarios de bolígrafo e papel, para que cantas persoas queiran titular en algo aprendan a enchelos adecuadamente. Vai por aquí a mellora de calidade? da “nova” educación? Quen logre o monopolio dentro da libre concorrencia neste campo de batalla, deixará que mande a racionalidade próxima ao sentimento do xusto ou, máis ben, a máis favorable ao seu peto?

TEMAS: Xustiza distributiva, Solidariedade, Beneficencia, Dereitos humanos, Refuxiados, Aylan Kurdi, Eleccións xerais, Libros de texto, Negocios editoriais, Profesión docente, LOMCE, ANELE, Calomarde, Julia Varela,


Manuel Menor Currás

Madrid, 06/09/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario