A opinión dos docentes...non conta?

12 oct 2015

O CIS non preguntou pola xestión educativa de Méndez de Vigo, O Breve



A dous meses das eleccións, podería ter tempo para mellorar a nota con que o seu antecesor abandonou o posto. E aparentar, ata, un electoralista lavado de cara.

Fai algún tempo, era especie habitual entre os afeccionados a adscrición de tópicos comodones, dicir dos galegos que se lles coñecía porque, no medio dunha escaleira nunca se sabía se subían ou baixaban. Os afectados polo que adoitaban entender como moi taimada acusación de falta de compromiso -ou do que for-, adoitaban responder indefectiblemente que os galegos si sabían se subían ou baixaban.


Xuízos de valor ou prexuízos


Non caeu en desprestixio o consello e, ante calquera suposto en que haxa que pronunciarse con xuízo valorativo, sempre hai develadores celosos das posicións dos demais cando queren quedar ben sen gastar nada. Sen aventurar xuízo ningún, adoitan acudir ao criterio mostrenco da botella medio chea ou medio baleira como fórmula equidistante para non poñerse a mal con ninguén e, ao mesmo tempo, demostrar o equilibrio e sindéresis do xuizoso á moda. Se ao caso vén, porque o replicante insiste en que a botella está medio baleira, con replicarlle que esa é unha perspectiva radical ou, ata, pesimista, ligada a calquera outro sinónimo de cariz despreciativo cara ao que as comenenzudas lentes de ver aconsellen dicir, élle suficiente. Sen querer, ou querendo, os partidarios desta sinrazón criterial da botella móstranse mestres na “dialéctica erística” ou arte de ter sempre razón, de que Schopenhauer escribiu un saboroso e breve tratado en 1864. Este filósofo constatara que a maioría dos homes -e mulleres-, do que tratamos nas nosas controversias e discusións non é precisamente de chegar a descubrir atisbo ningún de verdade, senón que o que intentamos é impoñer o noso punto de vista e derrotar ao contrario.


Hai entre os poemas de Bertolt Brecht, doutra banda, un en que, en boca dunha persoa pouco lida pero moi pegada á dura experiencia do traballo pesado, faise preguntas ante a lectura dun libro de Historia dos que manexan os nenos na escola, onde o mediatizado criterio da botella para contar o pasado é frecuente:

-Roma, a grande, está chea de arcos de triunfo:
Quen os ergueu?

-Sobre quen triunfaron os Césares?
[?]

O mozo Alejandro conquistou a India:
El só?

César venceu aos Galos:
Non levaba con el nin sequera un cociñeiro?

Felipe II chorou ao afundirse a súa flota:

Non chorou ninguén máis?...?


Brecht entendía que, se de algo vale o coñecemento que poida proporcionar a Historia -esa asignatura que como as humanísticas vai en declive no transo actual da educación- é que axude a fundamentar ben se, respecto do que pasa, a botella está medio chea; non sexa que o estea ou non a comenencia dos que teñen o poder de impoñer a súa perspectiva. A través do BOE ou doutras formas mediatizadoras, non lles é difícil impoñer como “razoable”, “natural” ou de “sentido común”, a inoperancia que facilita a legalidade para mandar ou un sistema só favorable aos seus intereses particulares, sen que importe moito ou nada o que estea pasándolle ao común da sociedade. Josep Fontana dicíao moi claro hai uns días: “Se a Historia non serve para entender o mundo en que se vive, non serve para nada”. “Ao pasado non imos buscar anécdotas para instruírnos, senón claves para entender que está pasando”.


Existe Méndez de Vigo?


Que está pasando co novo ministro de Educación? É mellor que Wert? Que está facendo para mellorar aquela xestión? Mellorará con el o sistema educativo? Estas son cuestións que Bertolt Brecht podería preguntarse hoxe e, con el, todo cidadán español , polo menos a franxa dos que o CIS mostrou como moi preocupados pola educación dos seus fillos. Por certo, tamén merece a pena preguntarse por que algunhas televisións ocultan ou mediatizan ata o ridículo as informacións do último barómetro de opinión sobre dos dirixentes políticos. Porque, claro, todo está implicado: o que sabemos, o que nos contan e o que nos birlan sistemáticamente.


A estas cuestións concretas non responde o barómetro oficial, dado a coñecer este pasado día 10. En bastantes dos anteriores, si que nos dicía como Wert estaba á cola de estima dos enquisados, ou que se foi a París con ese pechacancelas que será unha mancha no seu currículum de primeiro da clase. Se se preguntase agora mesmo á xente sobre o novo ministro, probablemente moitos non soubesen nin se existe Méndez de Vigo. E entre os que lean o seu nome na prensa, é posible que o asociaran a que é condescendiente e, polo menos, algo mellor que Wert porque dixo que defende “unha política de consenso con todos os axentes educativos e culturais”. Esquezamos outras manifestacións que fixo, en que puidese verse moi comprometida esta ansiada procura de racionalidade democrática e que nos inducise ao impreciso sabor da botella medio baleira ou medio chea para opinar convenientemente. Acordémonos, iso si, de que foi diplomático, e tamén de que, desde o 26 de xuño, ha ter tempo para exercer fehacientemente en torno a cuestións moi concretas. Imprescindibles para o consenso que dixo propugnar, salvo que queira que o seu uso do bonito término “consenso” non pasará de muletiña transicional ata decembro. Xa temos experiencia do que outra gran palabra como “diálogo” significou para Wert: o simple momento previo a calquera dos decretos e leis con que tratou ao sistema educativo. Ata a situación desesperada da súa versión pública; non da privada, que deixou mellor situada co pretexto da “crise”.

A saber


Cabería suxerir aos responsables do CIS algunhas cuestións concretas para a seguinte enquisa respecto de este novo ministro aristórata, que inducisen aos enquisados a reflexionar se con el se notase que remiten os recortes á educación pública, se os profesores expulsados do sistema volveron aos seus postos docentes, se as proporcións de alumnos que ten cada profesor en clase baixaron, se se coidou de que se formen mellor, se as variadas formas de becas aumentaron en contía e número de beneficiarios, se ese terzo de rapaces con problemas de exclusión e pobreza ten garantida boa acollida nun digno centro escolar con bo comedor, se puxo os medios para que o fracaso escolar decaiga seriamente e non caia sempre do mesmo lado de perdedores... Se non o CIS, os sindicatos comprometidos cun ensino público digno non tardarán en preguntarlle: Que podemos ir facendo xa para crernos o do consenso que di desexar?


Non é imprescindible ir a preguntas maiores: só distraería. Para dous meses, non fai falta decatarse de que faga ou vaia facer para que a desigualdade de trato entre privada e pública cambie de sentido e que a subsidiariedade estea onde ten que estar, e non meramente en que o Estado intente chegar a donde non chega nin chegará nunca a iniciativa privada. Tampouco se lle ha de incordiar para saber que pon da súa parte -como servidor público que é- respecto dos privilexios que teñen institucións de carácter privado, por moitos ou poucos que sexan os seus adeptos, nin por ambigua que quede esta cuestión no art. 27 da Constitución. Só leva desde finais de xuño pola rúa de Alcalá e estes son asuntos moi “complexos” para políticas de aliño simplista e curto prazo. Non, que non lle pregunten os enquisadores do CIS -ou os sindicalistas- sobre tan embarazosas cuestións de pasado tan tráxico. Non é fácil desembarazarse, e máis nun home do seu xenealogía- do sucedido desde a etapa doutro encargado de política educativa no XIX como o tamén aristócrata e ministro Manuel Orovio -aínda que daquela non houbese Ministerio de Educación-, ou, xa a comezos do XX -que si o había-, cando na etapa de García Álix ou Romanones intentouse poñer algo de remedio a tanto misterio. De entón vén a interpretación sacrosanta do “dereito de ensinar” ou “liberdade de ensino” que tan incólume chegou á LOMCE. É só probable que o mellor coñecemento de tan dura historia -e das ganas que este ministro tivese ou non de arranxala-, axudaríanos a entender mellor se a botella da educación está medio chea ou medio baleira. Pero mellor será que non lle pregunten por tan arduas cuestións. O exixible é que, aínda que lle dixeron que en tan curto tempo pareza que fai algo, que informe claramente s e o está facendo xa respecto das cuestións primeiras. É imprescindible para que saibamos a que aternos respecto desta botella: se está medio enchéndose ou segue baleirándose.

Ao poder bástalle coa aparencia e o regateo indefinido, e máis nun momento preelectoral como este de rifas polo centro da tarta de votantes. Pero aos cidadáns -que non son o poder nin teñen por que compartir os seus intereses- non se lles satisfai con amagar que fai o que non se está facendo ou con simularvos de que estamos no mellor do que se debe e pode facer. Sabemos ben que arranxa ou non arranxa os problemas e temos dereito a fortalecer a calidade do noso propio criterio. Se todos -igual que o cauto galego- controlamos ben se estamos subindo ou baixando a escaleira, queremos decatarnos sen engano -como reclama Fontana, respecto ao pasado- se no curto tempo da xestión de Méndez Vigo entre xuño e decembro existe algún razoable coñecemento de que estea facendo ou vaia facer algo que poida iluminar o presente educativo, non só encalalo.

TEMAS: Wert, Méndez de Vigo, LOMCE, Recortes, Orzamentos, Desigualdade, Privilexios educativos, Malestar do profesorado, Fracaso escolar, Romanones, Manuel Orovio, García Álix, Bertolt Brecht, CIS, Campaña electoral, Sindicalismo educativo.


Manuel Menor Currás
Madrid, 11/10/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario