A opinión dos docentes...non conta?

19 oct 2015

Os cambalaches verbais aumentan a indiferenza ante os problemas crecentes



Mentres moitos líderes de opinión atoldan o bo entendemento das palabras, é importante non perder o sentido do que vale a pena. Especialmente, en cuestións educativas.

Dicía o Roto o pasado 17 de outubro que “a tempos revoltos, ganancia de historiadores”. Con tanto revisionismo e deletéreo equilibrismo escrito como existe nas librerías e quioscos, difícilmente superable pola honestidade, a sentenza é innegable. Pero, en momentos como este de especial incerteza, non se debería obviar que os pescadores de inxenuos continúan aí, co anzol disposto para facer o seu agosto a base de simplismo expresivo, insignificante pero mortal.

O ditos e os feitos

Os exemplos abundan e imos camiño de non sorprendernos, un xeito máis de levarnos á indiferenza mentres se aguzan as tácticas para que todo cambie o menos posible ou, se puidese ser, que nada se alterase no poder, claro, porque as cousas van como van, mostrando signos cada vez máis preocupantes de deterioro atafegante para máis persoas. Entre as perlas de desencontro verbal desta semana, non se sabe que será máis brillantemente desesperanzador, se as declaracións da Lozano ex de UPyD, encantada de verse imprescindible; as de Monseñor Cañizares, exemplar resistente de cando catolicismo, Estado, país, nación e verdade eran todo un e sen posibilidade de dúbida; ou as do outro monsieur, de Pontevedra este, propoñéndolle á cidadanía a seguridade de que “cando se vota ao PP sábese o que se vota”. Os que lle votaron nas últimas eleccións, non se sabe se dirían o mesmo. Antes do 20 de decembro e sen ningunha Comisión preelectoral da ortodoxia verbal por medio, se prosegue esta secuencia, será mellor taponar os oídos para que non lles afecte.

Ante o risco, máis vale prever. Segundo vaian explicando os proxectos concretos de Goberno, os números un de cada lista non só contarán a que queren que atendamos, senón que o revestirán das cores apropiadas para inclinar o noso sentimento cara ás papeletas nas que estea o seu nome. Tal paixón mostrarán por defender a súa perspectiva que non dubidarán en xestualizar canto faga falta -o baile e a pachanga está de moda- e prestar pouca atención ao que din, malia a vixilancia a que lles someterán os seus xefes de campaña. Respecto dos asuntos educativos saben que teñen que dicir algo porque están na onda de preocupacións da xente. Non é o mesmo que o paro ou a corrupción, pero é un mundo de expectativas para o futuro dos seus fillos que está en risco.

Semántica

O problema que teñen para falar de educación -como de tantos outros asuntos- é que saben pouco ou nada respecto diso. En consecuencia, teñen moitas probabilidades de largar inconvenientemente ou facendo rinchar o Dicionario da RAE, pero nesas impertinencias dinnos o que de verdade lles importa. Estean atentos e poderán velo. Sexan cales sexan os programas concretos que xa empezaron a degranar en público, enseguida haberá tres ou catro campos semánticos con que tratarán de atraer a nosa atención, porque o panorama é moito máis complexo sempre e o seu mero reconto podería aburrir aos cordeiros: non cabe nun tuit.

Non esquezan, en todo caso, que digan o que digan, de xeito máis ou menos provocador ou máis ou menos tranquilizante, os catro grupos políticos que teñen máis probabilidade de repartirse a parte sustanciosa da tarta electoral saben que nada é gratis e que, en definitiva, do que cada un está falando é de como repartir o orzamento económico de todos entre as súas preferencias de partido. Cada un, ademais, expoñerao do modo que estime máis apropiado para convencer aos seus posibles votantes. Verán, ademais, que todos poden estar empregando as mesmas ou moi parecidas palabras para referirse a eses centros de atención. É normal porque nos somos marcianos, pero non dubiden de que non queren dicir o mesmo. Tampouco é igual que calen ou non sobre algún asunto concreto que poida ser de gran interese: o silencio sempre é en grao sumo o máis sonoro que existe.

Hai dúas posibles regras que poden axudar a entender que o que queiran contar aproxímase ao que puidese ser o modo máis idóneo de afrontar o problema. A primeira refírese á xerarquía en que sitúan as cuestións: todas son importantes, pero nin son iguais nin se poden solucionar simultaneamente. A orde de preferencia marca xa unha inclinación e sesgo político concreto. Convén recordar que todos fan política ao falarnos dos seus proxectos, non exercicios de pura retórica, aínda que moitas veces se confirme logo que isto era o que facían... e non moi boa. A segunda regra refírese aos máis directos beneficiarios desa formulación que nos venden. É dicir, cara a quen mostran interese en querer atender preferentemente, porque non é verdade que todos os partidos políticos representan os mesmos intereses sociais. Non é moi difícil de entender. Un pode preguntarse a si mesmo, por exemplo, en caso de dúbida ou de falta de recursos -a educación sempre custa diñeiro-, onde investiría máis, se nunha etapa infantil ben organizada -non unha chapuza- e accesible a cantos a requiran, ou nun ensino universitario ao que só pode acceder un reducido grupo de mozos xa moi seleccionado. Ambas cousas están moi ben, pero se non se poden atender simultáneamente as dúas frontes, a cal atendería vostede primeiro? A súa decisión é tan política como a que lle estará propoñendo calquera candidato que lle fale de educación ou de calquera dos aspectos internos que constitúen o sistema educativo.


Non é igual nin é o mesmo


Imaxínese calquera dos asuntos que están en litixio neste momento da historia educativa española. En cada un, sempre haberá que atender, polo menos, a un dilema: pública ou privada, igualdade ou selectividade, comprensividade ou calidade, diversidade ou homoxeneidade, coeducación ou separación de mozos e mozas, relixión ou laicidade, libros de texto si ou non, uniformes si ou si, móbiles en clase como, autoridade e autoritarismo, bilingüismo e trilingüismo pero... de que xeito? E sempre quedarán pendentes moitos matices logo da primeira criba electiva. Pero nesa primeira decisión está xa implícita unha boa parte da carga ideolóxica das propostas que tratarán de seducir o seu voto e porque dese modo se solucionarán os problemas que ten o sistema. Tamén está aí implícito o grado de atención ou desatención aos problemas que de verdade coartan e limitan as posibilidades democráticas do sistema educativo español actualmente: que pasa coas escolas técnicas e a formación profesional; que pasa coas Ciencias Sociais e Humanidades; que papel han de xogar as nosas relacións internacionais nesta película da educación. O deseño do conxunto do sistema con que vai ter que ver: que lle sobra e que lle falta, que sustancia debe ter dentro cada nivel, como debería ser a formación do profesorado responsable, que falta ou que sobra nas nosas aulas, que aulas son deficitarias e de que?, que proporción de alumnos ha de ter cada profesor segundo o nivel, as tarefas e as dificultade de aprendizaxe. Por aí é por onde se ha de ir o diñeiro que a educación española sempre ha ter escaso porque sempre tivemos outras urxencias, e que nos orzamentos do ano entrante seguirán indo a menos. Iso é o que votamos en definitiva.


Moita atención, xa que logo, ao palabrerío que nos inundará estes días: non todo é igual aínda que pareza o mesmo, cando do que estamos tratando é do ben común -non do de ninguén en particular- e da xustiza distributiva dos recursos, que é do que debe responder calquera demócrata. Non se nos pase que haberá tamén demasiadas palabras que se dirán para despistar ou levar a atención a outra parte e que coe. Pasou co “artigo 27”, “liberdade de educación”, “calidade”, “Humanidades”, “mellora da calidade”, “educación cívica”, que se retomarán de novo ou se cambiarán por outros construtos significativos para que se altere todo o marco referencial. Sucederá nisto como nas feiras de antes cos charlatanes. Largaban e largaban, entretiñan ao persoal alegremente e, cando máis despistado estaba todo o mundo, coábanlle calquera crecepelo. E a xente deixábase engaiolar gustosamente. Non se entristeza logo se se deixou.


TEMAS: Eleccións 20-D, Programas electorais, Claves do sistema educativo, Educación española hoxe, Problemas principais da educación española.

No hay comentarios:

Publicar un comentario