A opinión dos docentes...non conta?

23 nov 2015

Con Méndez de Vigo, a vida educativa segue igual



O diagnóstico, de Julio Iglesias, é de 1969. O “Libro branco” dese ano era máis avanzado que o que agora di e fai o sucesor de Wert 


A variación de temperatura deste fin de semana disparou as conversacións rutineiras cara ao  “cambio” do tempo e, tamén, do clima. A miúdo, unha cousa leva á outra e, con frecuencia, á confusión de escala. Igual que confundimos o vivido co que realmente sucede. Non sabemos valorar como as guerras que vemos na tele son similares ou peores que as dos nosos pais ou avós, a ocultación que os medios nos fan do que está sucedendo para que sigamos sendo consumidores compulsivos, que cambia e que non cambia. Como cambiamos sen decatarnos e como nos cambian ou deixan como estabamos é algo que, ademais, en vésperas electorais pasa sempre a primeiro plano. “Cambiar”, para moitos, é que imos ou iremos a mellor. Para outros, en cambio, será perder o compás e perdernos. Non é o mesmo ser vello que mozo -con todas as mesturas perceptivas de tan inevitable condición- e ata non é o mesmo unha época que outra para falar destas cousas. Cando, en 1984, Mercedes Sosa cantaba a súa Cambia, todo cambia, aínda nos faltaban unhas cantas experiencias para poder dicir que cambiou e que segue igual no noso mundo. Aínda que nos siga conmovendo a voz da cantora de Tucumán, hoxe discutiriámoslle moito que dixese que cambia o superficial/ cambia tamén o profundo/ cambia o modo de pensar/ cambia todo neste mundo.


Tempos non tan cambiantes

É difícil coincidir. Sempre haberá, ata, quen se empeñe en que non pode ser como estudemos a fondo. Por iso, a Historia -non as historietas- axuda a aclararse con isto dos cambios e inmobilismos. Pronto advirte que non todo cambia co avance cronolóxico, que hai cousas que parecen non cambiar nunca mentres outras cambian de contino. Para moitas fan falta anos e ata séculos, polos seus cambios lentísimos non veremos en que paran por moito que vivamos. Vivir en 2015 non quere dicir, xa que logo, que todo sexa tan distinto de 1975, 1968 ou 1953. Estes últimos días, non faltaron os que se empeñaron en mostrar o moito que cambiaramos nos últimos 40 anos. E perfectamente podían recontar gran cantidade de condutas, pautas e cultemas reincidentes no que fomos. Hai días en que a prensa transmite voces e imaxes das que Carandell foi espléndido coleccionista en Celtiberia show, ben indicativas de continuidades sen fin.


Vese mellor nas vésperas electorais. Moitos votantes -os máis difíciles de convencer nas campañas- votan sen entusiasmo. Dabondo saben que, logo de telo feito varias veces, case nada cambia porque os candidatos digan que vai cambiar. Os que mellor coñecen a xestión dos asuntos públicos saben mellor que ninguén canto segue como sempre, con similares reticencias, ata, ás que contaba Larra e coma se todo estivese deseñado para unha inamobilidade eterna. E é que, á marxe dos tempos longos ou curtos dos historiadores -distinción principal para non learse con isto do cambio-, é máis fácil cambiar as palabras, facer fluctuar as denotacións e connotacións do seu campo semántico. Pódellas diminuír, aumentar, anular, diluír, e que pareza que a realidade se prega á nosa verbalidade, ou que a realidade única é a que abarcamos con esas palabras. A aparencia e o afago é o que importa en campaña, non a realidade.




Os cambios de Méndez de Vigo
 
No ámbito educativo, temos moita tradición nestas lides. Desde xuño, pasou a primeiro plano da política do Ministerio o término “dialogar”. Sen dicilo, Méndez de Vigo deixou implícito o pouco dialogante que fora o seu antecesor. E como signo de “cambio” ha ir facendo leves anuncios dulcificadores, sempre ben arroupados pola prensa condescendiente. No canto de números que deberían dicirse para concretar significados, botou seleccionadas palabras ao aire sobre as reversións de recortes, reducións da ratio alumnos/profesor, reposición de efectivos docentes. Habería así -con palabras adecuadas sen cuantificar-, un cambio significativo na traxectoria dun Ministerio tan desacreditado pola cerrazón verbal de Wert/Gomendio. Que non era propiamente”cambio”, senón fantasía publicitaria, era fácil de ver. Non escolleu, palabras como “LOMCE” -cuxa implantación proseguirá coma se nada houbese que dialogar e cambiar. Tampouco “Orzamento educativo”, cuxa redución, recorte, limitación -ou como queira chamalo- proseguirá en educación ata o 3,7% do PIB en 2016. Salvo que consiga que Bruxelas lle permita outras cuantificación, a iso comprometéronse. É dicir, que sen milagrería algunha, teremos mellor educación a conta de seguir rebaixando recursos: o cálculo rolda os 4.000 millóns. E menos mentou “Fracaso”. Por exemplo, o xa cantado coa posta en marcha da FP-Básica, tanto porque os matriculados case non chegaran á metade do que fose preciso -apenas chegaron a 50.000-, canto porque os que promocionarán, apenas rozarán o 50%. Coma se volvésemos á FP-1 de 1970, un ghetto sen saída nin “mellora”.

Este novo “diálogo” ministerial completouse coa decisión que comentabamos fai uns días. Un presunto experto que medie entre o Ministerio e a cidadanía, pero elixido polo Ministerio, vai sinalando cambios que hai que facer. Non o que fixeron mal ou moi mal-e corrixilo-, senón sempre algo que teña que ver coa profesión docente e como hai que tratar aos profesores, pois á fin e ao cabo eles son os responsables de executar as leis educativas. E aí está, cal pitonisa de Delfos, largando moita poética, con moi pouca lírica e nula épica. De momento, mentres non solte a súa revelación completa noutro “libro branco”, finxindo ser o único en descubrir o importantes que son os profesores en educación e, a continuación, abigarradas sentenzas cuxa inspiración xa intuír. As da LOMCE e os seus instigadores, a quen debe obediencia Méndez de Vigo. Probablemente Marina nolas venda adornadas dalgunha bibliografía adicional, en inglés por suposto, para que aparente máis autoridade. Para que logo digan que non quere dialogar e cambiar Méndez de Vigo. Con ese prezado Estatuto da profesión docente, ao goberno de Rajoy non lle faltaría nada para deixar o sistema escolar, en bastantes aspectos, á altura de 1969 e, nalgúns, máis ou menos á altura de 1914: como hai 100 anos. 

Marcha atrás

Se en orzamentos retrocedemos máis ou menos ata 2007, para outros asuntos esas datas só son unha referencia aproximada. No “Libro branco” que precedeu á LXE, a lei da EGB en 1970, aparecen críticas, por exemplo, á selección de alumnado que a esta LOMCE non lle importan: avance ou retroceso? En Internet son moi accesibles, igualmente, La Gaceta de Madrid e o BOE. Aí están as secuencias de resolucións e decretos que, en nome da sacrosanta “liberdade de ensino”, percorreron toda a etapa da Restauración canovista e a súa crise (1875-1931), deron pábulo á depuración de mestres (1936-1943 especialmente), e alargaron a coherción da liberdade de ensino, a de coñecemento e conciencia de moitos profesores e alumnos ata non se sabe cando. No seu nome, con todo, explícanse moitas “melloras” da LOMCE. Por exemplo, as que limitan a autonomía do profesorado ou favorecen -subvencionadas con diñeiro público- a discrimnación por razón de sexo, a máis diso outras en que os máis desfavorecidos quedan en situación claramente desigual. Aí está tamén, por exemplo, a inexistencia de políticas consistentes de infancia -case exclusivamente grandes proclamas-, mentres Save the Children insiste en que un de cada tres pícaros españois está en risco de pobreza. A pouco que se lles pregunte, enseguida establecen unha estreita relación dos que  a sofren co “fracaso escola”?. Non era iso o que se ía a corrixir coa LOMCE? Disto nada sabe o Sr. Méndez de Vigo e non se sabe se sabe algo o Sr. Marina, o seu delegado para poñer en orde outros asuntos con que expiar os males educativos. 



É dicir, que nin sequera invocando este instrumento fundamental da democracia, o “diálogo”, hai garantía de poder certificar fehacientemente que cambien algúns dos destinos patrios que todos os próceres do lugar non escatiman en proclamar vitais. Máis ben parece que haxa continuidade en canto, de tempo antigo, foi e segue sendo motivo de desencontro cidadán. Falamos de cuestións de fondo moi anteriores ao 20-N de 1975; dunha cultura social que se cultivou a fondo nos corenta anos que precederon a esa data e moito antes, e que -como o machismo- segue aí coma se tal cousa. Aristóteles xa falaba no 360 a.C. do primordial que era “a palabra”, algo moi distinto de “a voz”, que tamén teñen os animais. Logo de 24 séculos, haberá que seguir reclamando con el o prestixio e a importancia do diálogo e a palabra e que non a ensucien con sucedáneos cambiantes a conveniencia de parte. Porque “é o propio dos humanos: posuír, de modo exclusivo, o sentido do bo e o malo, o xusto e o inxusto, o conveniente e o daniño”. E porque o home -como o ateniense proclamaba- é “un animal político”, que se fai completo en comunidade e non na trampa torticera da linguaxe. Se nos asuntos de educación de nenos e adolescentes -tan fundamental para que a palabra poida cumprir o seu sentido comunitario adecuadamente cando adultos- se modulan así os “cambios”, ninguén confíe en exceso tampouco en que “cambiar”, noutros moitos ámbitos, só aluda a mero recambio, de personaxes e personaxiños e pouco máis. É propio da Historia estudar sobre todo “o cambio”, pero en 1969, Julio Iglesias xa cantaba escéptico e fondón que La vida sigue igual.





TEMAS: Cambio histórico, Inmobilidade política, Palabra, Consenso, Política, Aristóteles, Méndez de Vigo, Save the Children, LOMCE, Orzamentos educativos, Recortes, Profesorado



Manuel Menor Currás
Madrid, 23/11/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario