A opinión dos docentes...non conta?

6 dic 2015

As novidades preelectorais en educación non son o que parecen


Nin os presentes no debate de Internet nin o ausente pasan de rozar algúns asuntos. O medio segue sendo mensaxe, tamén nestes asuntos.


Para os que só lean El País, o luns 30-N foi un día crucial na historia, polo menos a do xornal. A tipografía de primeira páxina e presentación correspondente da case única noticia, máis o espazo dedicado no interior ao gran acontecemento do primeiro debate dixital preelectoral que o propio periódico promovera, falaban de algo trascendente, incomparable a todo o demais que sucedera no mundo. Os tres candidatos do centro político -tres, eran tres- con máis posibilidades de referendar nas eleccións do 20-D a súa condición de tales saudándose, contentos de coñecerse, era a gran noticia. Isto é o que comunicaba o periódico presuntamente independente, outrora presunto intelectual colectivo que diría Gregorio Morán. Parece que quixese contarnos que deberiamos estar contentos porque era un centro guapo e con posibilidades de que todo seguise máis ou menos como sempre, pola boa senda posible por onde debe ir quen segue sendo un advenedizo á periferia económica.

O fondo da mediocre tranquilidade viña de que a dereita gobernante -que máis arriba dos Pirineos non tería tal ubicación parlamentaria-, coa súa 25% de fieis avezados nin apareceu polo plató. Con ese caudal de votos seguros, algo seguirá pintando. Ata, poida que controle o posible goberno que saia das urnas. Os que parecen resignados á súa sorte marginal son os que din ser a esquerda de verdade e outras formacións en que baixo pretexto de nacionalismo admiten coloracións de todos os gustos. De resultas do cal, o próximo Parlamento, basicamente centrista, habería de centrarse no que adoita facer o centro, políticas xa coñecidas que non causarán grande inquietude ao IBEX-35 e arredores. A gran novidade do “debate” foi que onte se puido ver e oír máis normalidade no que se di e en como se di, e menos acritude que varios miles de veces na última lexislatura, o que presaxia máis sensatez para chegar a algúns acordos de futuro que están por ver. Dada a superficialidade do oído e visto nesta sesión, non cabe precisar aínda cales poidan ser.


Se o que de educación falaron puidese servir de paradigma, non parece que se vaia ir moi lonxe. Tres escenarios, máis diverxentes que coincidentes, saíron a relucir no pouco que as políticas educativas roubaron tempo á representación. E son intercambiables os acentos de quen os dispuxo. Ampliar a obrigatoriedade escolar ata os 18 anos en que insistiu un dos tres, na súa aparencia de novidade nada di sobre como resolver o problema que manifesta o sistema educativo en 4º da ESO ao dicir que “fracasaron” aos 16 anos sempre máis do 20% de estudantes sen que ninguén se inquiete. E máis problemático é se, mirando cara atrás, advírtese que o “Libro branco” de 1989 dicía algo similar -aínda que con cifras máis avultadas- dos adolescentes que entón tiñan 14 anos e facían EXB e non titulaban. Claro que peor a tiña a xeración que en 1953 tiña que ir á escola e non había ou non podía. Aquel ano Ruiz Jiménez advertiu a aquelas Cortes de entón o mal que estaba o patio escolar cando fixo a súa reforma dos Ensinos Medios. Aínda había moitos miles de escolas unitarias, con máis de 50 rapaces dentro ou polas proximidades, como as que 27 anos antes describira Luís Belo na súa Viaxe polas escolas de España. De seguro era así. Julia Varela, gran investigadora do noso sistema educativo, fixo falar aos que o viviron nun área tan bela como a Ribeira Sacra. Os que falan son os paisanos que agora peitean canas e din como era a escola que algúns deles coñeceron. Moitos outros, nin iso. A cuestión é por que segue sucedendo gran parte do mesmo aínda que disfrazado doutras palabras de despiste como “fracaso”, como pensan cambiar ese deterioro acumulado e se, malia ese gran problema histórico, seguen pensando en difuminarlo aos 18 anos como unha gran achega a unha mellora do ensino de todos.


A outra novidade que alí pasou nun momento ao primeiro plano, pero que tampouco é tal, é a dos posibles formatos MIR da formación inicial exixible a futuros profesores. O primeiro conflito que suscita é a difícil atribución de quen foi o adiantado en propoñelo. Coñezo a quen o propuxo xa en 1983, cando os ICES estaban en pleno desenvolvemento a cargo das universidades despois da LXE de 1970. Nin a universidade tivo demasiado interese nin había diñeiro para a proposta. Entre tanto inconveniente, a rutineira vida dos CAP alcanzou ata 2009, en que uns másteres pronto denostados, practicamente polo mesmo que os ICEs, os supliron. O segundo problema -a máis diso outros- é que esta novidade foi ensaiada xa antes da República e a iso dedicábanse os centros do Instituto-Escola. La Gaceta de Madrid é fácilmente consultable e aí está o seu regulamento de xullo de 1918. Isto quere dicir que nos perdemos como mínimo 76 anos co sistema que agora suscita tanto entusiasmo redentor, o que equivale a igual número de promocións de alumnos e de “outros profesores e mestres” que debemos ter e non tivemos. A mellor proba dese fracaso é que, logo de tantos anos de lexislación no BOE, a LOMCE propugna un tipo de profesor que máis parece un zombi redivivo da década ominosa de Fernando VII, teledirixido agora desde a OCDE, non moi apto para procesos de ensino-aprendizaxe na idade máis complexa, a da adolescencia. Se se quere continuar por esa liña do MIR o vello programa do Instituto-Escola, tan denostado polos pedagogos franquistas, segue tendo gran interese. Non será fácil porque o que máis loce parece que sexa a “novidade”. Pero non estaría mal, porque, xa o sabían entón, neste sistema non basta tocar unha tecla, hai que tocar moitas ao mesmo tempo para que tamén o MIR ou como queira chamarse non se quede obsoleto antes de nacer.


E a terceira novidade relevante, en que os tres novos aspirantes entretiveron un intre ao persoal, foi volver ao “Consenso”, o xa vello talismán que podería poñer cordura nas alternancias das últimas lexislaturas, empeñadas en volver sempre ao vello afán de Sísifo de empezar outra vez de cero que tanto cansa e conduce aos máis voluntariosos á indiferenza. Quen sabe dar bos consellos sobre isto é Gabilondo que o intentou. Debería encargarlle xa o Ministerio correspondente para que o intentase de novo se agora o deixan. E inmediatamente, habería que poñer en Exteriores a alguén que saiba lidiar co Vaticano, a OCDE e o que se ventila en Bruxelas, porque se non, non se poderá suscitar nada: a educación é terreo xa acoutado. O peso do Vaticano xa nin se sabe de cando vén, porque os Acordos do 76-79 remiten aos visigodos e a Teodosio como mínimo. Segundo o revisonista historico que se escolla, aínda hai quen fai equivaler “católico” e “natural”, o que ten moito mérito, porque non repara en que en moitas outras partes do mundo -sen que se explique por que- nin de lonxe é así. O da OCDE vén explícitamente de 1961 e, indirectamente, de 1953, do 23 de setembro en que, a cambio de soberanía, os americanos deixáronnos modernizar algo a vella autarquía sen que lles importase moito a ditadura. A LXE de 1970 naceu con esas benzóns e aquel “Proxecto mediterráneo” segue vivo, co liberalismo económico e as súas ganancias como bandeira principal. E á propósito do TTIP e TISA que tan medio secretamente se están xestando en Bruxelas, non deixen de interesarse, porque van do mesmo, pero máis en grande e para toda a UE: calquera asunto que lle custe uns céntimos máis a unha multinacional calquera -o coñecemento, por exemplo- parece que vaia a ser a cidadanía a que teña as de perder.

Tamén era novidade, pese ao predicible, algo que pasaba fóra dese plató. En nome do ausente, e relativo a educación, xa se celebraba que J.A. Marina entregara ao Ministerio o día 28 o “Libro branco sobre a profesión docente” que lle encargou Méndez de Vigo. Dito polo propio Marina, a idea era clara: tiña que estar listo para darlle cancha “no debate educativo da campaña electoral” . Xa veu xogando ese papel na precampaña de días pasados, ao ofrecerlle ao actual ministro a cobertura aparente de dialogante e intentar dulcificar algo unha xestión nefasta do non menos nefasto proxecto educativo do PP. Hai que ter unha alta dose de indiferenza para, a estas alturas da película e sen inmutarse polo realizado nin mostrar vontade ningunha de revisión dos danos inflixidos ao sistema educativo desde os decretos de 2012, dicir agora que se quere “abrir un debate social para impulsar o pacto social sobre a educación que conducirá ineludiblemente ao Pacto de Estado”. Así de sinxelo e sen contar para nada cos que durante estes anos estiveron pelexando día a día e cóbado, chámense sindicatos, mareas, pais, estudantes, profesores ou mestres anónimos. Menos mal que só é un borrador, que estamos en 2015 e podemos dicir que non nos cremos nada. Se primeiro dixéronche que se estaba caendo a casa e agora dinche que con pintala un pouco basta, por moito que nos gustase a cor elixida non deixariamos de pensar nesa teima de sabiondos de coller sempre o ravo polas follas. Hai solucións políticas que son un inmenso problema.

Coidado coas novidades! Aínda poden verse rancios comercios de NOVIDADES, onde o habitual é que vaian parar vellisimas ou moi desastradas pezas textiles que non che vas a poñer aínda que che paguen.


TEMAS: Campaña electoral, 20-D 2015, Programas de Educación, Pacto de Estado, Consenso, MIR educativo, Escolaridad 18 anos, Instituto-Escola, LOMCE, J.A.Marina, Acordos co Vaticano, OCDE, TTIP, El País.


Manuel Menor Currás
Madrid, 02/12/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario