A opinión dos docentes...non conta?

23 dic 2015

A aritmética fai imprescindible dialogar, consensuar e pactar. Tamén en Educación.



Antes foi o monólogo. A aprendizaxe desenvolvida en 12 convocatorias electorais fíxonos descubrir o diálogo: Será posible a “liberdade de ensino” para todos?
Se a un adolescente se lle pedise nun exame que indique ríos da Península que desemboquen no norte, é moi probable que conteste que ningún o fai. Razón: os ríos non soben cara arriba, algo así como a lei da gravidade aplicada á Xeografía. De tanto mirar os mapas colgados nas aulas, co norte no alto, a confusión operativa está servida. Igual adoita suceder , e non só con adolescentes, coas cronoloxías. Se se fala dun asunto que admita comparación entre dúas datas, por exemplo 1978 e 2015, inevitablemente a xente máis nova tende a considerar máis avanzado, moderno, progresista e, xa que logo mellor, canto máis se achegue á última data. Todo o que estea máis próximo á data antiga adóitano ver ineludiblemente peor, menos evolucionado e, ás veces, antediluviano.

Diálogo

Pois ben, xa pasamos o ansiado 20/D-2015 e, supostamente, todo deberá ser mellor que antes. O pluripartidismo que parece saír destas urnas, se non de cheo si moi forte, debe ser unha marabilla, porque é de agora mesmo. Fronte a el, o que había deberá ser considerado unha ruda antigualla bipartidista. Xa é imprescindible que quen vaia a gobernar necesariamente dialogue como mínimo un pouco con outro partido que lle axude a alcanzar os 176 escanos imprescindibles no Congreso. Para os que estivemos sen urnas tantos anos, logo de meter papeletas nelas 12 veces este resultado debería alegrarnos porque, sendo o último ata o presente seguramente é o mellor. En fin, que estas enésimas eleccións “históricas” descubríronnos ao fin as bondades do “diálogo” e, ata, confírmannos que máis vale tarde que nunca.
Polo que toca a esta regra da cronoloxía pura e dura, con todo, desculpen que nos resulte difícil aceptar que sexa mellor o sucedido máis tarde. A este paso, en moitas cousas non logradas xa non nos decataremos. Partamos, de todos os xeitos, dese suposto de que as cousas avanzan e melloran co tempo. Haberá que admitir igualmente que todos os grupos estarán agora, despois do 20-D, máis inclinados ao “diálogo”. Teóricamente así debería ser, e tamén porque ata os máis reacios -moi propicios á xordeira- empregaron esta panacea do diálogo moitas veces nas dúas últimas semanas. E tamén antes, claro. Algo adiviñarían desde os seus observatorios prospectivos agachados nesta palabra que tanto cativa en abstracto. Pese ao cal, pola falta de uso non sabemos moi ben que pasará. Desde fai dous días, sumidos quedamos á espera do significado operativo que poida ir cobrando. Para que non haxa equivocacións, algúns xa lle puxeron un adxectivo indispensable: “nacional”. Supostamente, para evitar o lado escuro da forza. Non sexa que a alguén se lle ocorra que se deba empezar de cero e fósemos reescribir os Diálogos de Platón ou calquera outro coloquio xa desenvolvido outrora. Cos Nadais por medio e con liñas vermellas que se irán engadindo para estruturar ben de que deba ir o gran achado, hai aínda dous meses para que colla corpo o significado concreto. Algúns dos que dun ou outro modo sempre teñen voz nestas cousas xa van poñendo por diante o seu. Algún bispo xa saíu á palestra e, como non, o representante dos empresarios.
Dúas cousas previas se antollan, de todos os xeitos, complicadas de entender neste suposto “avance” ao que por fin chegamos na noite do 20-D. Por unha banda, se isto do diálogo é un progreso, por que agora o é e antes non o era. Recorden como síntoma a época de Gabilondo en Educación. Dialogar e consensuar entón era algo insidioso e ata tráxico, para rasgarse as vestiduras e impoñer esta última lei orgánica. Agora non, xa non. O mínimamente lóxico, en consecuencia, debería pasar por recoñecer que estes catro anos últimos -pese a ser cronolóxicamente posteriores ao acontecido en 2011- foron un retroceso que agora hase de emendar, un pouco polo menos. É dicir, que se nos desmorona un pouco a tese normativa de que o último é mellor.
Doutra banda, ante a falta de “diálogo” existente ata o presente, só cabe mirar cara atrás por se algunha vez o houbo. Os expertos en xenealogía da psicología nacional xa se están ocupando en explicar a que se deba esta tradición agora problemática do monólogo. Segundo Pániker “o defecto nacional é a hiperemotividade, que ninguén escoita nin cambia os seus súas paradigmas”. Soa ben, pero quedámonos como estabamos: a ver a onde se vai para que nos corrixan con urxencia este dogmatismo innato. A verdade é que se de gran pacto ou consenso habido no pasado se ha de falar, en Educación só cabe botarse á cara o logrado en 1978 en torno ao art. 27 da Constitución e pare vostede de contar. O que visto así, tamén desde este estrito campo concreto dos asuntos educativos parece facer ver que estiveramos máis avanzados naquelas datas do 78 que en todo o tempo transcorrido desde entón. Loada sexa, pois, a marcha atrás no tempo como fórmula para camiñar cara ao futuro.

Voces e palabras

E aquí empeza a gran cuestión. Perdida o costume de dialogar en tantos anos de morros hiperemotivos e verdades absolutas a impoñernos uns a outros, de que imos falar agora? Logo de tanto monólogo, talvez sexa urxente volver a Aristóteles, en contra do que din as reducións melloradoras da LOMCE. Distinguía perfectamente o gran ateniense do século IV a. C. que unha cousa era ter voz e outra usar a palabra. O primeiro, segundo el, era propio dos animais, máis non o segundo, estritamente caracterizador dos humanos, capaz de realizarlles como persoas se se desenvolvía na POLIS. É dicir, que, a partir desa constatación non deberiamos consentir que, en nome da eficiencia -chámese estabilidade, parsimonia ou que todo siga como sempre- de novo sucumban os nosos representantes á tentación de deixar fóra de xogo os intereses e problemas da cidadanía. Admitamos que unha cousa son os intereses estratéxicos ou tácticos dos partidos, novos e vellos, e outra ben diferente que se deba falar con urxencia para que isto non se descabalgue máis. E aquí, á súa vez, xurdirá de inmediato un designio a que prestar atención: poden apostar algo ao urxente e volverase comer ao necesario. En Educación, case sempre así foi. Desde antes de que Don Antonio García Álix pisase por primeira vez un edificio denominado Ministerio de Educación en abril de 1900. Tan embarullado estaba todo xa para entón que só, en catro meses que durou o seu mandato, fixo 308 decretos que os seus sucesores cambiaron por outros enseguida, e así seguimos. Só estaba empezando o “diálogo” do poder político coa sociedade e virían cousas peores.


O urxente e o necesario

Miren polo miúdo, xa que logo, os programas electorais coñecidos ata o 20-D, por se queren inspirarse sobre dos itinerarios que poida seguir o pretendido “diálogo” inmediato. Os desenvolvementos máis ou menos escuros de cada partido, as súas seus imprecisións temporais e ocorrencias variadas para animar a posibles votantes orientan pouco. E colocados xuntos os de posibles partidos que logren entenderse para un probable goberno nesta lexislatura inminente, pouco é o que poderán compartir como non sexan variopintas superficialidades, algunhas ata incompatibles. Tocará falar de Educación, pero o momento e a orde respecto de outras moitas cuestións acuciantes, cando os problemas gordos da economía seguen aí, fai presaxiar que se cumprirá unha vez máis a regra de que o urxente cómese ao necesario. Ás crises que acompañaron sempre a todas as reformas educativas -asunto desesperante-, engádese agora, unha vez máis, que haberá que empezar a falar de que se fala.. Entre o “crecemento” e a educación.., que será primeiro?
 
Palabras pequenas e conceptos rotundos

Nunca será tarde se nos é dado ver que se poñen a falar de palabras pequenas e non se poñen a falar de conceptos moi rotundos. Pensen o que queiran de se é mellor o recentemente acontecido que o que pasaba fai 40 anos. E quedemos á espera de que empece a conversación e falen fluidamente, de xeito críble e transparente. Esperemos que falen do que é imprescindible con certa premura: de como facer que todos, todos, todos, teñan acceso a un ensino digno, xusto e moderno, de modo que todos, todos, todos, se sintan exercendo a mesma “liberdade de ensino”. A mesma, non versións diferentes de “liberdade” e de “ensino”, que xa sería dialogar deslealmente. Hai máis cousas de que falar, por suposto. Pero esta é a máis urxente nesta modernidade a que chegamos.

TEMAS: Resultados eleccións. 20-D. Consenso. Diálogo político. “Liberdade de ensino”. LOMCE.
Bipartidismo. Multipartidismo.

Manuel Menor Currás
Madrid, 22/12/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario