A opinión dos docentes...non conta?

5 mar 2017

Opinar e replicar fíxose viral: Avánzase moito? Apréndese máis?



As redes sociais e a TV puxérono de moda. Pero a reflexión sobre o que se opina non adoita dominar a conversación e abunda a estúpida banalidade.

Había moitos en escena, pero o exemplo de TRUMP está facendo medrar o número de candidatos a impoñer o seu particular sentido da orde no mundo. A barra de bar perde prestixio e, agora, a golpe de twit e similares non se escoita e interrómpese maleducadamente a sa conversación.

Twitear non abonda

Fai uns días, a recensión nunha revista de ensinantes sobre do libro titulado Os internados do medo, suscitou unha sorprendente resposta dunha lectora. Tratándose de algo que, con algunha frecuencia sucede a compañeiros e persoas que escriben procurando poñer coherencia en supostos diálogos e que, a miúdo, expresa o programado con éxito en TV, crin conveniente deixar constancia de que ninguén aprende nada se todos gritamos ao unísono e de que a liberdade de expresión ten pouco que ver con xeitos de replicarse uns a outros sen garantía ningunha de ler ou oído previamente o imprescindible, nin tampouco de querer facelo: como educación social, é mal asunto.

Previa á liberdade de expresarse, é imprescindible, con todo, que medie a comprensividade do que o outro di ou escribe. Entre berrar e falar, conversar ou dialogar hai unha distancia: aquilo compartímolo cos animais, isto outro -exclusivo da socialización humana- require algunhas condicións para que sexa atractiva. Se non, mellor é calar, por máis que a Trump lle vaia esta marcha solemne do narcisismo ou que no Parlamento, se teatralicen escenas que os sofistas gregos xa dominaban á perfección.

O libro citado, recomendable para cantos queiran coñecer peripecias significativas da historia educativa, achega uns 30 testemuños de supervivintes de institucións polas que pasaron varios miles de nenos e nenas españois desde a postguerra civil ata os anos oitenta: os Fogares Mundet (Barcelona), preventorios tuberculosos de varias provincias, o Colexio San Fernando (Madrid), algúns psiquiátricos e diversos reformatorios. O que máis sobrecollee do que viviron aí é a súa indefensión fronte aos abusos de todo tipo de que foron obxecto por parte dalgúns profesores ou profesoras -incluídos relixiosos e relixiosas- adscritos a centros teoricamente establecidos para a protección do menor e da muller. Os autores de Os internados do medo, Montse Armengou e Ricard Belis, son xornalistas e realizaron documentais de investigación. Na súa traxectoria profesional é habitual a preocupación por desvelar feitos silenciados durante moitos anos, e dar voz aos humillados en nome dunha suposta moral superior. Canto din ou filman é contrastable e, entre os seus traballos, figura Os nenos perdidos polo franquismo, sobre do roubo de recen nacidos nesa etapa.

Conste que neste libro soamente tratan deses internados, dando a entender que houbo rapaces e rapazas aos que a suposta acollida que aí tiveron abriulles posibilidades mellores que as que probablemente houbesen ter de non ir a parar a eles. O que poñen de relevo as historias de vida dos entrevistados son os abusos que un número sobradamente significativo padeceu de xeito inexplicable, coas secuelas que ese sufrimento gratuíto lles produciu. Os autores non entran nin saen no que poida suceder, paralelamente, noutros internados como seminarios, conventos ou algúns outros, cuxos ritmos e hábitos de vida, regulamentos, mestriños ou prefectos, sistemas de gobernanza interna ou metodoloxías do tempo e os estudos, condicionaron a bastantes máis miles de estudantes e aínda teñen continuidade: Algún destes seminarios é desgraciada noticia estes días.

E pur si muove

Fronte ao que lle obrigaron a seguir dicindo, inalterado, da orde cósmica, Galileo acabou murmurando: e pur si muove. Cabe repetilo cando alguén, ao detectar que a realidade non coincide coa súa desorde mental ou unha gloriosa ignorancia, conságrase a sentar cátedra desde un ego hiperactivo. Este pasado día tres, Quim Monzó facíase eco en La Vanguardia da decisión adoptada, por tal motivo, nun blog noruego: NRKbeta. Si algún posible lector quere comentar o que nese dixital se escribe, ha de pasar previamente un test para demostrar que, antes de opinar, leu o artigo ou a noticia sobre a que desexe opinar. Non é un consolo que tamén no Norte europeo falle a comprensión lectora nin que unha avaliación imparcial de tan espontáneos opinadores confirmase hipótesis que adoitan formularse cando se le o que escriben ou din nos medios, especialmente se acolleitos ao anonimato dan canle a calquera aburrimiento. O pretexto da transparencia non contribúe, nestes casos, a esclarecer nada, senón a que os outros lectores ou oíntes teñan que surfear entre unha oleaxe de insultos e insensatez, mentres a custosa liberdade de expresión é violada por un oportunismo que só propicia ruídos entorpecedores da lectura como fonte de pracer e coñecemento. Só faltaba que, á inoperancia de moitas Universidades por contrastar a calidade do que ensinan, plaxian ou publican os seus profesores e estudantes, se sumase agora esta tendencia erosionadora do dereito de todo humano a coñecer e expoñer razonablemente algo dalgún asunto, e a esperar que os demais procedan do mesmo xeito.

O bullying e o ciberbullying están de moda. Nin son exclusivos dos colexios nin dos problemas que as diferenzas xeran aos máis débiles. O acoso, profesionalizado noutros escenarios, tamén adoita empregarse para sacarse do medio a competidores ou discrepantes e non é infrecuente entre partidos políticos nin en campañas electorais. No entanto, tamén en casos menores como o que orixinou este comentario molesta e produce dúbidas sobre de se non é mellor calarse e que cada cal se apañe coa súa paranoia particular? Non coñecía na semana pasada a eloxiable decisión noruega e, no seu lugar, remitinlle á miña interpeladora esta contestación que aquí reproduzo por se axuda a quen sufra algo similar. Con moi leves modificacións, foi como segue.

Sorte

<<Segundo vostede, "non se pode xeneralizar..., porque se corre o risco de perder credibilidade" e, ao parecer, este "é o meu caso". Sinceiramente, non sei por que me descualifica. Está vostede no seu dereito, pero confúndese. É probable que o que leu non lle gustou por algún motivo que non di ou, sinxelamente, porque a súa sorte persoal -a súa experiencia- foi distinta da dos que sufriron vexacións como as que relatan as testemuñas que aparecen no libro titulado "Os internados do medo". Enténdoo, como entendería tamén que lle parecese mal que se comentase ese libro ou, dito doutro xeito, que lle gustaría que continuasen no esquecemento esas cousas que nunca deberon suceder. Este parece ser "o meu pecado" e adiántolle que non me arrepinto.

Ler antes

 No entanto, permítame dicirlle que é vostede moi rápida de xuízo, polo menos neste asunto. Se non le isto que lle estou escribindo como un twit, estas catro razóns axudaranlle a entender por que o digo.

Primeiro:  o que vostede leu non é un "artigo" meu sobre internados. Nunca o escribín aínda que podería facelo, simplemente a base dos  recordos e experiencias de vida que moi coñecidos escritores de mérito -algún deles pertencente á Real Academia- escribiron en linguaxe literaria. Contaron o que viviron, e xúrolle que o que relatan é pouco coincidente coa súa experiencia. Tampouco cunha boa parte da miña, na que hai de todo: bo, malo e mediocre...

Segundo: o que vostede leu en T.E, nº 359 -pois creo que se refire a iso- é tan só unha recensión dun libro escrito por xornalistas acreditados que, ademais, fixeron reportaxes sobre este asunto para TV e que, segundo me consta, antes de escribir este libro contrastaron o que contan. É vostede moi libre de non crelo, pero é un desatino desoír canto non coincida co que vivamos. Engádolle que unha “recensión” só é un comentario dun libro, non un artigo, e que quen a escribe para nada ten que estar de acordo cos feitos ou asuntos que suceden no libro; nin sequera con como estea escrito o libro. O interesante é que indique o posible interese desa lectura para saber máis sobre unha cuestión que, en principio, pode ser de interese cívico.  Se lle parece que o que lle estou dicindo "non é críble", é fácil de confirmar en calquera estudo sobre crítica literaria. O pertinente, xa que logo, fose que se referise ao libro e, mellor, que o lese antes de opinar de calquera modo, actitude que non serei eu quen lle vaia a coartar.

Terceiro: se analiza amodo o que escribo na páxina 41 desa revista, particularmente as tres últimas liñas, verá que, para nada se “xeneralíza". Matizo a denuncia que presenta o libro dicindo que "nestes ámbitos educativos non todo foi tan horrendo... Algúns atoparon camiños atractivos para as súas vidas". Non vexo de onde saca vostede o de que “non se pode xeneralizar". Entre outras cousas, porque o libro non fala de todos os internados, senón duns moi concretos, que non son, insístolle, os que eu tiven que soportar.

E cuarto: tamén a min me gustaría que moitas cousas non ocorresen nin que sigan ocorrendo. Pero non por iso me cabreo con quen manexe a documentación pertinente para historialas,  se o fai con seriedade e ambición de que non se repitan. Nos nosos arquivos e bibliotecas -malia que lle poida resultar “incrible”-  hai moita documentación que proba a existencia de cousas demasiado feas e, moitas veces, onde menos cabería esperalas. 

Conclúo: o desafortunado é que existan moitos tipos de falcatruadas e que os seres humanos sexamos quen de seguilas repetindo. Malia que vostede me retirou a súa “credibilidade” -ou precisamente por iso-, dareille un consello congruente: se desexa cabrearse con alguén e mostrarlle o seu desagrado ou "decepción", pense ben a onde merece a pena diirixir as súas invectivas. Escolla mellor o seu obxectivo e, se é posible, logo de acougar as súas impresións primeiras, volva pensalo ben e expoña de xeito críble os seus argumentos. Só dese modo merecería a pena

Se cando lea este mail, segue pensando o mesmo que me escribiu, non tratarei de convencela: é vostede moi dona. 
Que lle siga acompañando a sorte>>.

Ou andar ou ler

Pois iso: sorte a cantos teñan paciencia para ir máis aló da lectura mecánica e lean pausadamente para comprender. Este hábito ten un rico interese humanizador. Asegura o refraneiro galego que é moi útil para saber, igual que andar é ver. Dá acceso a ese coñecemento que adoita acompañarse dun goce crecente a medida que se le máis. Se todo é máis complexo do que ás nosas vidas, limitadas pero únicas, lles é permitido acceder, déixense levar por ese afán e non polos rápidos automatismos que os medios impoñen aumentando en demasía a superficialidade de canto traemos entre mans. As Redes e medios xa nos modifican e, se nos descoidamos, seguirán facéndoo non sempre para o noso ben: pódese conducir un Maserati pero, se non se controla a estupidez, acábase pronto nun barranco.

Manuel Menor Currás
Madrid, 04.03.2017


TEMAS: Lectura comprensiva. Opinionite. Os internados do medo. Trump.
Diálogo. “Faiche oír”. Pactos educativos. Redes sociais. Novos analfabetismos. Revolución 4.0.

No hay comentarios:

Publicar un comentario