A opinión dos docentes...non conta?

15 ene 2018

A utopía do Homo Deus entretén,pero non arranxa o que nos preme a cotío


Tampouco emenda as penurias que nos autoimpoñemos, públicas e privadas, por medo, ignorancia ou mala experiencia. Por algo o sistema educativo avanza lentamente, cando non retrocede.

Sostiña Salvatore Satta que é posible que a vida dun pobo se desenvolvese nunha unidade de tempo e lugar, como as antigas traxedias, e que a sucesión dos acontecementos posuíse a misteriosa fixeza do cemiterio. Vista por Deus, en O día do xuízo -ese era o título da súa gran novela póstuma, en 1979-, cría que “a vida aparece exactamente así”. Se o éxito dun pobo ou dun país se medise polos cambios habidos en moitos anos máis que pola pura cronoloxía, primaría a devastación dos corpos e vidas das súas xentes. Por riba de moitas outras consideracións, veríase que en cuestións substantivas todo seguía como hai dez, vinte ou oitenta anos, mesmo. Falaba do que sucedera en Cerdeña. Podería valer para España en non poucos aspectos, logo de tantas crises como as habidas na historia destes 80 anos últimos.

Dereitización
Este 2018 vai resultar moi educativo para entendelo. As moitas leccións que nos está proporcionando desde que empezou, congruentes entre si, están logrando ese obxectivo de xeito moi satisfactorio. Se se toma como avaliación rudimentaria canto os informes sociolóxicos van dicindo -esa instancia á que cada día se pregan máis os nosos partidos-, verase unha gran concordancia entre o proxecto e a dereitización da sociedade española ata extremos que, nos anos setenta e oitenta, imaxinasen dificilmente os máis reacios ao cambio. A metodoloxía que -con ampla colaboración dos medios e, sobre todo, de TVE- se están desenvolvendo para conseguilo, ademais de contar coa inestimable achega de Cataluña, acumula cada día episodios didácticos de gran relevancia.

Meteosat
Destaquemos neste sentido como a pertinaz meteoroloxía volve polos seus fueros. Se era austeramente imprecisa pero útil para xustificar o inxustificable, segue cumprindo actualmente ese relevante papel, á vez que o de fonte primordial de aprendizaxe. Desde que os homes do tempo eran máis voluntariosos do que técnicamente podían permitirse, volveronse a poñer en valor os dotes da improvisación. De nada parece valer o Meteosat de segunda xeración nin o AEMET. Tampouco valeu moito a leve esaxeración que adoitan poñer nos noticiarios para curarse en saúde e non se volvese repetirse o daquel 27.02.2004, en que, con Álvarez Cascos en Fomento, quedaron atrapadas entre Pancorbo, Briviesca e Miranda de Ebro unhas 5.000 persoas. Dá o mesmo cando os altos responsables destes asuntos son os primeiros en non decatarse dos riscos graves que poden ter os seus descoidos. Todo parece indicar que a xestión desas previsións e das medidas pertinentes para facer fronte aos inconvenientes no tráfico, foi irresponsable. E todo segue acontecendo como cando “a pertinaz seca”: segundo estes excelentes xestores, a culpable é a xente, e máis a pouco precavida. Lección a aprender: mellor desconfiar. Os  que din ter autoridade en cuestións fundamentais son, como mínimo, incompetentes.

Providencia
A lección número dous vén do expediente con que pretenderon responsabilizar á concesionaria. O máis probable é que esa tradición de irresponsabilidade -acreditada xa tamén con Cascos ao mando- volva confirmarse. As grandes empresas saben como bandearse en situacións de conflito e, como outras veces sucedeu, poderán alegar calquera escusa; viralles en axuda o feito de que -casualmente- á concesionaria da AP-6 acábaselle o período de concesión estipulado. Previsoramente, teñen a favor da súa rendibilidade de 65,3 millónsde euros en 2016 que xa foron soltando o lastre do 23% de empregados. En síntese, é o proxecto habitual dos emprendedores neoliberais, en que a seriedade do servizo aos usuarios non aparece en lugar principal. Só é cuestión de sorte, xa que logo, non verse afectado. No pasado, as consecuencias de similares comportamentos encubríanse coa suposta vontade de Deus providente. Hoxe, nun Estado sedicente aconfesional, segundo o art. 1. da CE (Constitución española), soaría estraño. Aínda que con tantos remendos como ten ese adxectivo, non é moi imprevisible que se ensine en tantos centros educativos co currículum de Relixión que publicou o BOE en 2015, dando cumprimento á LOMCE. 

Estado mínimo
A terceira lección implica -sen vontade de adoutrinamiento- que, das dúas leccións anteriores se deduza algo práctico. Aínda que algo incorrecto para o que se leva, a súa coherencia vén de que canto rodea esta concesión ou privatización temporal da AP-6 é similar tamén a canto sucede, crecentemente, cunha parte moi importante dos servizos que neste país existen. Entre outros, en aspectos fundamentais como Educación, Saúde, Información, Augas, Petróleo ou Electricidade. É dicir, que queiramos ou non, estamos pillados, a mercé destes xestores privados e con ausencia crecente do Estado nestas prestacións e, ás veces, con deixación de responsabilidade no cumprimento da súa obrigación cos cidadáns. Todos estes ámbitos son sen dúbida de gran fertilidade rendible para os seus concesionarios, pero, sen dúbida, a conta do pouco que adoitan prosperar as demandas de malos servizos, atrasos e incumprimentos cos seus usuarios.
Agora ben, o libre mercado non prescribe, en puridade -tal como concibiu Adam Smith-, que os accionistas destas empresas concesionarias, subarrendatarias ou subvencionadas, só traten de sobrevivir a conta dun público cativo, que non amigo. Con excesiva frecuencia, e non poucos apaños solapadamente monopolísticos, a súa contribución á productividade real -e non meramente financeira- é inexistente. O lóxico, xa que logo, sería que, á máis mínima inconveniencia, desaxuste ou incumprimiento do contrato estipulado para o logro da privatización, subvención ou concerto, para evitar un maior menoscabo dos dereitos dos usuarios revertisen ao erario público -e ao dos cidadáns prexudicados- os beneficios que estas empresas concesionarias conseguen.

Anoten, con todo, os inconvenientes prácticos que ten canto non sexa proseguir nas minchas, coma se todo estivese ben. Non esquezan -como gran lección da continuidade dos tempos- o itinerario que adoitan seguir estas queixas en caso de producirse, incluídos comportamentos mafiosos de diverso alcance. Pero sobre todo, o que estes acontecementos últimos ensinan é que botar a culpa a outros xa é un clásico neste terreo, reiterativamente idéntico a cando era tradicional e moi apropiado para o Celtiveria-show de Carandell. A gran innovación última -digna da exposición que o Museo ABC exhibe do TBO- é a do kit novidoso da DGT, consistente en que haberemos de encher o maletero do coche cunha caixiña en que caiban 18 artigos, pala incluída, para sobrevivir. Quen non os levase sería máis culpable do seu desatino. Non se quedou curto o inventor desta improvisación, tan fantasiosa que pronto tiveron que tirala ao cesto dos papeis?

Amiguismos clásicos
Non se acaban aquí as leccións destes días, pois os nosos políticos máis ociosos tómanse os cargos como algo que lles é debido e sen contraprestacións de obrigado cumprimento cara á cidadanía que lles paga. Moitos seguen coa mesma inexorable parsimonia -tradicional xa no século XIX, desde antes de que empezase a contar o tempo da modernidade-, e coa mesma indiferenza cara a unha sociedade que demanda axilidade e, sobre todo, seriedade no uso dos recursos de Facenda. A súa política de improvisación é allea ao coñecemento, só trata de ver se amaina; improvisan e xogan cos tempos por ver se cambia o aire, reelíxenlles e seguen tirando entre amiguetes fieis. Non a outra cousa que a irresponsabilidade -esa constante da política chapada á antiga- cabe atribuír a escenas e relatos como os oídos estes días en sé xudicial -o do responsable de Gúrtel non ten desperdicio- ou vendo a Rodrigo Rato en sé parlamentaria. A ninguén debería estrañar o breve comentario de Público, segundo o cal dous terzos da colosal débeda pública española -ao redor de medio billón de euros da última década- procede dos xestores do PP. Caeron na conta da cantidade de amigos de Aguirre que están imputados? Non é sorprendente que en dous das CCAA máis ricas este poida ser un ano especialmente horrible desde o punto de vista xudicial para selectos especialistas en detraer recursos públicos para os seus particulares intereses? Seguirán sendo intocables?

Homo Deus
Segue tendo moita publicidade este best seller e o que lle precedeu, Homo sapiens, pese a múltiples cuestións que deixa no aire e a unha vaga abstracción que lle permite xogar con interpretacións máis aparentes que consistentes. Sostén Yuval Noah Harari que “nun futuro non moi afastado poderemos crear superhumanos que avantaxen aos antigos deuses nas súas facultades corporais e mentais. A enxeñería xenética estaría a piques de producir cambios poderosos nas nosas capacidades. Desde a mera hipótese e, sen especificar para cantos humanos estarán dispoñibles tales potencialidades, aventúrase en que, “cando pensamos sobre do futuro, o noso horizonte adoita estar limitado polas ideoloxías e os sistemas sociais o presente. A democracia anímanos a crer nun futuro democrático, o capitalismo non nos deixa contemplar unha alternativa non capitalista, e o humanismo fai que nos custe imaxinar un futuro máis humano”. E, logo de abrumarnos con 491 páxinas de prolixas combinacións de datos e asuntos, conclúe que habemos de “afrouxar estes “amarres” condicionantes e permitirnos pensar de xeitos moito máis imaxinativos.

Canto de imaxinativas e a conveniencia de quen, non parece responsabilidade do autor. Tampouco lle preocupa que, entre as primeiras previsións do Xénese, estivese a desa tentación deificadora; que o “progreso” haxa ter nos dous séculos pasados graves derivacións; ou que o soño do maquinismo último fixese soñar infructuosamente a moitos nos últimos 50 anos. De todos os xeitos, un razonamento que lle serve de base optimista, vén ben aquí, probablemente tamén como lección adicional a canto nos  deparou esta semana. Poñamos que a provocadora hipótese evolutiva do mozo divulgador Yuval tivese consistencia e que a morte tan só fose xa un problema técnico e non un asunto de curas e teólogos como, segundo afirma, era no pasado. Se a fame, a peste e a guerra están xa deixando de ser os enormes problemas que foron, “estaría nas nosas mans” asegura voluntarista- facer que as cousas melloren, e reducir aínda máis a incidencia do sufrimento. 

Anima o autor, deste xeito, a non ser derrotistas ou escépticos sobre tamañas predicións utópicas que a tecnoloxía no pon -agora si- ao alcance da man. No entanto, de vivir experiencias como a recente da AP-6 ou as de cantos viron frustradas as súas vidas polos xestores das últimas crises españolas, este ilusionado propagador dos supostos beneficios que nos trae o “Internet das cousas” moi probablemente centraría os seus afáns literarios nas razóns polas que tardan tanto en evolucionar os que en Historia se coñecen como “tempos longos, a que tanta atención prestou a historiografía francesa. Para os émulos de Xulio Verne son pouco atractivos e moi pouco excitantes eses asuntos aparentemente nimios e tan vulgarmente evenemenciais que aínda nos suceden todos os días, pero cuxas raíces afunden na máis “terca fixeza do cemiterio”

TEMAS: Homo Deus. Salvatore Satta. Cambio e permanencia. Continuidade. “Tempo longo”. Historia e ficción. Privatizacións e abusos. Incompetencia.

Manuel Menor Currás

Madrid, 14.01.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario