A opinión dos docentes...non conta?

30 ene 2018

Leis e moral non adoitan coincidir: o fin e os medios poden facelas extrañas


Invocar a lei sen poñer medios para cumprir canto esixe, ou non cambiala cando é inxusta, non arranxa nada. Tamén en Educación adoita axudar a soster situacións nada democráticas.
 
Do “imperio da lei” a como funciona a realidade política hai un treito. Ensinouno amplamente o mestre nestas lides, Maquiavelo. De como a Constitución non debe ser un “adorno”, a como pode servir de pretexto para que todo siga parecido a cando non a había, tamén. E de como hai mil tretas, xa que logo, para que a argucia leguleia encubra ata delitos durante anos e anos, a Historia é testemuña. As abundantes noticias demostrativas desta semana pesarían o seu na educación da cidadanía cara ao escepticismo desmobilizador.

Transparencia e neopicaresca

As declaracións de testemuñas principais actuando en tramas mafiosas impunemente durante estes anos, ata coa colaboración de partidos políticos, ilustran ben a difícil concordancia. Á ilustre nómina de Naseiro, Filesa ou Baltar, e doutros precedentes senlleiros en nepotismo e similares, a Audiencia Nacional engadiu estes días outro extenso grupo de expertos en inxeñerías das transparencias contables que non fixo máis ca empezar. A este paso, trala dubidosa exemplaridade moral de tan encumiados modelos, teremos que buscar cun candil aos xustos, como na Sodoma do Xénese (Xn. 18,23-33). Neste preciso momento, Francisco Camps é un prototipo excelente das últimas tendencias en disociar a ética e os códigos, e non se descarta que pronto teñamos outros gloriosos. Expertos ademais en impartir doutrina, estes peculiares ensinantes presumiron o seu de ser “caciques bos”, gabáronse de ser perfectos expoñentes do ascenso social a través do esforzo e erixíronse en arquetipos do triunfo social e político.
Consustancial a esta estética neopicaresca foi dar bos consellos a outros, un modo demostrativo de boa conciencia. Dese afán non se apean aínda que os sitúe na  tradición autocompracente da hipocrisía, a que culpa do mal aos outros e nunca ve a trabe no propio ollo. En moitos modos de educar, de que hai sobrados exemplos e anécdotas, este modo de tratar as relacións duns educandos con outros foi obxecto de culto, conseguindo moi bos exemplares de estupidez, ademais de pésima socialización da solidariedade. Nin sequera con preceptos relixiosos por medio se xeneralizou a bondade. No noso ámbito cultural, probablemente porque para a propia Igrexa -mestra case exclusiva da sociedade durante séculos-, a solución do litixio entre o ben e o mal foi un asunto bastante aleatorio. Cada confesionario, como o mestriño, sempre tivo o seu libriño particular, e a desculpa da restricción mental fronte á mentira -ao encomendar o que non era mentira á pura intención de que o falante determinase o sentido das súas palabras-, deixou un amplo espectro de asuntos a expensas da relativa circunstancialidade. De feito, boa parte do dogmatismo moral tivo que ser reforzado a cada paso por sucesivas sinodais, libros de confesores e sentenzas da propia Inquisición, sen contar as bulas eximentes a condición dalgunha prestación pecuniaria en forma de  esmola ou do sufraxio de fundacións ou mandas e legados de signo máis ou menos piadoso. Previa.

Bos e malos

O dictame definitivo acabouno impoñendo lentamente o avance da mentalidade capitalista e a súa competitividade conxénita, que cada vez estilizou máis, con renovados aires e obxectivos, a predicación hipócrita dos bos contra os malos. O ben e o mal acabaron sendo determinados pola racionalidade da produción e a rendibilidad do libre mercado: pura cuestión técnica de apropiarse  ou obstaculizar a apropiación exclusiva do seu valor. A medida que o aburguesamento das cidades se foi desenvolvendo, a pobreza foi perdendo o atractivo espiritual que había ter e converteuse en motivo de escándalo e ata persecución: Luís Vives é testemuña diso coa súa De subventione pauperum (1526). Tamén a caridade e a beneficencia foron perdendo relevancia na medida en que a “cuestión social” -como empezou a chamarse ás reivindicacións dos asalariados- foi gañando terreo. As folgas e reclamacións destes -contra o máximo ben da sacralizada propiedade- acabaron conducindo ás primeiras leis sociais, que supoñían un intervencionismo do Estado. Marcouse así un punto de inflexión na pelexa entre o ben e o mal, por canto facilitaba que non se interrompese a produción e se puidese xerar valor.

Pero era unha situación inestable que a educación podía emendar facilitando a expansión da boa doutrina. Pola mesma lei que Claudio Moyano regula de xeito xeral o sistema educativo -cuxa vixencia estructural alcanzaría 110 anos-, crea tamén a Real Academia de Ciencias Morais e Políticas (art. 160). Aínda por riba que entre o artigo 153 e os 295-296 esa lei dese un control  enorme de “a pureza da doutrina, da fe e os costumes aos eclesiásticos” -a máis diso o ensino relixioso á mocidade-, esta Real Academia trataría de “desengañar aos homes ilusos pero sinxelos e de boa fe”, así como de “auxiliar ás autoridades e contribuír ao triunfo da sociedade sobre as hordas dos novos bárbaros que se ocultan no seu seo e que espían o momento en que poder botarse a convertela en ruínas e cinzas”. O mal -segundo se proclamou na inauguración, en decembro de 1858- era que os asalariados empezaban a reclamar o que en xustiza lles pertencía, cando non existían dereitos sociais e lles estaba prohibido sindicarse. O art. 461 do Código penal de 1848 consideraba delituoso coaligarse para encarecer o prezo do traballo e “regular as súas condicións”, precepto que tería vixencia ata a lei de 27.04.1909, en que se regularía a folga.

O premio dos bos

No canto dunha lei xusta para todos era máis barata a moral individual. Baixo o auspicio das máis altas instancias do Reino, instituíronse premios á boa moral e nas Actas da propia Real Academia de Ciencias Morais e Políticas quedou constancia das incitacións aos obreiros bos para que, no canto de poñer en cuestión a orde social existente, aforrasen; asegurábanlles que así os seus problemas e imprevistos poderían ter solución, lonxe do vicio e a preguiza. De nada valía que os que instigaban co esforzo moral aos asalariados soubesen sobradamente que cos salarios que había -apenas para comer quen traballaba- non lles chegase para nada, como documentaron os testemuños orais e escritos que chegaron á Comisión de Reformas sociais, entre outros o de Jaime Vera en 1884. A moral aforradora foi o único recurso dispoñible fronte a unha total ausencia de protección social, un proceso moi lento en España. Desde a primeira lei de accidentes do traballo en 1900 ata que a Seguridade Social -o principal soporte de prestacións- foi ampliado nos anos oitenta do pasado século a colectivos que non a tiñan, pasaron case 100 anos.  E aínda continuou limitado o acceso a canto en Europa abarcou o  Estado de Benestar desde final da II Guerra Mundial durante os 30 anos “gloriosos”.
A oposición conservadora a ese gran pacto -inspirado no Plan Beveridge- viña dado porque removía a idea da moral aforradora e, sobre todo, a sacralidade da propiedade privada. Era 1942 e só foi posible -en Europa- por medo a un envorco do voto dos asalariados. Coa caída do Muro de Berlín en 1989, e co triunfo das posicións neoliberais de Reagan e Thatcher, reiniciouse a marcha atrás. Tamén aquí se implementou esa tendencia e, nas reunións do Pacto de Toledo, xa florece o mesmo sermoneo anterior a que se crease o INP o 27.02.1908. Volven os consellos morais, para suplir as proteccións que o Estado se impuxo como obrigación fronte a supostos dereitos dos seus cidadáns. Non paran. Na folga masiva polo ensino público o 19.09.2011, cando Esperanza Aguirre -en plenoestoupido da crise- dixo que había que reflexionar “moi en serio” sobre o que custa o ensino.
Este é o motivo principal polo que de contino pretenden adozar a realidade social. Insisten en que a produción vai ben, sen ocuparse de como se reparte o seu potencial beneficio nin a costa de que ou de quen. A estatística sobre turismo español de hai uns días é ilustrativa. A noticia do segundo posto mundial con 82 millóns de visitantes non comentaba nada sobre a pouca productividade desta “industria”, nin sobre quen pagaba o pato nesta burbulla. Se todo vai ben na estatística do PIB, todo o demais desaxustaría a guapa foto.

A educación dos outros

Impartir leccións de moral segue sendo propio de xente ben. Haina en todas as clases sociais “onde queira que vaias”, que xa nos dicía en 1969 un guapo grupo americano-, aínda que predomina entre os que gabearon algunha suposta  posición distante de moitos outros que se quedaron fóra. Queren ser distintos e aspiran a ser máis que os demais: non verse mesturados co común, aínda que a miúdo resulten ordinarios e brutáns. Saben máis que os demais -iso din- e entre o un e o outro ousan dar consellos e, se cadra, a impoñer os seus criterios. A liberdade é o seu lema e -no canto de sindicar a solidariedade- fixeron crecer os libros de autoaxuda nas librerías: o estrés medra e dalgún modo hase de saír das limitacións frustrantes dunha “felicidade” inalcanzable.

En Educación -igual que en Sanidade e outras prestacións-, está sucedendo que os doutrinarios actuais do ben e do mal seguen antepoñendo intereses privados ao ben común. Como no Código penal de 1870, trafucan a norma moral coa xurídica en aras da súa conveniencia. A política social deste Goberno e da maioría das Comunidades autonómicas está sendo rexida por xeitos e obxectivos neoliberais. O pretexto da crise facilítalles o deterioro crecente do público -a Escola pública en particular- e as privatizacións, externalizacións e subvencións directas ou indirectas a iniciativas de negocio privado. Méndez de Vigorepite agora a Esperanza Aguirre cando di que “sen liberdade de elixir non hai liberdade, e sen ela non lograremos a igualdade que ha inspirar o sistema educativo”.
O recurso á lei -e a un pacto previo no caso da Educación- serve para que a orientación prevalente das decisións que se adopten en diante sexa xurídicamente defendible. Con maioría política clara non se necesita un pacto para lavar a cara, pero a evolución do sentido do voto en España fai posible ese pacto, tendo en conta que o recambio de fidelidades ao PP xa dispón de substituto axeitado. Equivócase,, con todo o sustituto de Wert ao sinalar que fai 40 anos houbo un pacto, “que se traduciu no artigo 27 da Constitución”. De habelo, non haberiamos ter tantas leis orgánicas: oito respecto da educación escolar e outras tres respecto da universitaria. Nin tampouco tantas folgas, manifestos e manifestacións, tan similares ás de antes de 1978 que os carteis dunhas e outras son intercambiables.

Pactar que?

Non é previsible que, ata maio, se logre un pacto que vaia máis aló da aparencia. É curto tempo para revertir unha tendencia moi arraigada na historia da educación española, un campo ricamente propicio para mostrar as diferenciais expectativas sociais. Neste xogo demostrativo, doutra banda, unha parte relevante da Igrexa institucional puxo case sempre as súas predileccións, e desde 1961 sumóuselle a OCDE, igual que o FMI ou o Banco Mundial. Milagre sería que coincidisen as súas expectativas coas que a democracia recuperada en 1978 non alcanzou aínda.
No entreacto desta traxicomedia, mentres os máis moralistas seguen aí impartiendo doutrina á vez que rouban, afanan ou trafican co que é de todos, outros que presuntamente deberían estar ao quite parecen mirar se lles cae algo de que vanagloriarse nunha nova lei. Esta forma de colaborar fai que o necesario se demore indefinidamente. Pactar así fará que todo siga o camiño trillado. Algunhas das cuestións que impiden un ensino público de calidade para todos, nin sequera se rozarán. Observen os múltiples entrecruzamentos e contradicións entre lei e moral, unha vez pactadas medidas contra a violencia coas mulleres: É machismo a discriminación de xénero que se practica en moitos colexios concertados de ideario católico? Con canto diñeiro público se sosteñen, pese a iso, os seus concertos educativos? É xusto que se repitan cada ano estes concertos?

TEMAS: Pacto educativo. Lei e Moral. Ensino público. Concertos educativos. Violencia de xénero. Neoliberalismo. Estado de Benestar.

Manuel Menor Currás
Madrid, 28.01.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario