A opinión dos docentes...non conta?

16 abr 2018

Ás veces, se calase o cantor, estariamos máis a gusto




Nin o que canta Méndez de Vigo é “cultura tradicional”, nin o seu pacto educativo é o que necesita o noso sistema escolar.

Este ano, catro ministros deste Goberno -Cospedal, Zoido, Méndez de Vigo e Catalá- procesionaron en Málaga cantando o himno que os portadores do Cristo da Boa Morte -reprodución recente do de Juan de Mena-, era trasladado á igrexa de San Domingos. O noivo da morte só ten que ver coa Lexión fundada por Millán Astray cando a guerra do Rif, en 1920. E a historia das cofrardías de Semana Santa, chea de ingredientes variopintos, en moitos casos non é anterior ao nacionalcatolicismo que se impuxo trala Guerra civil.

É igualmente certo que a suposta “aconfesionalidade” do Estado logo de 1978 non forma parte da cultura política de moitos dos nosos representantes, e máis cando queren confundir a votantes e estraños. Méndez de Vigo, por exemplo, é moi libre como particular de cantar ou dicir o que estime, pero, como ministro, se xustifica os seus xestos dentro dunha suposta “tradición cultural” arrogándose esa autoridade para tal aseveración, o pertinente é que o explique. Pola contra calquera especialista en antropoloxía cultural, etnomusicoloxía ou folclore poderá acusalo de entremetido e falsario. Debese esclarecer, por exemplo, canto tempo cre que fai falta para que un costume ou fórmula de comportamento relixioso, civil, festivo ou simplemente expresivo da vida cotiá, fai falta para testemuñar que é “tradición cultural”. E por que se as tradicións rituais de Semana Santa non son homoxéneas, atribúe que o sexa o cantado ao paso dos lexionarios. Que cultura tradicional promove Méndez e Vigo cando a diversidade é notoria e ata contraditoria dunhas a outras músicas populares? Se se tense en conta quen, que, e en qué circunstancias se adoitan cantar, pronto se advirte que baixo o paraugas de “tradición cultural” acóllese de todo.

Moi cantoso é, con todo, que, a propósito de que o da tradición é un terreo moi abonado para “a invención” -como explicou en 1983 Eric Hobsbawn-, un ministro dos asuntos culturais queira coar unha falsidade para salvarse dunha metedura de pata ou dunha convicción baseada en supostas crenzas, distintas das de moitos outros españois. Tan convencido parece estar das súas que reafirmou a súa curiosa teoría ao animar retranqueiramente no Senado a unha parlamentaria queo interpelou: se participaba con el noutro evento similar talvez lle medrase a fe. Esta reacción propagandista delátao: non consta entre as funcións políticas do cargo que todos lle pagamos crear orfeóns de adictos.

Claros “baróns” de Castela

O reaccionarismo riseiro de Méndez de Vigo é redundante no itinerario que trazou ao seu pacto educativo e á Subcomisión correspondente. Desde que relevou a Ignacio Wert, preservou a intanxibilidade da estrutura que inclina ao sistema educativo a contradicir a igualdade e a liberdade que preceptúa o art. 27 CE. Sobre todo, no tocante ás relacións do ensino público e o privada, os recursos dispoñibles e a presenza da Relixión no currículum escolar. Non é estraño que a estas alturas se dea por morto este invento de pacto que, por outra banda, contraviría o que, desde 1978 -e por falar só de leis orgánicas- tratou de afianzar o seu partido na liña que inaugurou a LOECE (1980), proseguiu a LOCE (2002) e terminou de construír a LOMCE (2013). Mentres tanto, aínda non explicou coherentemente por que quería un pacto político para unha nova lei, sen suprimir esta tela emendado senón en pequenos matices. Non é contraditorio? Todo parece indicar que o que este cantor de ocasión queira soster é a mesma tesitura dos 40 anos pasados aparentando cambio de tonalidade. Unha partitura de reaccionario tradicionalismo que lle esixe sostenella e non enmendalla, e cantar canto asombre a máis dun turista que non saiba de que vai a rica tradición cultural dos españois, nin se viven no século XXI ou no de “os claros varóns -¿ou baróns?- de Castela”, de cando Fernando de Pulgar.

TEMAS: Pacto educativo. LOMCE. Artigo 27 CE. Procesións e políticos. Méndez de Vigo e as súas cancións. Tradición cultural. Os “mestres cantores”.


Manuel Menor Currás
Madrid, 15.04.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario