A opinión dos docentes...non conta?

9 abr 2018

Os papeis universitarios son o que aparentan?



Dada a dificultade para dilucidar autenticidades, máis difícil será pescudar as súas calidades ou o mérito que poida representar ostentar a maioría.


O que vaia a dar de si no plano político a casuística enleada dun certificado da URJC está por ver nas próximas horas. Logo de medio mes no candelabro, pode suceder calquera cousa segundo os oportunismos dos candidatos á cadeira presidencial da Comunidade de Madrid. Danos hai, de todos os xeitos, que serán difíciles de emendar neste territorio das titulacións universitarias, a máis diso agravios comparativos e suspicacias respecto de que sexan eses intanxibles tan preciados como “ a calidade”, “a igualdade de mérito” e, de paso, “a mellora do sistema educativo”. Confirmado parece, iso si, o alto valor que ten a lingüística para determinar o verdadeiro significado das palabras, se é que lles queda algún logo do que día a día se ha ir establecendo entre Cataluña e o resto de España.

De antigo foron dubidosos os certificados de virxindade -como testemuña Fernando de Rojas en 1499 cando escribe A Celestina-, as demostracións de cristián vello que esixía a Inquisición e, como non, as certificaciones de bachareles que sabían máis de tabernas e esmorgas que do que os seus dómines ensinaban na aula. E por completar o baremo da hipocrisía social, tampouco pode dicirse que moitos cregos -se facemos caso ao que prescriben as Sinodais de moitos concilios provinciais- fosen persoas de virtude acrisolada, ou que os que pasaban por fidalgos prestixiados, non fosen senón pobres menesterosos: ata as vendas de títulos nobiliarios foron moeda corrente. Por algo a nosa mellor invención literaria, a do pícaro, tivo abundante humus nutriente.

Sucede que creramos que, coa Constitución de 1978 en marcha, todo sería puro, limpo, transparente e leal. Coma se por arte de birlibirloque volvese todo á súa máis prístina limpeza orixinal entre iguais. Pero tamén acontece que hai tempos longos no devir humano, con características que se traspasan de xeración en xeración sen apenas cambio ningún, o que, por suposto, é observable en bacterias incrustadas no existir de universidades e institucións de suposto saber, especializadas en que o que dea ton aos seus departamentos ou institutos asociados sexa exclusivamente transmitir sensacións de poder, dominio e capacidade de manipular sen que en nada avance o coñecemento senón todo o contrario, pese a tanto máster e posgrao como certifican.


Os milleiros de titulacións


Alguén, en non moi remoto tempo, reclamaba a súa ansiedade por asistir ao Xuízo Final pronto, porque quería observar o desespero de moitos fillos por coñecer ao fin quen era o seu pai, e a tendencia de cada euro por regresar ao peto do seu verdadeiro dono. Imaxínense que cada español quixese saber cantos dos títulos que exhiben supostos profesionais da política e outros traballos obedecen a verdade e, sobre todo, se lles valeron para aumentar o seu coñecemento. Imaxínense, ademais, que cada universidade tivese que certificar que os seus alumnos captaron as competencias que, segundo mostran as súas titulacións, suponse que procuran as que imparten. E supoñan que, para concluír este circuíto, tivesen que deixar os seus postos cantos profesores de gran capacidade de mandarinato e demais rutinas de influencia da súa xerarquía docente se fosen responsables da transmisión da nada. Con cantas persoas de ben se quedaría o sistema educativo español? A quen benefician os milleiros de titulacións de posgrao que, en apenas nove anos se xeraron? Esta difícil avaliación non a teremos, como tampouco a das múltiples cambadelas existentes nas Alma mater para que os repartos de poder non se alteren de ningún xeito.


Pois aquí estamos, vendo tan ricamente o que pasa. Cando se derrita este azucre noticioso do máster da URJC, volverán a masaxearnos con outros papeis. Por exemplo, os do pacto educativo. E, mentres sosteñen a LOMCE, tratarán de convencernos de que o máis conveniente é manter un sistema ancorado nos albores do século XIX -antes de que nas Cortes de Cádiz se tratase de que fose algo modernizador e de dereito público-, ou se queremos que a nosa educación teña -despois de máis de 200 anos- os trazos que corresponden á modernidade dunha sociedade do século XXI. Repasen tamén os orzamentos do Estado deste ano, e verán, nun anexo, os 1.400 millóns en desgravacións a familias que non o necesitan e por asuntos tan interesantes como os uniformes dos seus colexios privados. É case un terzo do que se vai investir: presupostos sociais?


TEMAS: Títulos universitarios. Másteres. Posgraos. Calidade educativa. Mellora do sistema educativo. LOMCE. Pacto educativo.

Manuel Menor
Madrid, 08.04.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario