A opinión dos docentes...non conta?

3 abr 2018

É “a calidade” o que prima na elección de colexio?



Como cando compramos un “paquete turístico” ou un coche, o libre mercado non cobre todas as expectativas. Nos pactos educativos tampouco.

Non todos poden elixir e, na práctica, a “libre elección de centro” apenas alcanza a un terzo das familias. Nalgunhas comunidades autonómicas -e en determinados barrios das principais cidades- esta proporción é bastante maior. A distribución vai, predominantemente, por estratos sociais e a remolque da equidade que un Estado democrático debe desenvolver para que se cumpra un dereito fundamental da cidadanía que, ben desenvolvido, xera unha maior cohesión moral e sa convivencia.
Chama a atención que, en tempo de crise, aos poucos que poden elixir se lles subvencione mentres ao resto se lles di que escolaricen aos seus fillos nunha escola pública saturada de problemas e escasa de recursos. Establecida a diferenza, que sexa mellor é independente da realidade. Prima o envoltorio, favorecido porque se nos preparou para dar máis creto á individualizada atención das nosas necesidades. Un xogo en que ao ensino público -en xeral- a última lei orgánica que desenvolve o preceptuado no artigo 27 da Constitución: a LOMCE- sitúao como como subsidiario do privado.

Por deixación duns e abandono doutros, nos últimos anos medrou a privatización e os concertos educativos e, namentres, as cifras de orzamentos educativos, bolsas, profesores, ratios por aula, servizos e recortes de diverso e intenso exercicio están facendo que o ensino público -o escolar e o universitario- acuse un gran deterioro. O que fai que teña máis valor o esforzo que moitos docentes desenvolven a diario no coidado aos seus estudantes. Con frecuente deixación dos responsables políticos, procuran a tan necesaria democratización interna das aulas, que faga beneficiosa para os adolescentes o seu paso obrigatorio por elas.

Pese a estes contrastes, nos últimos anos -desde que a escolarización empezase a ser un ben para todos ata os 16 anos- o sistema educativo español ha ter importantes logros. O da propia escolarización non é o menor, pero non é suficiente se non se dota de valor interno e colectivo a esa universalización da educación. É curioso, no entanto, que a linguaxe de “a calidade” e da “mellora da calidade” teña similar percorrido no tempo: os trasvases terminolóxicos do sistema produtivo e cultural son evidentes. Pero, se cando imos ao supermercado tratamos de saber que metemos na bolsa da compra, sería un erro deixarnos seducir pola mercadotecnia das supostas bondades do libre mercado educativo, en que hai todo tipo de artimañas e discutibles prestacións.

O xogo de abalorios

O asunto da “calidade” tamén ten especial relevancia neste momento ao permitir distinguir con fundamento, por exemplo, o valor do suposto “pacto” polo que veu pugnando o Goberno neste ano e medio último. Por albiscado ata agora -e á marxe de que a ausencia da Subcomisión parlamentaria que protagonizaron o PSOE e PODEMOS no mes pasado-, a calidade a que aspiran os promotores deste pacto xa quedou bastante clara. Sabemos que non queren tocar cuestións que afectan á estrutura interna do sistema, tales como a relación entre privada e pública ou a importancia da Relixión no currículum escolar, como sabemos -e é primordial- que son escasos os recursos que están dispostos a poñer para que a democratización interna do sistema mellore pedagoxicamente ou que a formación inicial e permanente do profesorado teña a consistencia debida, acorde co que unha modernidade democrática do saber require, adaptada ás necesidades actuais. Ao que parece ir isto -se non hai quen o cambie-, é a que pareza o que non é. Igual que sucede con moitos “másteres” -que nin son tales nin o parecen-, este selectivo pacto pode ser un gran simulacro. Nisto, tampouco a liberdade de mercado lle facilita a decisión confiada do cidadán: a fraude real será advertida tarde, cando xa sexa imposible remediar a decisión adoptada.


TEMAS: LOMCE. Pacto educativo. Calidade educativa. Libre elección de centro. Ensino privado. Ensino público.

Manuel Menor Currás
Madrid, 03.04.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario