A opinión dos docentes...non conta?

30 mar 2018

O pacto educativo naufraga entre nulos esforzos valedores


Hai másteres de dubidosa calidade e nebuloso esforzo, e hai pactos que patinan: o de educación quédase curto no político e eivado no social.

A tardanza de Cristina Cifuentes en explicar as cualificacións do que estudou no máster da Universidade Rei Juan Carlos amosou pouco esforzo en clarexar se foi beneficiada cun apaño para o seu currículum, pero está inspirando copiosos memes non previstos no “Plan Bolonia”(2009).

O do “esforzo” é tendencia que logrou incrustarse para soster un sistema educativo de baixo custo cuxo peso recaia soamente no alumnado. Mentres, os currículos, profesorado, ratios, organización interna, didácticas e proxectos de canto se fai ou di nas aulas, aparentan non ter nada que ver con posibles disparates como este nin, tampouco, con que case un 30% do alumnado non entenda para que o obrigan a ir á escola ata os 16 anos. O que pase co “fracaso” e os que abandonan antes de tempo non parece afectar a “a calidade” que pregoa Cifuentes, polo que, agora, debe estar feita unha lea.

Cospedal, coa súa forma de defender á súa compañeira de partido, só bota balóns fóra, como noutras ocasións. Todo sería moi folclórico se a Universidade non se malograra con este pim pam pum, nin con que todos perdemos, independentemente da veracidade do privilexio con que poida ser agraciada a dirixente madrileña. O prestixio universitario público non está precisamente no seu mellor momento e instancias privadas de diverso rango, económico, tecnolóxico e ideolóxico, póñeno cada vez máis difícil. Estes “accidentes” amplifican a mala fama entre posibles candidatos a prepararse profesionalmente nesas aulas, e todo o esforzo que se despregou para sacar adiante unha universidade pode resultar unha pantomima en todos os sentidos.

No canto de tirarse pedras uns a outros como colexiais, non estaría mal que os nosos políticos mirasen a fondo este déficit. Non é a primeira vez que se abusou dese núcleo supostamente xerador de coñecemento que debe ser a Universidade, para convertela en vivero para seleccionar taimados executores de prexuizadas culturas pouco democráticas. O que José Varela Ortega cualificou como “os amigos políticos”, para falar do caciquismo da etapa canovista, reapareceu en formato neocaciquil desde a creación do CSIC en 1939 con mimbres que reverdeceron esa mendaz xeito de alcanzar venia docente, adoutrinante e nada digna de mención.

Antes do pacto, no pacto e despois do pacto

Do prodixiosa que foi aquela primavera dá conta que, logo de 40 anos de Constitución, as políticas educativas que nos entreteñen sigan sendo sospeitosas de parcialidade e, sobre todo, que a LOMCE sexa dictada en 2013 para quedarse en 1851. Os sucesivos borradores para que parecese o que non ía ser acabaron en tan deforme articulado que os seus propios proxenitores amagaron con repudiala; un “pacto educativo” precedería á outra criatura legal, pero o amor que lle profesan, aínda que move carros e carretas, non borra o trampantoxo.

Do alcance dese proxecto de pacto soubemos máis nestes últimos días que nos quince meses últimos. A crueza das súas limitacións xa era coñecida polo comprometido en Bruxelas, un recorte que rebaixaría os recursos ata o 3,67% do PIB. Ao PSOE seralle difícil explicar por que esixiu un 5% cando leva nesa mesa negociadora desde o seu inicio. Se foi para mostrar máis listeza que PODEMOS, non parece moi sólido para quen teña vocación de negociador. E se é para seguir negociando por baixo da mesa, a filtración da sentenza do TC ao que suscitaron os parlamentarios socialistas fai catro anos xa augura LOMCE para intre. Es e pacto quere quedarse, moi baldado, pero ao son do PP e Cs.

Algúns twits deron en ironizar con que este presente educativo sería presaxiado, entre outros grandes pintores, por Goya (Duelo a garrotazos) ou por Van der Weyden (nas bágoas do Descendemento). Tantos precedentes ten que tamén á Sibila de Delfos inspiraríallo Apolo: miren como a pintou Miguel Anxo na Capela Sixtina en 1509.

TEMAS: Pacto educativo. Políticas educativas. Recortes. LOMCE. Másteres. Plan Bolonia.

Manuel Menor Currás
Madrid, 24.03.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario