A opinión dos docentes...non conta?

20 jun 2018

O novo Goberno mostra claros sinais de liderado social


Estará moi condicionado, no entanto, o seu ritmo de recuperación consistente dos dereitos cidadáns; entre outros, os de Educación ou Sanidade.

Co acontecido trala moción de censura, pode darse a razón a Heráclito cando afirmaba que “ningún home pode cruzar o mesmo río dúas veces, porque nin a auga nin o home serán os mesmos”. A mobilidade e o cambio forman parte do ser e da existencia. Tiña razón Mercedes Sosa cando cantaba aquel Cambia, todo cambia que tanto xogo político deu en 1989.

Tan rápido foi o acontecido con esta moción que, neste momento, xa case soa prehistórica: o sobrevido tampouco deixou marxe para o descanso. Fronte á impasibilidade lenta que caracterizaba a Rajoy, Sánchez é sorprendentemente áxil. Fórono os seus nomeamentos, e moi pensados para integrar sensibilidades a contrapesar. Formalmente, a compensación paritaria de mulleres e homes neste Goberno está ampliamente realizada: veremos se desemboca en políticas decididamente feministas. As perspectivas das diferentes Comunidades, especialmente de Cataluña, tamén parecen ser contempladas con detemento. E en canto ás capacidades dos elixidos -agas o erro en Cultura, rapidamente emendado con criterio-, os eloxios iniciais foron practicamente unánimes. E para cumprir as expectativas que moitos votantes albergaron hai xa máis de dous anos, os cambios que se anunciaron no primeiro Consello de Ministras e Ministros do día 15 empezaron a mostrar que non só de simboloxías se trataba. A renovación da extensión do dereito universal á Sanidade, os primeiros pasos no Pacto de Toledo e, moi destacado, o asunto dos refuxiados do Aquarius ou o vinculado aos valados de Ceuta e Melilla, camiñan nunha dirección ben distinta do que ata hai nada se naturalizara como inmóbil.

Moi significativo foi, así mesmo, o cambio en Educación. Non só pola personalidade que, desde o primeiro momento, mostrou a nova ministra Pilar Celáa situándose respecto ao papel fundamental da escola pública, senón tamén por elixir para a Secretaría de Estado a un gran experto como Alejandro Tiana, de cuxa capacidade nese posto quedou sobrada constancia na xestión da LOE e a quen incomprensiblemente cesaran en 2008. É o máis idóneo para desmantelar a LOMCE de Wert. Xa o fixo coa LOCE de Pilar del Castillo.


O problema con Heráclito, de todos os xeitos, é que o cambio non basta para explicalo todo. Tamén Parménides pensou, no século V a.C., na integridade do ente: sen partes e uniforme, cheo de “o que é”; a verdade do ser -segundo o seu fragmentario Poema da Natureza- revelaríase na súa absoluta inmutabilidade. Estoutra cara da realidade que en certos aspectos reproducen como disciplinas a Historia e a Antropoloxía- é paralelamente manifesta nas reaccións que suscitou este envorco político, perfecto constitucionalmente pero inusitado. Aí seguen as reaccións nos medios. A portada de ABC do xoves día 15, sinalando que Pedro Sánchez impón por decreto “a España bonita”; as reticencias de Rafael Hernando sobre de “a prudencia” fronte a “a humanidade” cos refuxiados; os investimentos de recursos que supoñen os cambios cara á igualdade en todos os ámbitos; ou as misivas dos profesores de Relixión respecto do seu no sistema educativo, son outras tantas advertencias do peso do inmanente para fraxilizar este cambio cando soamente está empezando..

A expectativa, pois, reside en comprobar ata onde teñan posibilidade -nas distintas áreas ministeriais- para facer que os cambios en marcha sexan tan eficientes que modifiquen de xeito consistente a erosionada realidade, é dicir, as condicións de asimetría social existentes. En Educación, a gran cuestión será igualmente saber ata cando pervivirán as desigualdades estruturais en que se apoia o sistema: as súasdualidades profundas, os seus currículos obsoletos, a organización interna do traballo nas aulas con xeitos pouco propicios para que hoxe resulte atractivo e produtivo o estudo e o coñecemento. Conseguirán fixar ese “pacto educativo” de todos?

TEMAS: Cambio político. Dereitos sociais. Dereito universal Educación. Dereitos do Neno. Educación pública.

Manuel Menor Currás
Madrid, 17.06.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario