A opinión dos docentes...non conta?

25 jun 2018

Sen présas nin pausas, veremos que afán é posible cada día

Dos límites e ambicións do novo Goberno -entre o posible e o desexable- falou Isabel Celáa nunha entrevista a Eldiario.es


Poden estar aí non poucas das pautas que, con realismo, pretende o seu proxecto educativo, a outra competencia da portavoz gobernamental. Ante todo, que facer coa LOMCE. Desmontala”por partes”, dando prioridade aos aspectos que, desde 2013, acentuaron a desigualdade, parece un bo obxectivo sempre que “a medio e longo prazo” -cuestión aleatoria neste momento- culmine nunha máis xusta estrutura educativa que resulte difícil de remover ao primeiro de vez. O pasado foi pródigo en enconadas alternancias estériles.

O demais é aclaratorio do principal. E é que a LOMCE sintetizou gran parte das aspiracións dos sectores máis reacios a que o sistema educativo se modernizase en profundidade e fora quen de adoptar as mellores prácticas en beneficio igualitario de todos os españois. A liberdade e a universalidade do dereito á educación que recoñece o artigo 27 da CE han ter nesta lei a súa interpretación máis parcial. Desexable, xa que logo, é que se revise a fondo ese articulado, de modo que se compatibilicen ambos dereitos e se blinde o seu exercicio sen demérito para o ensino público; e posible é ir dando pasos significativos nesa dirección “sen présa pero sen pausa”, con fórmulas concretas que freen o deterioro sufrido. O intolerable é que a educación siga sendo o primeiro chanzo para privilexiar modelicamente a grupos que aumenten, con diñeiro público, a fenda social a medida que medre como negocio e forma demostrativa da diferenza. Só será excelente se cumpre como sistema de cohesión social e unidade moral de convivencia.


Nas palabras da ministra se trasloce, ademais, unha relevante atención á Formación profesional. A súa experiencia no País Vasco poderá serlle de gran utilidade para que esa vía educativa alcance, ao fin, no imaxinario colectivo recoñecemento suficiente. Máis aló do ampliado nome do seu Ministerio, será crucial unha mellor redefinición da segunda etapa diso de modo que non resulte tan temperán discriminatoria como está sendo. Desde a reforma primeira na LOXSE -e desde as precedentes nos anos sesenta e setenta de Lora Tamayo e Villar Palasí-, a definición polivalente dese final da Secundaria Obrigatoria converteuse en clave para a calidade do sistema educativo. En todo este tempo, o discurso -social e político- sobre a educación, sempre estivo viciado por razóns máis ou menos relacionadas con esa etapa. Recórdense aqueles estigmas de “baixada do nivel” ou de “exebeización do sistema” que tanto serviron de escusa para frear os intentos democratizadores. Pero como expoñente de fallos e progresos, aí seguen os tercos datos do moi azacaneado “fracaso e abandono escolar” existente, o gran reto a superar sen portas falsas máis aló dos compromisos con EUROPA-2020.

Que eixe vertebrador?

Sen desmerecer de tan principais asuntos, nas respostas de Celáa aparecen conexos outros de gran valor. Veremos se unha vez máis, e ata onde, son instrumentados para vender o posible como substituto do necesario, esa historia cansina que, desde 1812, na Constitución de Cádiz, non cesa. Nela entran a Relixión ou as relixións e a ideoloxización -cuestión bastante máis ampla que a que pretende cinguirse á súa presenza no currículum-; o papel da privada e dos colexios concertados no sistema, que tanto alenta unha das liberdades menos libres: a da elección de centro; e, cun alcance maior do que cabe intuír na entrevista, a formación do profesorado, ese intanxible tan sobado como desatendido, e a participación democrática na xestión modernizadora das aulas, un dos mellores signos do valor que se lles asigna.

Se no medio de tanto avatar impredicible como o da política actual-“de urxencia”-, a ministra e o seu equipo poden manterse consecuentes con que “o ensino público é o eixe vertebrador do sistema” e non a criada de servizo, xa será positivo. Será digno e xusto, equitativo e saudable.

TEMAS: Educación pública. Pactos educativos. Programa de Goberno. ISO. LOMCE. Formación profesional. Fracaso escolar
.

Manuel Menor Currás
Madrid, 21.06.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario