A opinión dos docentes...non conta?

6 jul 2018

Sen equidade, a excelencia adultera o sistema educativo público

Sos ou non no Universo, tratamos, en exceso, de modular a individualidade diferencial. Os acentos dualizadores pautan condutas antidemocráticas.

Segundo un estudo recente de Oxford, sería imposible que existise vida no Universo. Estariamos, pois, sos na Terra. Con todo, aínda que non hai evidencia de que haxa vida intelixente, tampouco a hai de que non exista noutras estrelas desta ou outra galaxia. Si hai evidencias, en cambio, de que o ser humano foi un animal depredador, mesmo carroñeiro , e inquidantes son os sinais de que segue con esa querencia.

Durante millóns de anos viviu da depredación de froitos silvestres, a pesca e a caza. Só desde o Neolítico, cando empeza a colaborar coa Natureza trala invención da agricultura, cesa ese sistema único: sería cara ao 10.000-8.000 a. C. En todo o tempo anterior, incluído o Paleolítico Superior, que data en Europa do 40.000 a. C., en que chega aquí o Homo Sapiens logo dun amplo percorrido espacial e evolutivo, aliméntase similarmente a outros animais. A Lucy, o fósil do Australopithecus afarensis atopado en Etiopía o 24.11.1974 polo paleontólogo Donald Johanson, calculáronlle 3, 2 millóns de anos. andara ergueita e tiña os pés similares aos nosos; distinguíase doutros primates, pero a súa árbore filoxenética tiña detrás varios tipos de homo, homínidos e hominoideos, ata chegar aos primates de fai 60 millóns de anos, tamén ascendentes de simios actuais. Este cronograma fai comprensibles -que non xustificables- comportamentos que emerxen cando esas habilidades primeiras entran en conflito coa civilidade que a cultura creou para adozar o trato entre os seres humanos, iso que a Aristóteles lle facía apreciar a vida na Polis, antecedente do que hoxe chamamos civismo: as formas de respecto, filantropía e humanidade que evolucionaron para ser -hai ben pouco- recoñecidas como Dereitos humanos universais e principios constitucionais democráticos.

Depredadores e selectos

Canto contradi a súa aprendizaxe arrastra indicadores da brutalidade: forza, abuso, e afán de dominar a outros ou outras; actitudes con xestos de chulería, patriarcalismo, misoxinia e balbordo triunfalista, que adoitan vir acompañados de ignorante grosería. Ou de hipócrita xestualidade supostamente “culta” cando, hostil a toda humanidade, pregoa -a soas ou en manda- exitosos danos aos máis débiles. Leopoldo II de Bélgica (1840-1909), coas súas andanzas coloniais xenocidas no Congo, exemplifica á perfección toda a canallada que a historia humana, antes e despois, soportou. Pero... ollo ao presente! A xenofobia que Europa tolera hoxe cos refuxiados -contradicindo os seus tratados como UE- tamén, xa que en cada ser humano aniña a idea, ao dicir de Sartre, que “o inferno son os outros”.

Os demais son a medida e o límite de nosa propia liberdade e personalidade, o desafío constante dos nosos encontros e desencontros como humanos. Só no seu descubrimento e cultivo reside a construción dunha moral colectiva que mellore a convivencia: esa aprendizaxe relacional é a obriga da boa educación -igualitaria- a que todos os cidadáns teñen dereito. Non pode ser, xa que logo, que a vida en sociedade continúe sendo, á altura de 2018, unha permanente rifa de patio de colexio. Urxe que desapareza esa competitividade que a última expresión do acomodaticio art. 27CE, a LOMCE, promove como estímulo depredador dos máis selectos da tribo a modo de bandeira dunha educación pública de calidade.

Un mozo de 19 anos, Francisco Tomás y Valiente, neto do expresidente do Tribunal Constitucional asasinado por ETA, ao recibir un “premio de excelencia” da Comunidade de Madrid acaba de alegar, como sentido do ensino, que “a prioridade non podemos ser aqueles que obtemos resultados considerados como excelentes, senón aqueles que teñen máis dificultades”, porque outro elemento esencial da calidade educativa é a equidade. ¡Non cabe mellor acoutación ao soliloquio dos investigadores de Oxford, extraterrestres como moitos xestores do noso sistema educativo!


TEMAS: Educación pública. LOMCE. Artc. 27 CE. Excelencia educativa. Equidade. Dereitos Humanos.

Manuel Menor Currás
Madrid, 29.06.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario