A opinión dos docentes...non conta?

16 jul 2018

Previr a intolerancia é salvar o estilo de vida democrático


A UE estimula a cooperación dos centros educativos coas administracións e os cidadáns, e que se amplíen as competencias dos docentes

A ministra de Educación defendeu que haberá que crear unha “asignatura obrigatoria en valores cívicos e éticos”, o que non pareceu gustar aos bispos, que din temer que se impoña “unha ética deEstado”. Este xogo contraposto entre dous modos de entender a educación sostendo os medios para que siga sendo confesional, remítenos ao que o Vaticano e España empezaron a pactar o 28.07.1976, logo de 40 anos de intenso control moralizante. Mentres en Francia hai 113 anos que decidiron evitar interferencias eclesiásticas, nós acumulamos moitos atrasos na axenda educativa,entre eles unha inusitada trazabilidade de confesionalidade no currículo escolar, coa súa inmediata repercusión no alumnado pola súa facilidade para a boa nota. Para os promotores da LOMCE, o privilexio tamén alcanzou aos profesores de Relixión: en Andalucía, por exemplo, un 12% nin dan clase, pero seguen aí a diferenza dos interinos, pendentes de que se revirtan os recortes de 2012.

A aritmética parlamentaria non facilitará a Isabel Celáa que a súa xestualidade verbal modifique moito a vida escolar. A estratexia episcopal, en cambio, pode mover aos seus máis ruidosos fieis cara a novas cruzadas. Talvez por iso, a cambio de que non poña pegas co que vaia acontecer en Cuelgamuros, xa estea apalabrado o xeito de facer case nada no ámbito educativo. O certo, con todo, é que, non só á luz da nosa contorna sociopolítica, senón por razón das sacudidas que recibe a convivencia a escala internacional, europea e española, urxen políticas que ofrezan un sistema moral compartido, valiosas para potenciar a tolerancia entre todos os cidadáns. Non se cobre esa urxencia con fundamento confesional. Habitualmente excluínte das regras de vida doutros, o privilexiado en España desde 1851 acumula -nun minguante panorama de practicantes- grandes parcialidades históricas e morais: curas e bispos ultraconservadores e de aire cismático, clásicas intransixencias en cuestións de sexo e dereitos das mulleres, e outras actitudes nada exemplares.

O Informe RAXEN

O ensino pluralista en valores cívicos vén urxido polo inquiedante panorama de datos que mostra o Informe sobre evolución dos incidentes relacionados co odio en España, 2016, do Ministerio do Interior. As razóns de manifestacións e delitos de odio e intolerancia son variadas: misoxinia e sexismo, disfobia e aporofobia (contra os pobres), homofobia e transfobia, negrofobia e afrofobia, antixitanismo e romafobia, islamofobia e outras intolerancias relixiosas, antisemitismo e xudeofobia, xenofobia e populismo antiinmigrante, ciberodio -máis dun milleiro de Webs e sites en Internet-, violencia futboleira ultra e ata música racista. Os crimes, delitos e incidentes detectados por estes capítulos foron 1328 en 2015 e descenderon a 1272 en 2016, pero foron especialmente crecentes en razón de racismo ou xenofobia ( 32,7%), discapacidade ( 20,6%), ideoloxía ( 20,4%), e orientación ou identidade sexual ( 18,1%). O Informe RAXEN, do Movemento contra a Intolerancia que lidera Esteban Ibarra, engade ás entre 4.000 e 6.500 vítimas destas agresións, a luctuosa suma de 80 falecidos desde a morte de Lucrecia Pérez en 1992. Se se suman os 30 feminicidios anteriores ao nove de xullo -a sumar aos 720 acaecidos desde 2007- medra a urxencia.

Hanse de fortalecer, pois, as razóns comúns da convivencia e crear un ensino baseado en valores cívicos, asentado nos Dereitos Humanos compartidos por todos. Non será porque a UNESCO non o propugnara reiteradas veces, entre elas no consello executivo de 23.11.2015, alertando sobre o urxente de que “os educandos sexan cidadáns do mundo creativos e responsables”, para fortalecer a Axenda 2030 da ONU en prol dun Desenvolvemento Sostible. As recomendacións do Consello Europeo e da UE tamén camiñan no mesmo sentido: promoción da cidadanía e os valores comúns de liberdade, tolerancia e non discriminación a través da educación.


TEMAS. Dereitos Humanos. Valores democráticos. Confesionalidade escolar. Artigo 27 CE. Acordos España-Vaticano (1976-79). UNESCO. Consello Europeo. Informe RAXEN.


Manuel Menor Currás
Madrid, 12.07.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario