A opinión dos docentes...non conta?

6 jul 2018

As leccións dos mestres depurados necesitan atención


Un Centro de Documentación e encontro para os que queiran mellorar o sistema educativo de todos axudaría a crear un relato común compartido.

A derradeira lección do mestre, é un cadro de Alfonso Rodríguez Castelao que serviu de matriz para un selo da II República en 1939. Esta especie de “Guernica” do desastre infrixido polo franquismo á educación española abre un libro recente de FE-CCOO (Federación de Ensino de Comisións Obreiras) con motivo do seu 40º aniversario. O intento republicano de reducir o analfabetismo -especialmente alto no mundo rural e entre as mulleres- e dotar ao sistema educativo anterior de modernidade científica e pedagóxica foi erradicado violenta e sistematicamente. A grisura resultante motivaría, máis tarde, o agromar da rama sindical de Comisións para os traballadores do ensino.

A depuración
Ao entrar nunha cidade, os vitoriosos golpistas depuraban a todos os funcionarios do Estado, con especial coidado se eran profesores ou mestres. O protocolo a seguir, herdeiro dun pasado pródigo en censores, oficializouse nas páxinas do BOE desde novembro de 1936, afinado, entre outros, por José María Pemán. Estes reinventados afáns produciron aos seus inspiradores grandes beneficios, pero xeraron múltiples danos e damnificados, en particular á ILE e á Xunta de Ampliación de Estudos (JAE). Profesores eminentes do seu Instituto Escola (IE) tiveron que exiliarse e a súa memoria foi sepultada ata tempos recentes. A dirección dos centros que o IE tiña en Madrid -en Hipódromo e Retiro-, foi encomendada a xentes que odiaban os seus currículos e obxectivos fundacionais; os seus novos nomes -Ramiro de Maeztu e Isabel a Católica- simbolizaron a execución de idearios educativos opostos. Así o ordenou o ministro Pedro Sainz Rodríguez o 04.04.1939, quen suprimiu de paso sete dos Institutos de Ensino Medio que entón tiña Madrid.

A fenda
As perdas ocasionadas á educación pública con estes e outros procedementos do medo e a sospeita xeraron unha fenda que, en aspectos non superados logo de 1978, segue motivando queixas pese a case oitenta anos transcorridos. A universalización do dereito á educación -entendida a escolarización ata os 14 anos- tardou cincuenta en ser posible e, ampliada nos 90 ata os 16, aínda soporta rémoras ralentizadoras de que os logros da democratización interna das aulas, os seus currículums e metodoloxías sexan xeneralizados, ou que os modos de atención á enorme diversidade de alumnado existente e ás necesidades urxentes que suscita a información, estean ao alcance de todos os cidadáns coa dignidade que merecen, mentres se sostén unha discriminación manifesta entre centros educativos que reciben recursos do Estado e se facilita que medre a privatización educativa como negocio.

Da fenda cultural que nos anos 30 do século XX se provocou no ensino público, son ben coñecidas as perdas de mestres e profesores, a degradación a que foi sometida a profesión docente en moitos aspectos ou como se incrementaron privilexios que nunca serían corrixidos nin en anos de crises. Ademais, grazas á colaboración de investigadores de disciplinas diversas, puidéronse recuperar moitas historias persoais que deberían servir de modelo ao profesorado actual e aos que teñen a responsabilidade da xestión educativa. Entre moitas outras, unha cuxo puzzle de datos é hoxe intelixible e memorable, é a do mestre pacense Francisco Romero Carrasco, catedrático de Matemáticas na Normal de Segovia, amigo de Machado e Blas Zambrano. Ocupado na boa educación do alumnado que tivo encomendado, foi asasinado e enterrado na Fosa dos Mestres (en Cobertelada, Soria).

Agora que en Cuelgamuros se fará un memorial democrático, non sería pertinente que Educación crease -entre as urxencias do posible- un “Centro Documental da Historia Educativa da España Actual”? Os interesados na mellora do ensino difícilmente colaborarán lealmente no que falta por facer se non parten de compartir o coñecemento do que se perdeu.

TEMAS: Memoria histórica. Centro documental da historia educativa da España actual. Depuración maxisterio. Queixas cidadás. Cuelgamuros. Fosa dos Mestres. Última lección do Mestre.

Manuel Menor Currás
Madrid, 05.07.201

No hay comentarios:

Publicar un comentario