A opinión dos docentes...non conta?

16 jul 2018

Prensa e Educación modernízannos ao unísono


O amarelismo como arma de desinformación masiva medra na prensa. Currículos trasnoitados e acríticos seguen na LOMCE. Todo pola felicidade.

A portada de ABC do cinco de xullo, resumía o que adoita ser moita prensa con máis frecuencia da desexada: un medio de axitación, distracción e despiste do persoal, do que só sacan beneficio selectos grupos de interesados en que non se lles mova a súa poderosa arrogancia, cada vez máis afincada en privilexiadas prebendas a conta de paganos descoñecedores das enleadas de concesións variopintas, case sempre esenciais.

O pretexto último é o dos acordos respecto da dirección de RTVE. Parece que aos redactores de mensaxes que aludan ao cambio no medio, déronlles carta branca para tirar grosas pedras aos que disintan de “o que hai”, vixente “como Deus manda”. Estes emisores da “verdade”, na súa pretensión absoluta do espazo público, son os herdeiros directos da tradición cainita do branco e negro, que reparte o mundo entre salvados e condenados, anxos e demos, e similares maniqueísmos.

Vista así a historia, este activismo medievalizante, emparentado cos xeitos en que o andro e eurocéntrico eran un modo de ver tan uniforme como as forzas inquisidoras eran capaces de embridar, segue esixindo aos habitantes do territorio hispano que sigan vivindo baixo protección. Minorizados, pois, haberán de contemplar con arroubo como lles contan esta evolución de acontecementos xestuais, en que o acordado respecto da desexada RTVE -illado de que o PP pedise determinadas prebendas para participar na decisión- se encadea, de seguido, coa “beatífica” secuencia inconclusa de como o 20% dos seus cotizantes -pouco máis que cadros e cargos- elixen á súa futura presidenta ou presidente. Por si mesma, a última parte desta película, ten ingredientes para detectar cal é a súa obxectiva paixón pola desinteresada verdade. Xa cambian sobre a marcha, por exemplo, o seu vello mantra respecto da lista máis votada.

A modernización infantilizante
Xamais fomos modernos,aseguraba Latour en 1991. A relatividade depende ao lado en que se contemplan as cousas e de que sempre hai quen di ver máis e mellor que os demais para impoñerlles a súa mirada. Non é exclusivo de España, aínda que aquí nos sexan familiares moitos dos seus protagonistas, donos ou homes de palla en medios poderosos ben engraxados de recursos. Saben que información é poder, sobre todo se está ben controlada e dosificada. E ao seu favor corren os aires que sopran desde un Norte, marcado polos aliados de Trump, que vigoriza a idea de que á xente lectora ou receptora de emisións de todo tipo, o que debe importarlle é o simplismo infantilizante do que entretén e divirte, sen advertir que desorienta e aparva. Nese campo de xogo, o que conveña á cidadanía de verdade saber, especialmente á máis sensible aos seus dereitos e liberdades, parece quedar relegado aos tratados de politoloxía, ás teorías comunicacionais e a cantos contemplan a linguaxe como simpático don político no plano filosófico-aristotélico.

O urxente, pese a iso, é ver que se está perdendo na razón de ser da educación e os medios, e que está pasando con esta dinámica en que os Big-Data están incrementando a ritmo acelerado a súa presenza nas interaccións dos suxeitos sociais. O xornalismo como Cuarto poder -coa súa razón de ser desde finais do XVIII no control dos outros tres- camiño vai de ser imposible: se non é servil, se volatiliza. E unha educación ao servizo desta verdade segue programándose minuciosa, con obrigadas avaliacións de pautas xenéricas encamiñadas a que o virus da dúbida non prenda nunca nos educandos. A verdade, entre tanto, vén xa de novo do alto, da “nube” onde os nosos hábitos, códigos e afeccións son gardados -con pago condicionante da nosa fidelización- a maior beneficio dun novo feudalismo. Que ensinante ou que xornalista se atreverá a contradicir os algoritmos dese mundo feliz en que xa andamos metidos? Quen cuestionará que nos estean “modernizando”, polo noso ben coma sempre?

TEMAS: Liberdade de expresión. Educación reproductora. Big-Data. Calidade educativa. Eleccións PP. Recambio en RTVE.

Manuel Menor Currás
Madrid, 08.07.2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario