A opinión dos docentes...non conta?

14 oct 2019

A nosa historia recente aínda ten complexos pendentes

Hai persoas e grupos relevantes aos que os 40 anos últimos non lles reduciron o desamparo. Desmenten que exista Transición.


É posible que cedese nas súas pegas ao que vai suceder, cara ao 21 de outubro en Cuelgamuros. Pero oír ao prior dos benedictinos daquela abadía e, sobre todo, a un dos seus monxes -supostamente consecuente co que lle ensinaron no seu noviciado- é remontarnos ao que era doutrina segura en tempos oficiais do nacionalcatolicismo. Inmunes a calquera atisbo de cambio que poida traer o paso do tempo, perseveran en mirar ao mundo e ás persoas que nel habitan como antes do 20.11.1975 e séntense desamparados.

Dos seus admiradores e adeptos, poderá saberse máis no desenlace que unha parte das cuestións de Cuelgamuros parece ter próximo. Complementariamente aclaratorias poden ser as estatísticas sobre crenzas e prácticas relixiosas, como así mesmo as relativas a perspectivas de voto dalgunhas formacións políticas, indicadores estes que, de todos os xeitos, non deberían facer perder de vista que o medo, a inseguridade e outros ingredientes, condicionaron sempre a volubilidade das persoas e grupos sociais respecto ao fondo mutante destas mesturas do político e o supostamente relixioso.

Conversos
É moi antiga -diríase que de sempre- a tendencia gregaria a non desentoar e, a continuación, facer o que diga o mandamáis da tribo ou do barrio. Confírmano as supostas “conversións” en masa de grandes colectivos -dun amplo territorio ás veces- de que hai documentación. Do que pode lerse no Museo Naval sobre a exposición conmemorativa da viaxe de Juan Sebastián Elcano e Fernando de Magallanes ao redor do mundo, é relevante neste sentido que o cronista Francisco Albo menciona como, o domingo 14 de abril de 1521, “o rei e a raíña de alí con moita xente fixéronse cristiáns con boa vontade”, cambiaron os seus nomes polos de Carlos e Juana, recibiron o agasallo dunha imaxe que hoxe é coñecida como o Santo Neno de Cebú e, ademais, axuda militar e consolidar, como aliados do rei de España, o seu poder sobre outros reiciños da zona.


Abundan testemuños similares, algúns bastante máis próximos. Os relativos, por exemplo, ás masivas procesións de penitencia e misión ou ás da Virxe de Fátima, que, na postguerra sobre todo, foron de obrigado cumprimento para os superviventes daquela contenda. Está en múltiples relatos, como o de Paco Ignacio Taibo I á mantenta de Oviedo: Para parar las aguas del olvido. Pode verse no gravado por NODO para emitir en todos os cines desde 1942 ou, tamén, na historia que escribiu Enrique Berzal para Ámbito en 2002: Valladolid bajo palio. Iglesia y control social en el siglo XX. E se se comparan eses testemuños con outros máis afastados, como os que temos do acontecido nos séculos IV e V d. C. segundo se impuxo “triunfo da Igrexa” sobre “os paganos”, verase que, no percorrido de tan acendrada tradición, non hai gran diferenza de actitudes, comportamentos e fidelidades.

A fluctuante duración destas no tempo, a súa inflación e deflación ata a irrelevancia, e ata o cambio, en canto ao universo de crenzas -cos seus procesos de secularización variopintos-, teñen a súa propia evolución, variable segundo períodos históricos e, ata, segundo persoas e grupos do mesmo momento. En cada un houbo -e hai- determinados instrumentos para soster a fidelidade e as alianzas cunha posición determinada. Hai pouco eran noticia as averiguaciones dun investigador, na Universidade de Granada, respecto dos manuais para confesores dos séculos XVI e XVII, un estudo con precedentes no que sabemos sobre a Inquisición, e que non é difícil de facer para cantos teñan acceso aos libros de teoloxía moral vixentes ata os anos sesenta. Hai igualmente persoas por medio -ministros, ministrillos e acólitos-, encargadas de manter o estandarte ergueito. Pese ao cal -ou en razón diso, segundo se mire-, a erosión e transición de situacións hexemónicas a outras en que os modos de ver e considerar cousas e persoas variaron moito, é inevitable o cambio e reformas de diverso calibre.

Nestas variacións e as súas disputas, é importante non perder de vista que os términos e palabras que se empregan para falar son -como en calquera outro asunto- de especial relevancia. Sería moi confuso, por exemplo, meter nun mesmo paquete semántico as máis de 3.000 referencias de primeiro nivel que poden incluírse no término “IGREXA”. Moitas persoas, e sobre todo as máis interesadas en non aceptar crítica nin restricción algunha neste ámbito cultural, utilizarán todo tipo de argucias, incluídos insultos, para desprestixiar a quen ouse meterse nel. Para esta, a miúdo cregos, o uso ad libitum do termo “anticlerical”, no seu aspecto máis despectivo e ignominioso, nin a pecado venial lles chega. Parten de que é sagrada obrigación, emanada dalgunha verdade absoluta de que se senten partícipes e ata empregarán para defenderse algún dos aspectos máis vistosos que -aínda que puidese estar moi afastado dos seus comportamentos persoais- lles veña mellor na súa pelexa dialéctica con disidentes. Co pretexto de que Deus está con eles, difícil será que se apeen da súa rudeza ética. O Deus lo vult é argumento de longo tradición, e máis cando ao poder político e económico veulle ben para xustificarse ante a xente do común, aquel Terceiro Estado do Ancienne Rêgime anterior á Revolución Francesa de 1789.


Cruzados
A extemporánea posición do abade de Cuelgamuros recorda a que, segundo a laudatoria apoloxética dos mártires e as súas xestas, pasou dos Martiroloxios á Lenda dourada e, por extensión, ás vidas de santos que, como “boas lecturas”, se propagaban -especialmente en internados e colexios relixiosos- para exemplo de infantes e adolescentes. Non se esqueza, doutra banda, que o monumento e o que contén, o modo sacrificial con que foi construído e a secuencia de obrigacións que os monxes do convento adquiriron para ser beneficiarios duns recursos públicos cuantiosos, teñen como referencia “os mártires por Deus e pola Patria”, unha simbiose de alto nivel simbólico como o foi a da Cruzada xa antes.


Tampouco se esqueza que niso xogaron moitisimo  o currículo obrigatorio de Historia desde o canon que, segundo precepto excluínte de Don Marcelino Menéndez y Pelayo cos seus heterodoxos (1880-82), foi establecido por José María Pemán (1938), o Instituto de España (1939) e moitos epígonos en sucesivos libros de texto para as escolas, por exemplo, o de Demetrio Ramos, quen nos anos setenta, na súa cátedra de Historia de América, non esquecera o que escribira na súa Historia del Imperio (español, claro), que lle publicase o Ministerio de Educación Nacional en 1942.

E non se esquezan, en fin, os instrumentos xurídicos que seguen amparando unha presenza tan estraña como a que poidan suscitar os agora destemplados criterios que exhiben este prior e o seu ínclito compañeiro. A través dos Acordos que se asinaron entre 1977 e 1979 co Vaticano, aí segue vixente a cultura de privilexios eclesiásticos que, en 1851 e 1953, protexeron eses intereses. O numantinismo destes monxes non é nada comparado co que sucederá cando algún Goberno se atreva con ese núcleo de poder. Os complexos que, sen complexo, se mostran estes días en torno a Cuelgamuros serán un remedo das sensibilidades que con este outro motivo se espertarán.


TEMAS: Constitución. Historia actual. Privilexios. Acordos de 1979 co Vaticano. Cuelgamuros.


Manuel Menor Currás
Madrid, 13.10.2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario