A opinión dos docentes...non conta?

26 abr 2020

A medida que se achega o final medran as dúbidas




Non só é que o económico vaia a dar un envorco. Moitas vidas non serán o mesmo. O problema é se non van ser libres para decidir sobre as súas vidas.


Imos camiño do mes de maio e no túnel empeza a albiscarse a saída á luz: a desescalada está cerca. Namentres, medra entre os viandantes deste buraco a inquietude do que haberá despois.



Mensaxería

A escuridade e o aparente parón do tempo fixeron o seu traballo. O móbil e internet axudan a comunicar cousas, enviar mensaxes e consellos, redefinir os modos de facer magdalenas ou cultivar os xeranios na alféizar da fiestra. Todos dan sinais de que existen, sobrepuxéronse á peste ou de que os rozou ou pode rozalos; moitos han ter algún achegado que se foi e nin sequera puideron despedirse del. Todos se senten aflixidos por algunha ou outra razón, porque houbo un corte brusco na súa vida “normal”, porque “a curva” pasoulles por riba ou porque a sorte estalles dando as costas.

E a anormalidade fixo abrollar a teima de pensar; todos pensan máis no túnel. E todos se mandan os seus pensamentos pola vía virtual, senten necesidade de contar o que pensan, afixéronse á prótese do móbil e móveno con gran intensidade: 20, 30, 1000 mensaxes diarias. É un non parar de mensaxes que tratan de atopar parella: a ver se este pensa como min, a ver se eu penso coma os outros, a ver se medra a tribo dos que pensamos o mesmo. O móbil e o iPad estanlle gañando ao ordenador a partida da eclosión do pensamento. E da educación, claro; todos nos educamos ou pretendemos educar os outros co que pensamos que debe saber, e os demais intentan o mesmo.

Educación Online

Os ministros de universidades e dos outros niveis educativos, os conselleiros autonómicos dos asuntos educativos, pensan que o sistema online é a solución a moitos dos problemas que lles suscitou o parón deste túnel.

E se tivésemos xa no peto a proximidade do campus universal, sen necesidade ningunha de ir ás instalacións físicas de colexios ou universidades, ás aulas, aos profes e departamentos, aos libros e bibliotecas manoseables? E se as materias, programas, plans de estudos, bibliografías, presentacións de traballos académicos, textos, anuncios, consignas, recados, proxectos de fin de carreira ou do que sexa, só se fixesen en diante Online? Sería mellor ou peor, máis barato ou máis caro, merecería máis a pena ou menos? Sería máis accesible e máis económico? Prepararía ben á xente que necesitan as empresas para que puidesen acreditar as súas ganas de traballar no que lles digan? Terían estas que complementar aquilo con outro cursiño adaptado ao posto? Necesítase máis? É definitivamente inútil o demais, sen que nos rifar a todos Nuccio Ordine? Onde está a modernidade? ... Podería reducirse todo o ensino a puro teletraballo? Pero, sobre todo, Non se solucionaría dunha vez a constante carencia de medios, recursos e pouca preparación que moitas veces teñen os sistemas que actualmente temos en funcionamento analóxico e presencial? Podería o ensino público dunha vez ser público, gratuito e de gran nivel de esixencia para todos? Acabaríanse as protestas de mareas que marean aos responsables da xestión porque sempre fallan? Protestar será en diante algo só virtual? Haberá que protestar por algo?

Ben. Vaia vostede a saber que nos depara a saída do túnel. De momento, alégase que, igual que din que se fixo un bo traballo Online -vaia vostede a saber-, boa parte do inmediato, exames, acreditacións dos niveis educativos que quedaron no aire quérense encamiñar por aí. A aprendizaxe real que se obtivo non parece que interese moito: é difícil de evaluar como é difícil de construír. A tradición educativa é que case sempre interesou máis o contido, o saber recitar o que hai que saber e punto, porque todo o demais non interesa: Sabes os reis godos?, pois xa sabes Historia. Non nos sabes?, suspenso. Coa asepsia que hai que ter estes días de pandemia, xa nos estamos adestrando en que para que o rozamento diario, o ver que cara pon alguén cando atende e entende, como reacciona fronte ao que descoñece e quere pescudar, que pinta ten o profe e por onde leva a súa área de coñecemento, que merece a pena pescudar e que non, se ten ou non interese a curiosidade por saber algo, solucionar unha dúbida e cousas así. Interésalle algo a alguén ou só interesa repetir o que xa parece que sabemos e que se non o repetimos somos ignorantes?


Os sanadores


Tamén, floreceron os sanadores virtuais no noso móbil. Hainos de moi diversa transcendencia oportunista. Desde os emprendedores que aproveitan as nosas baixas defensas para coarnos un anuncio do seu: un seguro, un coche, unha crema, un banco, ou o que sexa da vida diaria; todo en plan de arranxarche as necesidades que teñas e mándancho por mensaxería. Non fai falta que os vexas e saibas  a pinta que poida ter aquilo que che queren vender; nin fai falta que mires a letra pequena do que che ofrezan: total para o que serve?

Os mellores son os dos telepredicadores a domicilio que se quedaron con ganas de ser predicadores con púlpito físico para botar o sermón cada semana. Teñen a vantaxe de que, en plan virtual, poden largar todos os días; os amigos do chat, do blog ou da web non teñen máis remedio que aguantar ou facer que o escoitan, ségueno e responden cun imoji ou dous e un gústame, gústame moitísimo, segue así que vas moi ben.


Nesa situación séntense unxidos de verdade e xa nos recriminan. Xa non lles basta con seducirnos con cousas de dereitas ou de esquerdas; saben que non é o mesmo e segundo vexa de que vai a marcha, o telepredicador espabilado sabe por onde ten que levar a prédica: que se contra o Goberno, que se a favor do Goberno, que se non se aclaran os do Goberno, ou que se estivesen os outros non se equivocarían tanto e teriamos un país fetén e que viva España. Hainos máis metafísicos aínda e ata trascendentais. Son os salvadores virais. Atoparon a pedra filosofal e véndennola coa súa reflexión profunda. Agora xa non é só que o COVID-19 sexa unha ocasión inesperada e providencial para cambiar as nosas vidas pecadoras e que, de paso, salvemos ao Planeta e, por suposto, a todos os nenos famentos que haxa no mundo porque xa víramos que polo camiño que andabamos iamos ao precipicio e ao inferno. NON. A súa reflexión tende agora xa a conmovernos por dentro un pouco máis; poñen o grito en que se somos ou non “débiles” e “sumisos”, que se con Goebbels as cousas foron como foron porque a xente é como as ovellas, que se deixan convencer por calquera cousa?

Menos mal que, ao fin, a súa lucidez dinos por onde sae o sol, porque con tanto tempo no túnel, xa nos esquecemos. Polo si ou polo non, estean atentos a tanto vixiante como está florecendo: cando lles dea a luz de verdade ou cando os nenos os acompañen pola rúa, téntense a carteira, non sexa que quedaran sen ela. Nin o virtual será tan virtual, nin o analóxico será o que era.


TEMAS: COVID-19.- A desescalada.- Telepredicadores.- Moralina viral.- Educación Online


Manuel Menor Currás
Madrid, 25.04.2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario