A opinión dos docentes...non conta?

19 jun 2020

Educación e Turismo: nova normalidade





Na reconstrución actual, parece que primen intereses sectoriais, coma se fosen independentes e os fíos da Economía non tivesen que ver.

No sétimo parágrafo do Prólogo da LXE, de catro de agosto de 1970, recoñecíase que a educación é “unha permanente tarefa inacabada”; estes días púidose comprobar que estamos en que non se acabe nunca. A ministra Celáa presentou a debate no Congreso unha nova lei educativa que substitúa á LOMCE e volvemos a oír as mesmas voces que, nos anos 40 do século XIX, clamaban pola liberdade. Antonio Gil e Zárate -un dos liberais demócratas que máis sabía de asuntos educativos- deixou abundantes testemuños diso, sobre todo unha gran referencia a esta cuestión central en 1855, na primeira historia da educación española que merece o nome de tal. Volveron ao Congreso vellos lemas sobre a protección dos nenos, a calidade e demais parafernalia que, cando eramos pequenos, pregoaba aquela Reforma do Ensino Primario de 18,07.1945 e, antes, a de Secundaria, do 20.09.1938.

En nome da liberdade, na educación española -como noutros moitos aspectos da vida da cidadá- díxose e fíxose de todo: ata se amordazou á xente durante anos e anos. Salvado o primeiro escollo no Congreso, poida que salga adiante esta LOMLOE -aínda que os acrónimos das leis orgánicas se compliquen xa en exceso-, pero moitos dos aspectos que merman a liberdade da educación, no sentido tan reclamado tamén no século XIX de liberdade de investigación e saberes que cheguen a todos por igual e con prontitude , tardarán en chegar. Seguirán aí moitos dos freos que se lle foron poñendo ao longo do XIX, e que historiadores de tanto prestixio como Manuel de Puelles, Antonio Viñao e unha pléiade de investigadores de valía foron desvelando. Xurxo Torres que estudaba hai pouco como se producía hoxe a construción de personalidades neoliberais e neoconservadoras, desde o sistema educativo, dá moitas claves para que quen queira decatarse vexa cales seguen sendo as razóns polas que esta lei, se sae ben parada do Congreso, sairá con bastantes limitacións á liberdade democrática, non á dos lemas que propagan uns medios fieis aos que se ocupan de intentar confundirnos. Non é o mesmo.

Nova normalidade

Houbo un Ministerio -hai que recordar- de Información e Turismo. Foi un invento de 1951 que asumía competencias de distintos organismos pero, sobre todo, o que fora propaganda en prensa, publicacións e espectáculos, compoñentes diversos de censura e, por suposto, os primeiros atisbos de política turística que se iniciaron na Ditadura de Primo de Rivera nos anos vinte. Todo cambia para permanecer idéntico: sería unha forma de mirar, na dúbida de se Heráclito tiña máis razón que Parménides ou ao revés. O feito é que Turismo anda agora ligado a Industria, mentres que Información navega, segundo se mire, entre Educación, Cultura e Universidades, unha tríada cuxa unidade depende de Economía.


Vén a conto esta excursión polo pasado dos nosos ministerios do que sexa, para tratar de entender onde andamos; de xeito evidente parece que na suposta “nova normalidade” en que entramos agora, non é bo momento para cambios profundos en Educación e conformarase cunha epidérmica antiLOMCE. Ten máis tirón a economía inmediata: o turismo ou a automoción, por exemplo, e ata as terrazas dos hosteleiros acapararán moita máis atención e recursos, claro; non digamos o fútbol, ese tótem incombustible. No mellor dos supostos, seguirán campeando no sistema educativo aspectos tales como a discriminación que subxace trala rede privada de centros, o seu crecemento desproporcionado a conta dos impostos de todos e, de engadido, as diferentes idearios que exhiben uns e outros centros -uns e outros profesores no seu nome-, con interrupción consciente de que o dereito a que a universalidade da escolarización non coarte coa súa dignidade as supostas liberdades de elección de centro que poidan ter os máis selectos do lugar.


O vello

O asunto central é a economía educativa: o seu reparto proporcional seguirá intacto. A educación española actual ten uns recortados orzamentos que son expresión e froito da desigualdade subxacente; o gasto público que temos neste sector é dos máis baixos da UE-15, mentres os gastos privados son dos máis altos: 0,60% do PIB fronte a unha media europea do 0,36%. Este contraste falaría, segundo non poucos analistas -contrastado polos especialistas en avaliación- de como os grupos sociais de renda máis alta se desligan da escola pública porque cren ter o problema resolto e non teñen interese en influír nos medios e na vida política para que a situación cambie. Isto que escribía Vicenc Navarro en 2015 tivo o seu reflexo en como, cos gobernos do PP de Aznar, houbo unha baixada na proporción que a Educación correspondeu no PIB e en como, en Comunidades como a de Madrid, se afanron en esaxerar a promoción da escola privada a conta da pública, desde antes da LOMCE. Agora, temos unha comparación máis desvergonzada a man para entendelo ben: a da xestión da Sanidade e a das residencias xeriátricas.


O máis sorprendente foi ver como nesa dinámica púidose advertir a connivencia da xerarquía episcopal predominante, máis ocupada en defender as súas alianzas de poder cos defensores das privatizacións, que en velar polo ben común. Ese estilo, pouco coherente co que o crente “Pobo de Deus” reclama, fai recordar que seguen vivas as alianzas do pasado por manter o poder simbólico da educación en boas mans; coma se vixiasen que a democracia puidese derramarse se se fose  saír do control aristocrático que sobre ela tiñan os privilexiados do Antigo Réxime. O neoliberalismo e o neoconservadurismo nútrense daquel zume e contan para sostela -unha vez máis- co modelo de relixión católica hexemónico que propaga a Conferencia Episcopal.

Esta da educación actual e as forzas que pugnan por controlala non é unha historia do pasado. Aqueles que a controlaron no pasado seguen aí e son os sucesores da súa propia tradición; poden testificarlo os poucos vellos que -despois da escabechina recente- viviron de cerca a política educativa dos vencedores da Guerra civil. As súas familias -como contaba Gloria Fuertes nalgúns dos seus poemas- tiveron que escoller entre poñelos a “estudar” ou “ir á escola”, mentres o grupo de “os selectos” reformaba e dirixía ao seu antollo canto se dicía ou facía desde Burgos primeiro e, despois, desde Alcalá, 34. Os que sigan o debate da LOMLOE no Congreso, poderán ver en directo quen son os herdeiros daquela situación de poder. Cal vai  ser a “nova normalidade” educativa está por ver, pero é dubidoso que vaia a desvirtuar moito a normal discriminación que había antes de marzo. Atentos!


TEMAS: Leis de Educación.- Debate democrático.- Liberdade educativa.- Universalidade da Educación.- LOMCE/LOMLOE.

Manuel Menor Currás,
Madrid, 19.06.2020


No hay comentarios:

Publicar un comentario