A opinión dos docentes...non conta?

10 dic 2020

As vacinacións traen un raio de esperanza


Nun panorama no que abundan os motivos desesperanzadores, paga a pena saber que existe unha solución estable á pandemia.


O longo período percorrido desde marzo deu pé a todo tipo de posturas, trazos e xeitos de actuar, con gamas tan diversas como as que teñen cabida nun bo dicionario de anomalías dunha vida corrente distorsionada e atrofiada. Que a Ciencia farmacéutica pareza nesta coxuntura adquirir prestixio e, ademais, valor nos futuros bursátiles -que algúns axentes propagan para captar clientela inversora-, obriga a repensar, en paralelo, algúns indicadores da situación en que andamos.


A información de PISA

Teoricamente, a Educación é o sector máis próximo ao científico; o Ministerio homónimo levou desde os anos sesenta o dobre determinativo: Educación e Ciencia. Hoxe, Educación é algo distinto no organigrama político, mentres o outro ámbito pasou nas últimas lexislaturas a ser dependente da carteira de Universidades, ou de Ciencia e Innovación. No entanto, segue sendo imprescindible unha boa base educadora dos ámbitos estritamente escolares para que ese cumio do sistema educativo -e científico- teña consistencia e sentido.

De pouco vale a entoación de ditirambos a ocasionais proxectos, se o común dos españois se queda noutro mundo galáctico porque o circuíto en que lle foi posible estudar algo, empezando en Infantil -que marca distancias para a Primaria-, e continuando nos tramos da obrigatoriedade ata os 16 anos ou nos de calquera das vertentes profesionalizadoras, só pode percibir que é curto, escaso de recursos, que a súa organización é obsoleta e que, en definitiva, o promedio de doce anos investidos para transitalo non mereceu a pena.


Sen ser partidario de que o pretexto dos informes da OCDE sempre propicie que os gobernos de turno -e os opinadores- nos entreteñamos, unha vez máis, en repetir tópicos máis ou menos agudos, case sempre inclinados a defender posicións prexuizadas, os datos actualizados do 25.09.2020 amosan que, no rendemento do alumnado ao final da Primaria, nas áreas de Matemáticas e Ciencias, hai disfuncións, en que parece ter que ver en grado relevante -segundo consello da propia organización que fai estas avaliacións estandarizadas- a preparación do profesorado nas devanditas áreas, á vez que non sobresae a capacidade de razonamento que mostran os encuestados.


Cousa da LOMCE?


O que en liñas xerais debuxa este informe é o nivel acadado cunha lei orgánica que ha ter moitos detractores. Tería interese por canto que a LOMCE avogaba por ter as claves da “calidade educativa”, e foi defendida polos seus promotores amparándose nun retorcido uso dos datos doutras avaliacións da OCDE logo de relegar un pacto educativo que estaba practicamente concluído e que, de xeito evidente, fose máis rendible; pero once anos máis tarde de que se empeñaron que non fóra adiante -porque tiñan todas as bazas para ter maioría nas inmediatas eleccións-, o mellor que se pode facer con todo ese historial acumulado é non esquecer as súas senrazóns.


Con ese fondo de memoria, non se debería perder de vista que se trata dunha foto fixa, puntual e xenérica, do nivel de destrezas para aplicar coñecementos que teñen os alumnos de 15 anos, adquirido non só na escola ou colexio, senón tamén nas súas outras circunstancias ambientais e domésticas en que están inmersos desde antes de nacer. Nos medios adoita destacarse, case soamente, a listaxe comparativa resultante cos países que están na cabeza, que, neste caso, en ambos tipos de competencias son: Xapón Corea, do Sur, Estonia ou Finlandia, mentres os nosos alumnos, nos datos actualizados do 25 de setembro de 2009, non chegan á media dos outro 38 países (A media é de 489 puntos e España rolda entre 481 en Mat. e 483 en Ciencias).

Ten interese advertir que o problema principal que mostra este Informe é que a proporción de alumnos ou alumnas que están no nivel máis alto é mínima, o que fai que o promedio estatístico baixe. Debería inducir a pensar que as cuestións a que apunta estarían inscritas no sistema que temos de ensino, e a mirar ben que e como se ensina, ademais de observar se reafirma e reproduce -pero apenas corrixe- problemas previos á entrada de cada alumno ou alumna no círculo escolar, os que configuran o capital cultural de que é portador desde antes de pisar unha aula.

Desesperanza?

O informe di reiterar “unha posición estable”, aínda que lixeiramente máis baixa que outras veces, da educación española; é dicir, que indica vellos problemas de equidade e inequidade que o sistema educativo existente debería resolver e que -á luz da súa historia anterior- parece reacio a enfrontar. Todas as preguntas principais para corrixilo deberían dirixirse, pois, cara ao que debería suprimirse, que debería modificarse e que debería innovarse; sería máis efectivo que poñer tanta paixón en novas leis educativas, máis empeñadas en soster alternancias partidarias no BOE, que en emendar con paciencia e constancia o que debe emendarse.

O primeiro informe PISA foi en 2002; pero o primeiro informe da OCDE sobre a educación española -de carácter estratéxico, sobre a política americana no Mediterráneo-, é previo a que, en 1969, se editase o Libro branco que anunciaba a Lei Xeral de Educación en 1970. Talvez non chovera abondo para que moitos dos problemas que alí aparecían fosen erradicados; o certo é que, dentro das diferenzas lóxicas, hai capítulos en que a inequidade segue viva e que, pese á CE78, seguen vivos logo de 42 anos. Non todo se debe á Educación; pero cun equilibrio máis xusto que o que estamos mostrando na súa xestión -igual que en canto incumbe á Sanidade e á Dependencia- non habería tanto persoal empeñado en que nos metamos o dedo no ollo uns a outros.

Atentos!

TEMAS: Vacinas Covid-19.- Informes PISA.- LOMCE.- LOMLOE.- Inequidade educativa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario