A opinión dos docentes...non conta?

8 ene 2021

A inestabilidade política en EEUU aféctanos perigosamente




Parece unha obviedade, pero precisamente por parecelo, o asalto ao Capitolio de Washington non debería pasar como unha noticia meramente curiosa.


É grave o acontecido; para moitos un golpe de Estado. Contradi que foron os portaestandartes da modernidade política que axilizou un sentido do común con fundamentos distintos dos que rexían o absolutismo do Antigo Réxime; antes mesmo de que en París se proclamase a Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán en 1789, a Declaración de Filadelfia en 1774 foi pionera, pero o espectáculo que deron onte -día de Reis en España- pareceuse en exceso á queima do Reichstag en Berlín en febreiro de 1933. Cando se lles escapa a hexemonía mundial, puxeron de manifesto a súa prepotencia de proclamarse a si mesmos como adoutrinadores democráticos dun mundo que controlaron logo da IIGM (Segunda Guerra Mundial).

O contrafactum do té

Os musicólogos utilizan este termo para referirse a cando, nunha canción, se substitúe o texto dunha determinada melodía; isto está sucedendo na política americana e, particularmente, nas pretensións hexemónicas entre os republicáns. Parece que o asunto do té -que fai 240 anos serviu para alentar o sentido democrático das entón colonias inglesas-, investiuse dentro do Partido Republicano ata dar nome a unha das súas faccións máis ultras e acoller os sentimentos fascistoides dalgúns grupos hexemónicos do panorama social americano; son os protectores das fanfarronadas de Trump, personaxe ao que ninguén parou e que seguirá marcando a axenda política de EEUU por máis que hoxe regrese a normalidade formal na sucesión de Biden na Presidencia federal.

Merece a pena atender ás razóns e métodos postos en marcha para que poida producirse este penoso espectáculo. Algunha historia temos detrás para comprender que nada sucede gratuitamente e por casualidade no terreo sociopolítico, onde sempre hai quen trata de pescar aproveitando que as circunstancias de calma vense alteradas por acontecementos incontrolables como pode ser -entre outros, neste caso- a COVID-19.

Política e politiquerías

Este tipo de pescadores, alleos ao uso aristotélico do sentido da “POLÍTICA”, como o concernente á POLIS (a cidade-o Estado) en que todos poden exercer a palabra -non as voces, cousa que os demais animais usan moito mellor- para tratar o xusto e inxusto, o conveniente e útil para todos, abusan do espazo de comunicación e tenden a copalo en exclusiva; segundo din, só eles e ninguén máis ca eles, ten coñecemento perfecto do que convén aos demais; arróganse, ata, como os reis absolutistas do Antigo Réxime -ou como os faraóns exipcios e os emperadores romanos- ser descendentes da divinindade ou, ata, verdadeiros deuses na Terra, aos que ninguén debe replicar se non quere ser considerado como inimigo e, como tal, represaliable.

Actualmente -despois do ben coñecido afinamento desta teoría por Goebbels, e pola publicidade que nos machuca as neuronas diariamente para que compremos algunha cousa inútil-, estes aprendices de bruxos e charlatáns de crecepelos abusan dos medios ao seu antollo, teñen arsenais de colaboradores que lles preparan o camiño dedicándose, entre outras cousas, a que o idioma que usamos en boa lei se desvirtúe. Ao compás de novos marcos lingüísticos que crean, desenvolven estratexias envolventes cos oíntes incautos a base de centrarlles a atención en problemas secundarios para desviar a súa atención do principal e, cando o ven oportuno, colocan no seu parloteo as súas solucións ao problema, sempre adecuadas aos seus intereses e aparecendo eles como salvadores porque a mellor sempre é a súa, segundo aseguran. Hai que recordar, neste momento, A teoría do Shock (de Noemí Klein, 2007) e, logo, Non penses nun elefante (de George Lakoff, 2017).

Liberados para ser obedientes

Esas son as claves para infantilizarnos, dourarnos a píldora e idiotizarnos de paso coas súas mentiras, graciñas e achados e, mentres tratan de conmovernos emocionalmente -e ata pasionalmente- con algún asuntiño que nos distraia, facer que nos sintamos culpables do que sucede por non lles ter votado sendo eles tan intelixentes e audaces; se nos deprimimos por tan mala acción como fixemos, máis idiotas nos consideraremos e esixiremos que sexan eles os que garden a nosa liberdade: eles liberarannos dos que traten de abusar dela -xeralmente outros en situacións peores que as nosas- e de imposicións supostamente abusivas dunha democracia aberta.

Un gran invento deste neofascismo rampante -tamén en Europa- é que nos sintamos adanistas, coma se nada sucedese antes de nós. Por contraditorio que poida parecer xa sucedeu antes e ben preto; cando a II República, os nacionais apareceron para “liberar aos españois” das hordas comunistas e, de paso, priváronnos das mellores intentos da historia española porque todos tivesen un posto escolar digno; Para entón, en Alemania xa estaban en escena os nazis, para liberar aos alemáns da humillación que sufriran na 1ª Guerra Mundial e no Tratado de Versalles e, de modo parecido, os italianos oían entusiasmados a Mussolini desde a marcha de Roma en outubro de 1922. Tamén sería un erro esquecer que sempre tiveron cómplices nese salto cualitativo desde a racionalidade da palabra á irracionalidade da forza, ou que algúns deles sobreviviron para seguir intentándoo.

Desligados de prexuízos, pódese observar con facilidade, así mesmo, que nas “culturas escolares” que rexeron e rexen as nosas vidas, os currículos educativos non son alleos a estes pasos da historia política e social; o sistema educativo que temos, cos seus miúdos, son herdeiros desta historia inacabada. Por iso, é recomendable volver ler a John Dewey -prohibido en España ata que o publicou Morata en 1975-, cuxas advertencias dos anos corenta insistían -para non botar balóns fóra- no que podía estar sucedendo ao redor; sen contar con que acontecementos como o de onte en Washington teñen soñadores entre nós, as institucións democráticas sempre están en risco cando cedemos a nosa liberdade ao autoritarismo de líderes totalitarios. Medo á liberdade, de Erich Fromm (1941), axuda a entender as enormes ambigüidades en que se move esa suposta caracterización do ser humano, e máis cando esta palabra -das máis belas da linguaxe sociopolítica- é sobada por expertos en remover o seu sentido máis iluminador da existencia.



TEMAS: Liberdade.- Democracia.- Golpe de Estado.- Herdanzas educativas.-Adoutrinamiento mediático.

Manuel Menor Curras

Madrid 07.01.2021

No hay comentarios:

Publicar un comentario