A opinión dos docentes...non conta?

30 ene 2021

Este ano da peste é crecentemente aleccionador


Ninguén nos examinará das súas leccións, nin en modo on-line nin presencialmente, pero non nos libraremos dunha avaliación do que aprendamos.

Especialistas como Aguado, na Comunidade de Madrid, melloran moito a interpretación do liberalismo clásico. Certo que unha Comunidade autonómica non é o Estado, pero si parte substantiva deste (segundo a CE78); sexa como sexa, é unha plataforma perfecta para que algúns políticos se sintan “varóns”, eufemismo aristocratizante que podería traducirse como “reiciños”, de carácter máis ou menos absolutista segundo talantes e na medida que dicte un guión que alguén escribe entre bambalinas. Este vicepresidente confirma, desde a tarima profesoral do seu cargo oficial, que son partidarios do “Estado mínimo” decimonónico, tan pequeno que, ata nunha situación grave como a actual, decidiron non facer nada e que o pouco que fagan redunde en beneficio dos que os levantaron a protexer os seus intereses.

O orzamento

Mentres, en leccións anteriores, aprendemos que o 50% do orzamento de Sanidade madrileño que administran vaise a entidades privadas, descapitalizando o que resta de Sanidade pública; e nos decatamos de que, dado o déficit de prazas para atender aos enfermos que se acumulan, contrataron hospitais privados a uns prezos que parecen de suite hoteleira de cinco estrelas. En Madrid -punta de lanza do neoliberalismo máis rancio- a lección maxistral que acaban de proporcionar -exemplarizada a modo de power-point moi gráfico con actuacións colaterais- se sintetiza en que “non queremos tomar máis medidas”. Se a situación empeorase, entendemos que é o Goberno de España o que ten que tomar cartas no asunto. Adicionalmente, para que quedase máis claro, na propia Asemblea de Madrid -teóricamente a aula magna da democracia autonómica- a presidenta do lugar chamou “lerchos” aos que se manifestan ante o seu hospital estrela por afearlle a mala xestión e o schock que, nos asuntos sanitarios, está producindo. Podía ser o mesmo se de Educación se tratase, porque o explicou outras moitas veces ante a teimosía da metade do alumnado.

A conclusión, como alumnos oíntes, é pensar que moi ben, estano facendo moi ben; dan moi ben na foto da tarima, sobre todo cando se pelexan ante as cámaras para mostrarnos o afoutos que son para mostrar que, porque nos queren, están dispostos a pelexarse de continuo con quen sexa; uns segundos narcisistas nos twits dos amiguetes están divinos, aínda que ao resto do alumnado esas cuitas mediáticas nos fagan  bocexar.

A peste

É propio da escola dogmática e berrona o aburrimiento, porque nos fai conscientes de que non pintamos nada nesta historia salvo como paganos. Coidado co silencio! No patio de recreo deste colexio crece a sensación de que estes homes de palla son unha estafa. Ninguén se explica que, nin nunha situación tan grave como esta, os patrimonios duns poucos sigan medrando, por máis que esta pandemia estea levando por diante máis xente que calquera guerra convencional; recordan o que lles mandaron ler en Defoe, quen ao final de O ano da peste, di en 1722: “Terrible peste…, cen mil almas levou, ¡pero eu sobrevivo!”.

TEMAS: Sanidade pública.- Sanidade privada.- Estado mínimo.- Neoliberalismo.- Medidas anti Covid-19.



Manuel Menor Currás

Madrid, 29.01.2021

No hay comentarios:

Publicar un comentario