A opinión dos docentes...non conta?

18 dic 2021

Que teñan un bo solsticio!

O día 21, ás 15,59 hs., a posición do Sol respecto ao ecuador inicia o inverno. Que pasa coa distancia que hai entre o legal e o xusto?


A reclamación dunha familia en Canet de mar polo tratamento do castelán na escola do seu fillo levou ao líder da oposición a dicir que o Goberno está desobedecendo a sentenza xudicial favorable a unha protección máis estrita ao ensino deste idioma en Cataluña; podería acusarlo de varios delitos, por vulnerar o art. 3 e 27 da Constitución, ademais do art. 27 da Carta Europea dos Dereitos Humanos.


Pola súa banda, un fiscal de Xenebra veu establecer, logo de descartar unha misión rogatoria a Arabia Saudita para coñecer a orixe de 65 millóns de dólares de Juan Carlos I, que este non era encausable por un suposto delito de branqueo de cartos. Arquivada a investigación, a inviolabilidade de cando era rei en 2.008 xoga a favor da súa impunidade legal e, xa que logo, deixa para cada cal o xuízo moral que este asunto lle mereza, xunto coa exemplaridade da institución de que foi peza importante o emérito.


Noutra orde institucional, na “comisión Kitchen” que o Congreso de Deputados ten aberta para pescudar presuntas responsabilidades do partido que lidera actualmente a oposición no uso de fondos de xeito legal ou ilegal -e os “pufos” correspondentes- , o que se puideron ver e escoitar son habilidades de enquisadores e Rajoy para que, entre mil estrataxemas, quedase de manifesto a habilidade de manexar o silencio e que ninguén se decatase de nada, nin sequera de se eran ficción ou realidade os implicados e tres sentenzas xudiciais.


Desentendementos

Cada un destes asuntos ten detrás un conxunto de referentes lexislativos que, segundo sexa o xuíz, poden ter un veredicto xurídico ou outro, ambos perfectamente legais se a técnica xurídica é impecable. Estamos afeitos  a velo nun asunto que, como a prevención pública da pandemia, toca aínda máis directamente a protección da vida dos cidadáns, con diverxentes sentenzas nunhas ou outras Comunidades autónomas. Logo de corenta e tres anos da última restauración democrática, en 1978, temos encomendados ao desentendemento xudicial bastantes discordancias políticas ás que o sistema xudicial tampouco poñerá arranxo. Por iso seguiremos discrepando no que é xusto e o que é legal, amparados en que a lei é a democracia e que sen lei onde iriamos parar.

Adoita ser penoso, por tal motivo, seguir un debate parlamentario en que saian a relucir cuestións xudiciais duns ou outros partidos; por moi encumiadas que estean as institucións de que falan, cando din que son os alicerces do sistema é difícil non acordarse de Sansón e os alicerces do templo e que non se afaste a valoración relevante que deba asignarse á CE78. Entre outras cuestións pendentes, nos últimos tres anos volvéronse especialmente lamentables as decisións que afectaron a órganos principais do sistema xudicial, e aos desacordos vixentes respecto ao órgano central da xudicatura.


Aínda que cada cal poida pensar o que queira, nalgunhas instancias é dado advertir que prosegue a melancolía. Antes de 1789, cando o poder era incuestionablemente absoluto, os reis tiñan o seu “peto secreto” para xestionar asuntos que estimaban arriscados se se facían públicos ante os súbditos; non fosen decatarse de que non xustificaban a fidelidade que debían á misión que polo menos teoricamente tiñan encomendada de atender á súa “felicidade”. Xa empezara a ser arriscado xogar coa falta de seriedade nese campo cando no horizonte se empezaban a albiscar os “dereitos de xentes” e, con eles os primeiros indicios do que no último terzo do século XVIII ían ser “os dereitos do home e do cidadán”. Polo si ou polo non, os libros de educación de príncipes xa se encargaban de corrixirlles posibles caprichos.


Restricción mental


Para previrse das pretensións de igualdade cidadá, aínda que case só fóra ante a lei -e sen entrar en detalles de como se executaban nos tribunais-, tamén florecera unha doutrina que permitía a evanescencia ao falar de asuntos en que se puidesen prexudicar os intereses do que falaba. A “restricción de conciencia” era un artefacto de honesta mentira que os confesores menos rigoristas da moral confesional -nunha sociedade de cristiandade como era Europa, e España en particular- permitían e, ás veces, aconsellaban.

Polo albiscado estes días pasados, por moito que avancemos en non se sabe ben que, por estar vivos a finais de 2021, non parece que o ritmo dos comportamentos morais colectivos, a ética común e o seu reflexo en esixencias concretas da convivencia, progresen moito. Estas esixencias adoitan ser motivo de liorta permanente, especialmente cando incumben directamente a negocios, asuntos ou cuestións en que a ganancia e o interese económico dalgúns cidadáns non tan iguais como os demais andan por medio, que é case sempre. Poida que por iso mesmo, en situacións de risco como a que está suscitando a 6ª onda da Covid-19, as institucións a que corresponda deixen á elasticidade da nosa “responsabilidade” a resposta axeitada.

Agora que se achega o Nadal e parece que todos, guiados pola cíclica nostalxia dun imaxinado paraíso perdido, se senten inclinados a desexar o ben e a paz ao seu próximo, non estaría mal que, polo menos as institucións, tratasen de corresponder coa honesta exemplaridade de quen as rexen ao que demandan os que as sosteñen.

 Bo Nadal! Bo solsticio de inverno!



TEMAS: Exemplaridade política.- Restrición de conciencia.- Dereitos cidadáns.- O legal e o xusto.- Responsabilidade cidadá.



MMC (Madrid, 16.12.2021). 

No hay comentarios:

Publicar un comentario