A opinión dos docentes...non conta?

20 oct 2022

Desencontros a destempo


A educación recibida condiciona entender que estea a suceder. Mesmo pode evitar que prevalezan despropósitos egoístas nas decisións colectivas.

Mentres os dous líderes destacados do momento político se encerellaban nun melancólico desencontro por quedar ben firmes ante os seus posibles votantes, unha reporteira preguntaba na rúa sobre a vivencia a destempo do vranciño deste mes de outubro. No Senado, a cuestión era se conviña endebedarse cuns orzamentos expansivos ou se era preferible un aforro de recortes selectivos: dous modelos opostos para afrontar unha realidade crecentemente complicada ante a que os dogmas neoliberais desaparecen por ensalmo. Na rúa, a prolongación do tempo tropical gañaba por goleada a cuantos de esguello non obviaban as urxencias máis problemáticas do cambio climático. Por medio andaba -unindo o debate parlamentario coa rúa- a alusión dun dos políticos a que as decisións tiñan que ter en conta esa realidade esquiva, especialmente o uso dunhas ou outras enerxías, que  a Terra esixía para a súa sustentabilidade.

 Interferencias semánticas

 Non é difícil ver que, tras este tipo de cuestións -seguramente as máis importantes do momento actual-, latexan interferencias de intereses concretos en posicións que se din independentes. Todos os temos respecto ao mundo en que nos movemos e, ao mostralas, ninguén é indiferente ás competencias aprendidas que lle axudaron a valerse na vida. A conxunción de ambos os ingredientes gravita na maneira de interpretar o que sucede pola que nos inclinemos racional ou irracionalmente.

Á hora de posicionarse, mesmo para valorar a contraposición de intereses o que aprendese cada cal é primordial, aínda que non todos aprendamos igual, nin todos tivésemos as mesmas oportunidades para aprender. Ha de engadirse, ademais, que para determinar o que mereza a pena ser retido como significativo, as maneiras de crear opinión a que cada cal se apegue xogan un papel relevante. Nunca foron neutrais, e o filtro persoal que cada cal sexa quen de poñerlles é o que mellor valida a súa fiabilidade para non deixarse manipular por intereses alleos nin prexuízos solemnes. Non é un asunto novo, e a guerra actual en Ucraína permite observar os rumbos interesados que se concertan para crear opinión favorable a algún dos bandos contendentes; ata en noticias intranscendentes, incluso os trazos da voz son portadores de información pautados nun guión condicionado. Dito doutro xeito, que os individuos teñen pouca capacidade de reacción ante estas argucias se a súa formación foi débil ou se limitou ao memorismo do irrelevante na súa escola.

Nese contexto maleable, máis propagandístico que informativo, funciona unha maquinaria experta en darlle a volta a expresións como “liberdade”; ao ritmo que vai o estropicio pronto torcerían o seu gran significado orixinario. Lakoff e moitos outros nos alertaron, pero a súa voz soa no deserto; pouco vale, pois, reclamar o que non nos deu a escola -porque xa se pasou a nosa escolarización-, pero pódese aprender algo da vida que se está vivindo. Poñan, por exemplo, o oído no que se di nos parlamentos, incluídos ata os municipais, e poderán acumular un bo catálogo documental en que as apelacións ás grandes palabras que deron sentido á modernidade son pretextos para coar privilexios e negocios particulares a conta dos orzamentos públicos. Para garantirse clientes presos hai moitas, pero merece a pena centrarse nas que incumben á Saúde, Educación ou ás residencias xeriátricas; oídas un par de veces, enseguida agudizan a comprensión do auténtico significado que os listos do lugar dan a expresións que motivaron ás persoas comprometidas co ben colectivo. Verán que “liberdade”, “tolerancia”, “coñecemento”, “convivencia”, “democracia”, e outras concernidas dun ou outro modo por decisións concretas, reducen o valor semántico do que realmente debe importarlles, salvo que sobreentiendan que a súa vida –a súa- impórtalles un bledo.

 Pobreza semántica e pobreza palpable

A pobreza que o mal uso destes termos xera ten que ver coa outra, a da necesidade física. Cada vez está máis preto estoutra “pobreza” e pode ser tanxible na propia familia, no que hai para comer, para o gas e a electricidade que fixeron máis confortable a vida ata o de agora. Afecta á mobilidade para desprazarse a diario ou á capacidade de facer traballos diversos. Diminúe o stock dos bancos de alimentos dispoñibles para os que fan cola para poder comer. Din na radio que un de cada tres nenos españois está en risco de exclusión, e engaden que a esperanza de vida baixa proporcionalmente ao aumento desta pobreza. Alguén que un coñece de sempre ten traballo pero o que lle pagan apenas lle chega para cubrir os gastos imprescindibles…; toda esta pobreza está á porta de casa, non é a que aparece no telexornal cando estamos a comer e advertimos que non estamos na África subsahariana. É a pobreza do mundo en que vivimos e que está aquí interpelándonos cando algúns supostos representantes políticos exprésanse en plan elegante e chulesco e, sen compaixón ningunha co mundo dos cidadáns correntes, manipulan e terxiversan os termos máis prezados. Son os responsables de que, por exemplo, Alberto Reyero dixese, despois de deixar o seu cargo na Comunidad de Madrid: “Negábame a seguir compartindo consello de Goberno con persoas sen escrúpulos” (Entrevista en El Plural.com, 11.10.2022).

Empobrécennos máis co seu balbordo. A displicencia que rezuma este tipo de influencers na vida política e cultural difunde un egoísmo narcisista que impedirá afrontar os retos que cada día que pasa aceléranse máis. Javier Marías deixou nos seus artigos e novelas abundante material para que non se vaia todo ao garete. En Frankfurt é posible que alguén se acorde estes días da primeira entrega de Tu rostro mañana, en que deixou unha boa descrición desas persoas coas que merece a pena establecer distancia, pola súa soberbia inmensa, “que senten, quizá xulgan, que o mundo vive en débeda con eles; canto lles chega de bo élles tan só debido, que menos; descoñecen o contento e a gratitude por tanto… Son xente intratable, que xamais aprende nin escarmenta. Séntense acredores do mundo sempre, aínda que leven a vida agraviándoo e desposuíndoo”.

TEMAS: Manipulación informativa.- Linguaxe parlamentaria.- Pobreza.- Actitudes democráticas.- Lectura comprensiva.

MMC (Madrid, 19.10.2022).

No hay comentarios:

Publicar un comentario