A opinión dos docentes...non conta?

27 dic 2022

Solsticio de inverno

Un potencial tempo de cambios de luz é desexable para orientar comportamentos e actitudes colectivas 

Entre o 20 e 21 de decembro -o día 25, no calendario Xuliano, anterior ao Gregoriano-, dóbrase o tempo cósmico da Terra pola súa metade. Os campesiños tíñano en conta para as súas pautas de sementeira, podas e recolección; moitas celebracións ligadas á alimentación, o viño, a cervexa e a limitación da fame que traía o inverno, adoitaban coincidir nestas datas. Cando remata o ano cronolóxico na nosa posición do Hemisferio Norte, na elíptica en que a Terra se move ao redor do Sol empezamos a ter máis luz cada día ata o 20 de xuño, mentres se acurta a duración da noite. 

 A elipse do Nadal

Esta posición astronómica é un intre acreditado en todas as culturas con rituais de cambio e renovación. Na cultura cristiá tradúcese na festa de Nadal e a asimilación de Xesús ao Sol, cuxa divulgación procede da relixión mitraica. O pasado afastado dunhas e outras aculturacións non é difícil de descubrir cada ano tras as versións actuais destas festas, tan atrapadas nas estratexias comerciais que se apropiaron dos agasallos, contos, cancións, sentimentalismo familiar e luces con que as adornamos.

No curto prazo da vida de cada cal, o solsticio do Nadal adoita ser un tempo narrativo en que a elipse da morriña volve a un pasado en que, segundo a idade, demasiadas cousas xa non son o que eran. O tempo da infancia sempre é un momento xa ido en que a distancia co que parece que era fraxiliza os encontros familiares, agasallos e ilusións do presente. A construción do Nacemento en casa, con papel de prata para recrear un mundo ideal con Herodes no seu sitio, o portal e os anxos, as lavandeiras e os pastores, sen que faltasen uns magos que viñan de Oriente, levábanos a un mundo utópico guiado por unha estrela. Sen darnos conta, foi parecendo cada vez máis imposible, aínda que o retivemos no recordo, e nas mellores mensaxes de felicitación que andan estes días por Internet, aqueles anceioss dun tempo aparte e feliz, circula como trasunto daquel mundo ensoñado, en fase de difícil construción coa igualdade requirida para que sexa xusto, en paz para todos e sen tensións de dominio e submisión. Non hai dignatario dos que poñen o seu busto nas pantallas estes días que non faga cantos de encomio ao que non é; non hai corporación que se prece que non arme unha tarxeta postal, ou dixital polo menos, para que a súa clientela se sinta arroupada pola suposta identidade dun mundo equilibrado, en solsticio detido de “boa vontade”. Nos anais destas datas, sempre está a sospeita da paréntese; a elipse do Nadal pásase cada vez máis pronto. Enseguida nos atopamos con que pasaron os Reis e xa estamos de novo en clase, como cando eramos críos, esbozando cousas nos cadernos, facendo deberes e soportando leccións que non sabemos para que serven, cando o importante sempre é o que non alcanzamos e que seguramente non alcanzaremos nunca: que o Nadal deixe de ser unha paréntese porque a Historia de verdade empezase a ser doutro xeito. Por iso amólannos tanto os que aproveitan as defensa baixas dos mortais estes días, para vender un proxecto en que regalan algo e só queren fidelizar a nosa obediencia á súa película, o seu perfume ou o seu inútil crecepelo, tan á propóstio para non preguntar sobre a súa inutilidade.

Os contos de Nadal

Fóra dos núcleos máis sintonizados coas ruidosas modernidades que veñen dos núcleos de poder, é difícil atopar xente propicia á credulidade dos contos de Nadal. O propio Dickens dá a entender que do que quere falar realmente é de persoas pouco afeitas a tratar coa infancia, que non a respectan o máis mínimo e que, sobre todo, aprovéitanse dela inmisericordes. A atención que reclama sobre o avaro Scrooge advirte como os supostos valores da compaixón e un mundo mellor non poden tapar os males en que vidas en principio non destinadas a sufrir desde antes de nacer, víanse atrapadas. Ese mal campaba polas rúas de Londres, como pode facelo polas de Madrid, en que se reclama agora a propina no canto dunhas condicións laborais xustas, ou se pide paciencia aos  que non teñen os servizos de Sanidade ou Educación debidos, padecen fame e terán máis.

A elipse sentimental do Nadal adoita vivirse deambulando polos corredores baleiros dos días tratando de abrir portas e xanelas que dean a algunha parte; traspasado o salón coa mesa ben provista de alimentos e doces que non se ven durante o ano, non se adoita saber que facer co tempo. Pode, con todo, traer un bo agasallo se dá acubillo a un propósito terco de mirar por onde se anda. Mirar para ver ben, aínda que soe a solitario, será reconfortante, a máis diso útil para todos; dará en asombrarse co que circula ao noso lado, o que é unha forma de facer algo con proveito, ademais de gran aventura. Non deixarse impresionar polo secundario esquecendo o principal, aprender a distinguir o que merece a pena e refugar o irrelevante é unha oportunidade única que temos para deixar ao carón o desconcerto e a cara de paspán que poñemos cando non entendemos nada ou dicimos que non entendemos.

Os crentes sempre teñen a man un tempo de Nadal perdurable; como din no Prefacio da misa de defuntos, “a vida dos que en ti cremos, Señor, non termina, transfórmase e, ao desfacerse a nosa morada terreal, adquirimos unha mansión eterna no ceo”. Ao imaxinario do resto, o tempo limítaselles estritamente a unha dimensión caduca e sempre curta, sometida a leis físicas como a lei da gravidade, que nos ata ás que rexen os cambios da Litosfera e a Biosfera, ás cales lles importa pouco a presuntuosa liberdade e ideario en que adoitamos movernos neste etapa do Antropoceno: esta era en que andamos metidos acusa o noso paso pola Terra, pero no fondo élle indiferente que houbese dinosauros ou homínidos en fase de ser sapiens. Ensina, iso si, que as leis da xeodinámica terrestre obrigan a todos por igual, tamén no tempo transitorio deste solsticio, en que se inscriben os tempos evenemenciales deste raro presente histórico. Esta “morada terreal” de todos está feita dun material caduco, que se non o usamos con criterio pronto deixará de acubillarnos; aínda que os soños de felicidade sexan moi particulares, non teñen por que ser incompatibles co bo uso da Biosfera, se usamos a intelixencia e a vontade no ordenamento das prioridades comúns. Feliz Solsticio de inverno! Se a súa luz crecente aviva a conciencia e as urxencias de conciliación, valerá a pena celebrar este tempo fugaz.

TEMAS: Fugacidade do tempo.- O tempo da Litosfera e a Biosfera.- O tempo da Historia.- O tempo do Nadal.

MMC (27.12. 2022)

No hay comentarios:

Publicar un comentario