A opinión dos docentes...non conta?

14 mar 2024

Bandeiras brancas e manipuladores sofismas


Despois de 20 anos, aínda son perceptibles múltiples efectos  do 11-M. perigosos para o futuro democrático.

O Papa Francisco armouna un pouco a conta da bandeira branca; reclamaba paz, conversacións de paz, e quixeron entender que falaba de rendición, un grave pecado na moral política que rexe actualmente  nas  guerras de Oriente Medio e no Leste europeo. En latitudes próximas, a repetición de escenas, vídeos e entrevistas de hai vinte anos, puxéronnos diante outra vez os atentados do 11-M en catro estacións de proximidade de Madrid e, principalmente na de Atocha. Cantos foron testemuñas, sufridores directos ou indirectos daquel masacre, volveron emocionarse co recordo do respectuoso silencio solidario que durante todo aquel día transpirou en toda a cidade e, sobre todo nos lugares de traballo frecuentados polos feridos e mortos naqueles trens. Entrecortadas, as bágoas e voces daquelas horas falaban do limitada que é a vida e, ao tempo, de como a morte, convertida en posibilidade certeira e próxima, as rozara . Cantos nos primeiros minutos tentaban contar algo botando contas de se faltaba algún compañeiro, algún alumno ou alumna, ou alguén coñecido, lamentaban o tempo perdido en bobadas e intransixencias banais.

Desertos e montañas

Foi unha situación provisional, pero marcou a vida sociopolítica. Estabamos en vésperas de eleccións e sobreveu un interesado apagamento informativo; cando xa a policía tiña datos fiables de que fora un atentado yihadista, a peregrina comunicación informativa daquel Goberno insistía en ETA e, de entón acá, a tese oficial da contorna do PP aznarista e da súa ben amada FAES seguiu sendo que “os que idearon o 11-M non están en desertos nin en montañas afastadas”. O pretexto xustificativo de perder aquelas eleccións, cando Rubalcaba dixera que “os españois non se merecen un Goberno mentireiro”, aínda o repetían en novembro de 2007 –despois do xuízo presidido por Gómez Bermúdez- alegando que, “sexan quen sexa” conseguiron “cambiar o curso político de España”. E tanto que o cambiaron. Estamos en 2024 e as conmemoracións oficiais de antonte, día doce -máis un novo comunicado do FAES de Aznar-, deron a nota da discordia, cada cal cos seus mortos.

Despois daquela sesgada información, defendida durante anos con teimudez numantina, nada no plano informativo e relacional semellou a aquelas horas douradas en que, a pesar da dor, cabía unha gran esperanza no entendemento entre as persoas. Impúxose a estupidez da credulidade xusticiera e vingativa. Aspectos principais da democracia quedaron en dúbida, as desconfianzas conspiranoicas floreceron, e a tradución práctica de todo iso foi que a verdade non existe, e menos se quen ten o poder gobernamental é o adversario político, presunto “autor intelectual” daquela perda de poder e, por tanto, detentador “ilexítimo” do mesmo. Convertido o opoñente en inimigo, nada do que faga, propoña ou lexisle –aínda que teña o favor do Congreso de Deputados- é valioso e merece sempre unha oposición descarnada, en que ata se senten lexitimados para contravir a Constitución nun asunto tan grave como o do Consello do Poder Xudicial.

Unha lectura pausada do acontecido desde o 11 de marzo de 2004, fai ver esa data como un parteauguas da vida democrática española. O gran efecto daquela canallada infame é a desconfianza que quedou sementada e que, no transcurso de 20 anos, non foi erradicada. Segue alimentada periodicamente con manifestacións rueiras oportunistas e vilezas con que a parte do hemiciclo que está na oposición trata de abafar o Gobierno de Zapatero e, desde 2018, os de Pedro Sánchez. Esas maneiras bravías fronte á esquerda utilizan a fondo os manuais de insultos e fórmulas sofísticas para darse a si mesmas a razón; cun chisco de verdade , nula intención de entenderse e gran vontade de ocultar vergoñas, o seu ferretoso enxeño trata de que quede airoso o seu afán da verdade e a xustiza. Tan intenso é que non dubidan en estirar os argumentos de modo apodíctico ata a mentira rotunda para que o adversario quede vilipendiado e que a súa honra sexa deostada polos máis ultras. A estas alturas , locen especialistas adestrados para competir en insultos cociñados con sinónimos raros, citas de relumbre e digresións que deixan no aire unha contaminación que erosiona, cada vez máis, a verdade da democracia: non se discuten os problemas, pero atácase ás persoas. No Senado e no Congreso, nas asembleas das Comunidades, nalgunhas emisoras de radio e nas moi prolíficas redes sociais –dubidoso adxectivo ante o que din- proliferan cada día algúns ofendidos exemplares, campións dunha verdade, liberdade e outras palabras que día a día perden aprecio. A algúns, delátaos a hemeroteca; o seu currículum –protexido a miúdo por gardiáns cómplices- se compadece mal coa súa roma memoria e co que xa lles escribiron outros dos seus moitos guionistas a soldo.

O papa Francisco topou con algúns superconvencidos de que sen eles a verdade e o ben non teñen futuro: a paz, o cambio climático e canto mereza a pena repensar debe pasar polas súas neuronas. Bergoglio teno complicado para dicir algo sensato; as súas maneiras de achegarse aos problemas reais tratando polo menos de chamalos polo seu nome, son contestadas entre quen continúa no escalafón do oficio clerical insultando á intelixencia e rezando por ver se este papa morre. A esta fachosfera clerical non lle gusta o que di e como trata de contactar cun mundo cada vez máis secularizado en moitas pautas de conduta; proseguen coa nostalxia da “cultura de cristiandade”, cando Trento puxo freo á Reforma. Tamén algúns políticos –e políticas- atoparon despois dos atentados do 11-M a epifanía redentora nun  contrarreformismo cuxos matices perimetra un neoliberalismo agreste, un neoconservadurismo rancio e un equívoco anarcofascismo rico. Cando a unha “ilustre estudante” da Complutense, e Camareira Honorífica dunha Real e Ilustre Congregación, lle poñen diante un micrófono tremen cantos, sobre todo desde as Facultades de Información e Ciencias Sociais, oen que di de Educación, Dereitos sociais, Muller, Liberdade ou calquera outro asunto que a Historia cargase de gran significado. O seu modo de dicir estas palabras recórtaas de tal modo que sinala o canon para restaurar e, por efecto do 11-M, desbarata canto afán progresivo acumularan antes de 2004. 

TEMAS.- O 11-M2004.- Desconfianza políticos.- Terxiversacións da verdade.- Fachosfera clerical.- Oposicionismo sofista.

 MMC (Madrid, 12.03.2024).                           

No hay comentarios:

Publicar un comentario