A opinión dos docentes...non conta?

23 jul 2024

Entre xogar e celebrar vitorias pode haber profundas diferenzas

 

Entre xogar e celebrar vitorias pode haber profundas diferenzas

Xogadores como os da actual Selección Española de fútbol poden entusiasmar aos espectadores, e poden defraudalos a primeira ocasión.

Entre os humanos, perder os papeis, desacreditarse dicindo parvadas ou xesticular con malos modos, é máis frecuente do desexable. Non é raro, ademais, que outros humanos concedan autoridade  a tales despropósitos, acírranos sen disimulo e esgrímenos como argumento nos seus propios razoamentos sobre o que acontece. Tanto o atribuírse capacidades selectas que non se teñen, como o fiarse de provocadores xesticulantes é ceder capacidade de razoamento e vontade moral á volubilidade do momento e deixarse levar. A fascinación polo fútbol non merece a admiración indiscriminada que, fóra do terreo de xogo, demandaron algúns membros da selección gañadora da Eurocopa 2024, especialmente cando o celebraron publicamente en Madrid.

Entre Séneca e Trump

Unha vella reflexión de Séneca (século I d.C) aconsellaba que “Cando queiras calcular o auténtico valor dun home, examínao espido: que se desposúa do seu patrimonio, que se desposúa dos seus cargo e demais dons enganosos da fortuna, que ispa o seu propio corpo. Contempla a súa calidade e nobreza humana, e se é grande polo alleo ou polo seu propio” (Epístolas a Lucilio , IX/IX, 76).

 

De seguir a Séneca, pronto veriamos que, ademais de deixarnos guiar a cotío pola opinión doutros, renunciamos á reflexión propia e deixámonos ensarillar pola imitación. É moi probable, mesmo, que, a partir de aquí, caiamos na conta da multitude de medios e maneiras de presión que existen para iso, incluída a moda e a paixón pola aparencia que nos fan chegar as múltiples pantallas entre as que circula a nosa existencia. Non sería raro, mesmo, que –como o propio Séneca aconsellaba- comprendésemos o inútiles e vas que son moitas cousas das que nos rodeamos porque outros as posúen, sen reparar en que deste xeito, entre os nosos males está o vivir “arrastrados polo costume e sen rexernos pola razón”. Nesa dirección, non é difícil comprobar o frecuente que é que se imiten maneiras e modos de facer e pensar doutros ao advertir que determinado hábito empeza a ser frecuente. Antes de ver que ten un grao de aceptación ambiental na contorna, non adoitamos arriscar e, sen advertilo, pronto incorremos en usos aburridos e descaradamente pechados. Sen caer na conta de que non son naturais, a súa aprendizaxe con frecuencia de gran parvallada, moi perigosa na medida en que a súa xeralización se normaliza como obrigada rutina.

No caso dos dous partidos hexemónicos de EEUU, puidemos ver nestes anos como este hábito conduciu aos candidatos republicano e demócrata a unha disputa polo poder que, de xeito evidente, mostraba esclerose política. Esperemos que a retirada de Biden  –por problemas esencialmente de vellez- leve aos seus correlixionarios para corrixir esa tendencia, tan proclive ao illamento, que abandona as maiorías e os seus problemas. Do acerto que teñan dependerán en boa medida as eleccións do cinco de novembro e, tamén, unha tendencia favorable a que a democracia, de que din  ser faro iluminador, sexao no mellor sentido. Teñen por diante aínda moito camiño que percorrer ata que os conflitos internacionais en que participan cambien de orientación; sen unha nova mentalidade e persoas máis novas, o máis probable é que sigan percorrendo o camiño trillado da prepotencia excluínte. Desandalo só será posible con persoas e propostas realmente innovadoras, tanto cara ao interior do seu país, como cara a un exterior en que crecen problemas perentorios e competidores.



Do réxime político dos medios

No territorio que nos incumbe máis de preto, parece esquecerse o que, en setembro de 1934, Miguel de Unamuno pedía aos estudantes que rexeitasen a peor linguaxe bélica: “a calumnia, a inxuria, a insidia e o insulto”. Volve asentarse, pola súa suposta rendibilidade política, que opinións doutros, non contrastadas e con frecuencia infestadas de falsidade e mentira, teñam quee rexer o que individualmente debamos pensar e decidir na vida colectiva, antes e despois de votar. Segundo este principio, toda opinión propia non vale nada se non coincide co que se propaga desde tales focos de opinión, interesados en que vivamos pendentes de vidas alleas, veña ou non a conto, e en que odiemos un pouco máis aos nosos veciños. Deste xeito, veu a ser un signo de virtude patriótica que un xuíz con vocación de inquisidor xeneral, atento ás sospeitas de medios e organizacións non moi claras, abra proceso a quen teña aire de insidia e malicia. Ademais, políticos hai dispostos a aproveitar o eco destas secuencias noticiosas para proclamarse intachables invocando esta burla. Como dicía tamén Unamuno, estamos en fase de que “deficientes mentais e espirituais” fascinen a “unha masa humana” de crédulos.

Entre tanto implicado en instaurar un réxime político de Instagram ou de X, que pase coa honra dos aludidos nestes relatos, que aconteza ao tempo perdido en difundilos en nome dunha suposta “liberdade de expresión” ou a que responda a rachadura de vestiduras que moitos interpoñen por medio como pretexto, non parece importar. Menos  parece interesar que lle ocorra á verdade, a xustiza e os deberes colectivos. A fartura de tanta falsidade teatral e o cansazo da cidadanía están a impoñerse a causa de tanta demostración anti-exemplar ante os cidadáns. A ninguén lle parece preocupar a quen lle aproveita esta tensión provocadora, nin que está a aprender quen está en idade de abrirse ao coñecemento e a unha convivencia en solidariedade, ou a todo o contrario.

Non é estraño, por tanto, que os máis seareiros destas formas de actuar, sexan os mesmos que, no que incumbe ao ensino público -o de todos-, pasen olimpicamente. Embebidos como están en privatizacións de servizos e en que os medios estean baixo o seu dominio protector, non teñen tempo para prestarlle atención; deixan que se deteriore onda outros asuntos principais como a solidariedade ante os menores inmigrantes.  Ademais de non xogar ben -como fixeron os mozos da selección-, cando falan repiten guións de despropósitos e hipérboles sintácticas que poñen en risco a racionalidade democrática.

TEMAS: Política e Moral.- Debate social e político.- Mentira e falsidade políticas.- Exemplaridade moral.- Cultura e educación cívica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario